20 ANOS DE FIRE!!

A Mostra Internacional de Cinema Gai i Lesbià de Barcelona cumpre vinte anos. FIRE!! é o primeiro festival de temática LGBT de Catalunya, creado polo Casal Lambda en 1995. Trátase dun encontro internacional destacado entre os festivais de cinema barceloneses coma no circuíto LGBT mundial. Vinte longametraxes de estrea, outras tantas curtametraxes, unhas bases de participación abertas, e un trato cara o público considerado, positivo e respectuoso, son algúns dos selos que caracterizan o evento. Actividades en distintas cidades, mostra en liña, programa educativo, sesións ao aire libre, presentacións de libros, proxeccións con coloquio, pantalla trans, festas, cabarets, obradoiros, exposicións, debates… A oferta é suficientemente variada e dilatada no tempo como para atraer a un público amplo e facilitar a asistencia a actividades sen que estas se solapen. Como país convidado da edición 2015, Estados Unidos, coincidindo coa recente legalización do matrimonio homosexual por parte do Tribunal Supremo. Un avance máis no terreo legal, que como a pioneira lei contra a LGTBIfobia recentemente aprobada en Catalunya, suxire que vivimos tempos de cambio. Para celebralo, propomos un breve repaso a vinte títulos presentados no festival e un vídeo da exposición de cartaces das vinte edicións de www.mostrafire.com:

Lilting (Hong Khaou, 2014)

‘Lilting’ (Hong Khaou, 2014)


Lilting (Hong Khaou, 2014) evoca ao ritmo xentil suxerido polo título e con algunha guinda humorística a aproximación entre a nai camboiana e o compañeiro londinense dun rapaz ausente, todo un chamamento a superar barreiras idiomáticas, culturais, xeracionais e morais.

Atlántida (Inés María Barrionuevo, 2014) tece en tons indie as relacións de dúas irmás co mundo e os seus anecdóticos encontros de verán nun apartamento sen pais nunha zona residencial onde hai pouco que facer.

Tab Hunter Confidential (Jeffrey Schwarz, 2015) é un biopic de corte Mark Rappaport pero con entrevista central ao protagonista, ex-estrela de Hollywood ídolo predilecto de adolescentes estadounidenses durante os cincuenta, que pese á súa discreción ve sabotada unha carreira que ulteriormente reinventa reivindicando a súa homosexualidade e colaborando con John Waters e Divine.

Hoje Eu Quero Voltar Sozinho (Daniel Ribero, 2014) narra a historia dun adolescente cego que busca independencia, a súa amiga incondicional e un novo compañeiro de clase, nun belo retrato da adolescencia e primeiro amor.

Alex & Ali (Malachi Leopold, 2014) son un estadounidense e un iraní que viviron unha década de amor feliz ata a chegada da revolución islámica de 1977, trinta e cinco anos despois xorde a posibilidade dun reencontro en Turquía pero á distancia espazo-temporal xa case insalvable engádese o SIDA, cargas familiares, controis fronteirizos e unha represión política atroz.

Last Summer (Mark Thiedeman, 2013) recorre a unha composición visual e sonora sublimes para suxerir por vía de aquilo que non vemos nin oímos os sentimentos de dous mozos dunha pequena poboación rural estadounidense que tras terse querido con total naturalidade dende sempre vense abocados a unha difícil separación e un futuro incerto.

Regarding Susan Sontag (Nancy Kates, 2014) propón unha primeira aproximación á vida e obra desta celebre pensadora e escritora interesada por todo, un esbozo experimental produto de oito anos de intensa investigación e entrevistas en profundidade que presta especial atención ás relacións afectivas e amorosas, marcadas por unha bisexualidade pouco tratada publicamente e que tal vez se convirte no gran tema pendente das súas novelas, poesías, filmes, críticas, ensaios, etc.

Nan Goldin, I Remember Your Face (Sabine Lidl, 2013) fíxase na recoñecida fotógrafa e algúns dos íntimos e sorprendentes retratos que a fixeron famosa, durante o reencontro cos seus amigos e protagonistas, amantes e colaboradores, superviventes dun mundo underground de lesbianas, gais, transexuais, okupas, artistas, coleccionistas, heroinómanos, cocainómanos, alcohólicos, terminais, autodestrutivos, fetichistas, neoiorquinos, berlineses, parisinos, etc.

