CHRIS MARKER: CONTRA A AMNESIA DIXITAL

Level 5 é, talvez, a última película que propiciou un xiro radical na obra de Chris Marker. A partir dela o realizador abandonou en grande medida o cinema e o vídeo analóxico para explorar o mundo dixital e a rede. Do mesmo xeito que Laura, a fantasmal protagonista do filme, o realizador converteuse nunha presenza espectral que só se comunica co mundo a través dunha computadora e mediante a asimilación de distintas personalidades. A proliferación de varias identidades na rede lembra á brillante escena da galería das máscaras que a protagonista adopta para acceder á Optional World Link (OWL), metáfora da World Wide Web (WWW).

Marker caracterizouse sempre pola rápida adopción de novas formas audiovisuais, tanto para a realización como para a difusión da súa obra. Na actualidade, a maioría de novos traballos do cineasta francés pasan a dominio público mediante a súa canle de vídeos de YouTube e os avisos que fai no seu blog. Recentemente apareceu na rede o anuncio da apertura da páxina web www.gorgomacy.net desde un twitter xaponés; sen creador aparente, a única pista que se nos ofrece sobre a autoría da páxina é a presenza de Guillaume-en-Egypt, eterno álter ego do realizador. Neste caso, ás xa coñecidas constantes na obra do realizador, como poden ser a obsesión coa cultura nipoa e o uso de distintos sosias, súmaselle a utilización de novos medios de masas, neste caso as redes sociais.

O portal Gorgomancy ofrécenos a posibilidade de rescatar unha serie de pezas de Marker de difícil localización e/ou con problemas de compatibilidade e visionado, como poden ser o CD-Rom Immemory, a serie de televisión L’Héritage de la Chouette ou o documental virtual Ouvroir: A Second Life Wandering with Guillaume-en-Egypte, así como a oportunidade de gozar de tres novas obras: Stopover in Dubai, Pour Elle e Pour Lui. Esta combinación de pezas de diferentes épocas realizadas para distintos medios subliña a importancia que teñen para o cineasta a relación e o diálogo entre pasado, presente e futuro, así como a heteroxénea e complexa concepción que o autor ten do concepto arquivo.

A dialéctica do dixital

No seu artigo “The Arquive Without Museums“, do ano 1996, Hal Foster interrógase acerca da existencia dunha nova dialéctica da visión, proporcionada pola aparición dos novos medios dixitais1. Estes temas aparecen profundamente tratados en Immemory, obra practicamente contemporánea (1997) ao texto de Foster. Comisionado polo Centro de Arte George Pompidou, o CD-Rom fálanos dos nosos procesos perceptivos e a configuración dos nosos recordos, así como da relación entre a memoria e o arquivo. Temas como a desmaterialización dos obxectos e a súa conversión en información pura, así como a posibilidade dunha non-linealidade nos novos arquivos dixitais, entroncan cunha certa concepción markeriana da montaxe e do museo. Neste visionario pseudo-arquivo, Chris Marker ofrécenos a posibilidade de se mergullar na súa memoria mediante a selección de diferentes itinerarios.

 

Marker, creador virtual en 'Ouvroir'

O uso en Marker dunha certa montaxe horizontal, como foi definido por André Bazin2, xa buscaba a eliminación dunha relación causa-efecto e da linealidade temporal na disposición das imaxes, pero non podía ter unha realización plena debido ás características intrínsecas da película de celuloide ou do vídeo analóxico. Con Immemory, Marker xa puido explorar sen interferencias unha serie de percorridos simultáneos e alternativos, unha obra audiovisual coa capacidade de ser aprehendida de diferentes formas por espectadores distintos. Unha obra, en definitiva, capaz de establecer un diálogo entre a memoria do realizador francés e a dos lectores/espectadores.

Na introdución do devandito CD-ROM fálase da súa organización en “zonas”, “continentes” e “illas”, establecendo una certa relación entre a paisaxe física e a psico-xeografía da memoria. Este vínculo aparece tamén no arquipélago de Ouvroir, o xigantesco Museo que Chris Marker creou na plataforma de realidade virtual Second Life no ano 2003. Desde Gorgomancy, Ouvroir: A Second Life Wandering with Guillaume-en-Egypte ofrécenos a posibilidade de visitar a macro-complexo directamente da man do propio Guillaume, explorando as vastas montañas con forma de gato, os obxectos sacados directamente da súa curtametraxe Junktopia e as distintas galerías que exhiben vellas e novas pezas do creador galo.

Dentro das novas obras aparecidas en Gorgomancy, temos dúas pequenas e emotivas homenaxes a Simone Signoret e Yves Montand, Pour Elle e Pour Lui, ocultas no menú de acceso á páxina. Máis reveladora resulta a epatante Stopover in Dubai, documental sobre o asasinato do militante de Hamas Mahmoud Abdel Rauf ao-Mabhouh por parte dun comando do Mossad. Chris Marker reconstrúe o proceso do asasinato mediante as imaxes das cámaras de seguridade dos hoteis onde se aloxaron vítima e verdugos. De ritmo trepidante, a peza acaba rememorando á vez un certo cinema negro de formas langianas ou hitchcockianas e o cinema documental de investigación, sen perder nunca de vista a denuncia política máis explícita. Orixinalmente emitida na canle de televisión do xornal dixital Gulf News, a escasa información sobre a procedencia das imaxes provoca un resultado final aínda máis inesperado.

A pantasma de YouTube

A obra creada por Marker para a famosa canle de vídeos YouTube vén marcada non só pola asunción dun novo método de distribución das súas creacións, se non tamén pola asimilación de certas formas e tipoloxías recorrentes. Así, na canle de Kosinki de dita plataforma (outro máis dos múltiples alcumes e heterónimos do realizador francés) o que atopamos son unha serie de vídeos que lembran ás presentacións de diapositivas amateur, montaxes de fotografías realizadas desde dispositivos móbiles e outro tipo de gravacións de carácter amateur. Este tipo de obras, aparentemente tan afastadas do universo creativo do autor, non fixeron se non alimentar un vello (e algo absurdo) mito sobre a existencia real de Chris Marker como persoa real e pór en dúbida a autoría das súas últimas pezas.

 

O galo mantén moi activa a súa canle de YouTube baixo o alcume de Kosinski

Dentro do bloque de sete obras que conforman a canle a día de hoxe, atopamos cinco propostas de carácter abertamente lúdico e testemuñal. Guillaume Movie e Leila Attacks recuperan a obsesión do cineasta polos felinos. A primeira é un “autorretrato” a base de fotos do súa álter-ego favorito, Guillaume-en-Egypt; a segunda, pola súa banda, presenta un (a)típico vídeo de gatos “de autor”. The Morning After, Tempo Risoluto e Royal Polka consisten na disposición de imaxes atopadas na prensa que falan de tres noticias puntuais: a elección de Obama como presidente dos EUA, as revoltas en Siria e a voda real británica. Mediante o uso de distintas transicións e un acompañamento musical máis ou menos solemne segundo a ocasión, o cineasta documenta sen demasiada elaboración sucesos de actualidade.

Nunha liña máis clásica e elaborada, pero relacionada tamén con este últimos tres vídeos, apareceu recentemente o documental December Seeds. Exhibida en 2011 no Festival de Cinema Anarquista de Barcelona, esta peza, dunha duración próxima á media hora, analiza os disturbios acaecidos en Grecia a finais de 2008 mediante o relato en primeira persoa dun mozo en busca das sementes dunha revolución por chegar. A película, elaborada mediante imaxes de arquivo obtidas na rede ou tomadas directamente de informativos de televisión, aparece a medio camiño entre o documental de autor, utilizando unha serie de tropos metalingüísticos e figuras recorrentes que a achegan a obras como Level 5, e o cinema da disidencia, dada a relativa inmediatez da súa realización, así como a súa distribución por canles de carácter militante.

Neste filme, mediante a morte de Alexandros Grigoropoulos e a serie de diálogos que establece con certas figuras retóricas como a Liberdade, en busca dun filme non realizado do propio Marker, o director tenta devolvernos a esperanza en certas manifestacións de insurrección social, que tamén pode intuírse detrás da xa mencionada Tempo Risoluto. Tendendo pontes tamén cara a Chats Perchés, realizada en 2004, este tipo de obras parecen retomar unha confianza do cineasta en novas formas de revolución; unha recuperada ilusión polo cambio social, aparentemente perdida logo de Le fond de l’air est rouge/A Grin Without a Cat vincula estas pezas con algunhas tendencias actuais dentro do cinema militante.

Volvendo ás obras exhibidas na canle de vídeo do cineasta, podemos destacar as dúas últimas pola súa singularidade. Metrotopia, sinxela montaxe de fotos tomadas a diferentes persoas coa cámara dun teléfono no metro de París, acabou sendo o xerme da última exposición de Marker. Passengers exhíbese na actualidade na Peter Blum Gallery de Nova York, e nela atopamos preto de 200 retratos dixitais tomados nos últimos dous anos. As fotomontaxes que compoñen a obra evocan a beleza de grandes fitos da historia da arte mediante a súa superposición nunha serie de instantáneas tomadas no medio de transporte parisiense, enfrontando e equiparando así a beleza do cotián á experiencia estética que proporciona un museo.

 

Unha sinxela montaxe fotográfica acabou dando lugar á súa exposición 'Passengers'

O museo, tema omnipresente na obra do realizador francés, é tamén un dos puntos centrais de Pictures at an Exhibition, a obra máis ambiciosa realizada polo cineasta para YouTube. Nesta pequena obra mestra, Marker guíanos por un museo virtual en cuxas paredes aparecen colgadas unha serie de obras, collages e fotomontaxes do autor que, a modo de detournement situacionista, realiza unha revisión da historia da humanidade, con especial atención ao século XX recontextualizando e recuperando unha serie de significados perdidos ou non explorados en diferentes obras significativas da historia da arte. Neste percorrido virtual, móstranse algunhas imaxes directamente procedentes de Immemory, polo que podemos establecer un certo paralelismo con Ouvroir: A Second Life Wandering with Guillaume-en-Egypte.

Así pois, vemos que as últimas pezas de Marker caracterízanse por un diálogo continuo entre presente, pasado e futuro, unha exploración da memoria, a realidade e a propia obra que utiliza novas formas de produción, exhibición e distribución para facernos chegar a súa mensaxe. O realizador francés impugna certas voces apocalípticas como as do teórico e urbanista Paul Virilio3, que cren ver a morte da memoria colectiva na inmediatez e a desmaterialización da actual era dixital. Sen chegar a facer unha apoloxía e mantendo, como sempre, unha actitude escéptica, Marker trata de facernos ver que aínda existen unha serie de condicións posibles para a revolución e a militancia políticas e estéticas dentro dos novos medios de comunicación de masas.

__________

1. FOSTER, Hal, “The Archive Without Museums,” October, vol. 77, Summer, 1996, p. 109.

2. BAZIN, André, “Bazin on Marker: Letter from Siberia,” Film Comment, 2003, p. 44.

3. VIRILIO, Paul, The Aesthetics of Disappearance, New York: Semiotext(e), 1991.

__________

SESIÓN CINECLUBE DE COMPOSTELA – 18 de marzo

Cadros dunha exposición (Pictures at an Exhibition, Chris Marker, 2008, 9′, VO)

Escala en Dubai (Stopover in Dubai, Chris Marker, 2010, 26′, VOSG)

December Seeds (December Seeds, Chris Marker, 2009, 29′, VOSG)

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.