120 BATTEMENTS PAR MINUTE, de Robin Campillo

París, principios dos noventa. Un grupo de activistas de Act-Up, asociación internacional que loita pola visibilización do VIH e a súa erradicación, reúnese nas aulas dunha facultade e, entre acalorados debates e saídas nocturnas, sucédense as accións reivindicativas, radicais e transgresoras, poñendo contra as cordas ás autoridades e ás grandes farmacéuticas para empurralas a atopar unha solución asequible e universal á súa enfermidade. Francia levaba xa unha década sendo o segundo país do mundo con máis afectados e falecidos por SIDA. En agosto de 1983, o xornal EL PAÍS titulaba así: “32 mortos durante un ano en Francia, a causa do cancro gai, que se estende en Estados Unidos e en Europa”. Case nada se sabía, os prexuízos e a ignorancia rodeaban á síndrome e en dez anos os avances médicos foron mínimos. Ata falar diso era tabú. A Act Up foi a asociación máis entregada naqueles anos de desleixo e desprezo nos que se abandonou á súa sorte a milleiros de enfermos.

120 battements par minute (Robin Campillo, 2017) cativou ao público compostelano de Cineuropa, e empezou tendo na súa estrea a mellor nota do público de entre os filmes da Sección Oficial, para quedar finalmente entre as primeirísimas. Gañou o Gran Premio do Xurado do Festival de Cannes entre outros premios doutros certames, e é a seleccionada para representar a Francia nos Oscar este ano. É a terceira película como realizador de Robin Campillo, excelente guionista e montador de películas como a laureada Entre les murs (2008), de Laurent Cantet, e nesta nótase tamén a súa man no guion, os diálogos frescos e realistas, os debates asemblearios arduos e frenéticos e a caracterización dos seus personaxes a través da fala. Pero tamén no estilo documental, na cámara áxil e trepidante, e a hábil combinación do persoal e o político. Campillo nos mergulla de cheo nese mundo, o seu mundo, o dos primeiros activistas e loitadores contra unha enfermidade que xa levaba unha década cobrándose miles de vidas ante a indiferenza da sociedade. El mesmo pertenceu durante anos á sección francesa da organización, e que sabe do que fala nótase na frescura, a viveza e a intensidade de algo vivido, non contado; físico, que toca a fibra do espectador durante toda a historia.

Afástense do melodrama compasivo de Philadelphia (1993) ou do optimismo algo inxenuo e o humor branco de Pride (2014) -todas grandes obras, que abordan desde distintas ópticas as temáticas LGTBI-; 120 battements par minute une orgullosamente a denuncia política, a épica da loita contra a SIDA, o romance, o erotismo e o drama realistas, carnais, salpicados de sexo e enfermidade, como na vida real. Non se pode reducir a unha etiqueta, como a do cine político, social ou militante, aínda que sen dúbida o é: o seu enfoque, o seu punto de vista e o compromiso total coa causa e os seus protagonistas, desde o propio director que foi un dos integrantes de Act Up, e que sen dúbida se inspira na súa propia autobiografía para moitas das vivencias que relata. Porén, Campillo foxe do panfleto, do dogma e a pesadez, precisamente porque se detén á súa vez na dimensión persoal dos activistas, nos seus sentimentos, nas relacións de camaradaría, solidariedade, amor e desamor. Tamén no drama íntimo da enfermidade, que se desata na segunda parte da metraxe, cando Sean (Nahuel Pérez Biscayart) cae prostrado no leito e dende ese momento non volve levantar, nin sequera cando o seu mozo Nathan (Arnaud Valois) o visita no hospital. É tamén moito máis ca simplemente “cine gai” ou “LGTB”, xa que o que conta ten a capacidade de interesar e emocionar a unha audiencia moito máis ampla, que se identifica coa loita, a rabia e as demais emocións dos seus personaxes.

120 pulsaciones 3

A película non só retrata de forma realista e certeira os debates asemblearios da organización, as accións que sempre impactaban, así como as reaccións e a complexa relación co Estado e as multinacionais farmacéuticas; tamén o fai coa relación amorosa entre Sean e Nathan, atravesada pola certeza da enfermidade e o seu avance imparable, pero tamén por unhas moito máis contaxiosas ganas de vivir, apurar cada segundo, aferrarse á vida como a un cravo ardendo. 120 battements par minute é vitalista, nada lacrimóxena, pero si intensa, paixonal. Os 140 minutos pasan voando porque a acción nunca se detén, e a tensión e emoción sostéñense nos momentos máis delicados. Ao ritmo de Jimmy Sommerville -os 80 estaban recentes- e o house imperante nas discotecas, e con banda sonora hipnótica do DJ Arnaud Rebotini, asistimos ás inquedanzas, medos, amores e desamores dun grupo de mozos e mozas heteroxéneo pero unido pola súa vital actitude de plantar cara ao virus e sobre todo a unha sociedade, a daquel tempo, que os marxina e relega á posición de pasivos pacientes, dependentes das estratexias comerciais da industria e da vontade da clase política, que os ignora e estigmatiza a partes iguais, pola súa orientación sexual, e por formar parte dun grupo de parias xunto aos toxicómanos e as prostitutas.

Un tremendo Nahuel Pérez Biscayart brilla con luz propia encarnando a pluma rabiosa e airada dun dos dous protagonistas principais. O actor arxentino foi o primeiro seleccionado por Campillo logo de quedar cegado pola súa primeira película en Francia, Au fond des bois, a súa facilidade para os idiomas, e por encarnar a outro personaxe LGTBI, un escort en Je suis à toi (2004). Os dous conectaron e Nahuel quedou á súa vez cegado pola lectura do guion, que lle enganchou e fixo rir e chorar sucesivamente. Logo del, como querendo emular a electricidade daquel grupo de Act Up no que participou activamente, elixiu o resto do reparto tras un exhaustivo casting de nove meses no que se testou a química entre eles, por grupos. Para a súa interpretación dun seropositivo que afronta a fase terminal da enfermidade, Nahuel confesa nunha entrevista que tivo que poñer todo o corpo: “É unha peli difícil de actuar sen o corpo: falamos de enfermidade, de xuventude, de baile, de sexo… os corpos estaban moi presentes”. En efecto, tivo que perder 7 quilos en 15 días e a hipoglucemia, a estrita dieta e a irascibilidade terminárono illando do equipo e axudaron a crear esa debilidade e esa “vulnerabilidade” que marca ao Sean da segunda parte da historia, empezando polo “baleiro na mirada”, que anticipa o desenlace fatal. Ata a súa morte tráxica convértese nun acto político.

Película vital, apaixonada, imprescindible en tempos de medias tintas, olvidadizos con quen loitaron e morreron para conquistar os dereitos de que gozan as xeracións actuais. Unha película que multiplica as ganas de vivir, amar e loitar.

Comments are closed.