Fuoristrada (Elisa Amoruso, 2013) é un retrato popular e alegre do mecánico transxénero Beatrice e a súa familia, composta por unha nai xa maior, a enfermeira reconvertida en esposa e o seu fillo pouco estudoso, todos dispostos a adaptarse ás novas circunstancias nun fogar italiano atípico, con animais, vestiario ecléctico, e todoterrenos que alimentan unha grande paixón.

'Dólares de arena' (Israel Cárdenas, Laura Amelia Guzmán, 2014)

‘Dólares de arena’ (Israel Cárdenas, Laura Amelia Guzmán, 2014)

Dólares de arena (Israel Cárdenas, Laura Amelia Guzmán, 2014) ofrece unha aproximación delicada e esencial ao turismo sexual a partires da consolidada relación entre unha avoa francesa, Geraldine Chaplin, e unha moza dominicana con noivo proxeneta, nunha transacción desigual e interesada entre partes intercambiables e prescindibles en todo momento.

Liz en septiembre (Fina Torres, 2014) desenvólvese nun hotel de praia venezolano exclusivo para lesbianas, un paraíso caribeño impregnado de beleza onde chega unha moza heterosexual a quen Liz trata de seducir esquecendo as sombras funestas que se cernen sobre o pasado dunha e o devir da outra.

Praia Do Futuro (Karim Aïnouz, 2014) debuxa con montaxe elíptica e sincopado a traxectoria dun socorrista brasileiro e os dous seres entre quen pivota, o irmán pequeno que o admira e o motorista berlinés de quen se namora tras rescatalo na praia onde afoga a súa parella.

Appropriate Behavior (Desiree Akhavan, 2014) é unha comedia con toques acedos e ás veces frívolos, dirixida e interpretada por unha rapaza neoiorquina de orixe iraniana moi singular, quen tras cortar coa súa amada busca desesperadamente unha substituta ao tempo que encaixa sucesivos fracasos amorosos, familiares e laborais.

Libánky (Jan Hrebejk, 2013) adopta elementos sicoanalíticos e teatrais para ponr en escena a inquietante aparición dun estraño chegado do pasado a unha festa nupcial campestre para revelar segredos de adolescencia e sufrimento.

Born This Way (Shaun Kadlec, Deb Tullmann, 2013) mergúllase de forma xusta e reflexiva no traballo cotián dun grupo de defensa de dereitos humanos de gais e lesbianas, nun país no que manter relacións sexuais con persoas do mesmo sexo comporta cinco anos de cárcere, cando non agresións peores, onde a situación humanitaria é grave aínda que o compromiso e a loita teñen un grande sentido e resultados.

Je suis à toi (David Lambert, 2013) fala dun mozo arxentino desesperado que se vende na rede a un panadeiro valón que amais ten empregada a unha nai moza, para conformar un relato pesimista e tétrico de desventuras dun gigoló disposto a todo, no que a explotación laboral e sexual non anula por completo o afecto.

Out in the Line-up (Ian Thomson, 2014) explora un mundo tradicionalmente pechado, machista e homófobo coma o surf, para atopar os membros da primeira comunidade internacional de gais e lesbianas surfistas, nunha homenaxe a este deporte de prancha que planea a ritmo de música alegre sobre a crista de grandes olas de cambio.

Nånting måste gå sönder (Ester Martin Bergsmark, 2014) observa cámara en man o abismal impulso destrutivo de alguén que reivindica unha identidade transexual e transxénero propia, levando ao límite as sesións de pracer e dor co mozo que osa seguilo, e os encontros con tétricos individuos e situacións de risco a que se somete.

E para completar a vintena dúas curtametraxes brasileiras a base de entrevistas, El pabellón (Fred Bottrel, 2014), con presos trasladados de alas masculinas a unha ala gai, e Cómo me miras (Carolina de Azevedo, Elena Sassi, 2014), con mozos que se esforzan por derrubar prexuízos entorno ao sexo e xénero dos demais.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario