8ª MOSTRA DE CINEMA PERIFÉRICO (S8): CAMIÑOS DO CINEMA GALEGO

Entre a resaca de festivais coma Cannes e o parón do verán nas citas cinéfilas, Coruña segue fiel á súa cita co cinema experimental. A Mostra de Cinema Periférico (S8) goza dun estado de moi boa saúde, como as súas cifras de asistencia poden amosar. E é que acadar un 90% de asistencia durante unha semana de proxeccións é un síntoma de que a liña de programación capitaneada por Ángel Rueda e Elena Duque chega a un público aberto a todas as expresións do cinema de vangarda.

Unha vez máis, á mostra acudiron cineastas chegados de diversas partes do mundo, mais tamén directoras e directores que representaban os camiños que está a tomar o cinema galego: sexan observacionais, performativas ou xogando coa percepción da visión. Cineastas, en definitiva, que se abren a novas formas de expresión deixando de lado a vertente máis narrativa para apostar por unha estética coidada e provocadora.

O ollo cobizoso (Noa e Laura Castro, 2017)

O ollo cobizoso (Noa e Laura Castro, 2017)

As cineastas Noa e Laura Castro presentaban o seu filme O ollo cobizoso (2017) filmado durante o Chanfaina Lab, encontro de cineastas que se ten convertido nun punto clave para a cinefilia galega. A súa peza establece un discurso contra a lóxica da visión a través dun formato vertical. A temida aberración de filmar en vertical, cada vez máis común pola presenza dos teléfonos móbiles, convértese aquí nunha linguaxe que lles permite ás autoras xogar coa percepción dos espectadores que, cobizosos, queren virar as imaxes na clásica horizontalidade. Porén, as autoras xogan con perspectivas que se contradicen, provocando que o ollo acabe por participar de forma activa na “correción” das imaxes chegando ao punto no que incluso as imaxes filmadas de forma tradicional intentan ser correxidas pola vista.

Tamén coa visión xoga Quiasma (Toño Mejuto, 2017) que, aproveitando os ensaios de Javier Martín para a súa obra La Exforma, propón unha película na que os corpos convértense en líquidos que danzan de forma hipnótica. Unha curtametraxe na que o director parece querer esquecerse do bailarín para centrarse nos movementos do seu corpo, precisos e repetitivos, que van debuxando unha estela tras de si. Adictivo e fermoso, Quiasma consegue trasladar ao espectador a un estado de éxtase acadado tan só pola estilización dos movementos a través do lente da cámara e da montaxe.

El paisaje está vacío y el vacío es el paisaje (2017) é o título da obra de Carla Andrade na que observacional é levado ao extremo. No deserto de Atacama, en Chile, Andrade semella querer gravar un western épico sen escenario, actores nin historia. Só o tempo, o clima e a paisaxe habitan unha cinta na que o baleiro acaba por enchelo todo. Coma nas ilusións ópticas nas que, a base de forzar a vista, un acaba por ver o oculto na imaxe, neste filme o baleiro acábase por facer ver, a berros, reclamando o protagonismo negado ao longo da historia. Unha achega radical e estética que baleira, ispe e racha unha paisaxe que acaba por preguntarse: estou baleira de todo ou estou chea do baleiro?

El paisaje está vacío y el vacío es el paisaje (Carla Andrade, 2017)

El paisaje está vacío y el vacío es el paisaje (Carla Andrade, 2017)

Jaione Camborda achégase en Rapa das Bestas (2017) a unha cita que parece enfeitizar aos cineastas galegos. Desde apostas máis clásicas como Sicixia (2016) a outras máis próximas á estética de Camborda coma Costa da morte (2013), este espectáculo de choque de forzas entre animais e humanos segue a ser algo digno de ser filmado. A directora consegue deixar atrás estes filmes para erixir a súa propia visión, é dicir, filmar de forma orixinal o que outros xa filmaron. Eses planos detalle da agonía dos cabalos domados ou ese espectacular deseño de son aportan novos niveis que permiten ver A Rapa dunha nova e orixinal forma.

Un director habitual da Mostra é Xurxo Chirro que desta vez decidiu trazar unha liña entre o ensaio visual e o fake. Bomb Movie (2017) parte da análise das imaxes do lanzamento da ‘Nai de todas as bombas’, apelativo que os Estados Unidos deron á bomba GBU-43 lanzada sobre Afghanistán en Abril deste ano. Chirro, coa urxencia de construír un discurso crítico arredor das múltiples ofensivas e guerras abertas en Oriente Medio, aproveita esta curtametraxe para, unha vez vistas as imaxes do lanzamento da bomba, virar cara campos máis próximos á ficción, concretamente a fórmulas iniciadas por Orson Wells en F for Fake (1973). Un xiro de timón que, lonxe de afastarnos da dureza das imaxes, constrúe unha crítica áceda sobre unha sociedade onde prima a inmediatez fronte ao interese ou a relevancia. As novas de hoxe, mañá son apenas recordos nas mentes bombardeadas dos cidadáns.

Homes (Diana Toucedo, 2016)

Homes (Diana Toucedo, 2016)

Finalmente, cómpre falar de Diana Toucedo, directora á que o S8 quixo adicar unha sesión especial onde se repasou as súas películas recentes así coma se puido ver un anaco do seu último traballo, aínda non rematado, Puerto Deseado. Especialmente interesantes resultan os seus traballos arredor da memoria, coma Homes (2016), onde xoga con escenarios físicos onde habitan pantasmas de outro tempo que quedaron ancoradas na memoria daqueles que marcharon loitar á Guerra Civil. Un filme que, con sinxela contundencia, achéganos ao dor, á distancia, ás longas noites e días de espera por unha carta ou novas dalguén que, a quilómetros de distancia, vivía na incertidume de poder volver. Tamén Imaxes secretas (2013) fala da memoria, neste caso en primeira persoa. A directora filma espazos habitados por ela e por seu pai, mais en tempos distintos. Mariñeiro de profesión, o seu pai é unha lembranza, borrosa, que habita poucas imaxes da memoria da directora que, cámara en man, trata de atopalo naqueles lugares que el habitou antes. Aínda que en diferentes tempos, pai e filla atópanse grazas ao texto e á imaxe no filme, espazo que os dous habitarán apenas durante o tempo que o filme dure.

Comments are closed.