A Cuarta Parede: Dez anos de crítica de cinema en galego

10 Aniversario A Cuarta Parede

A Cuarta Parede cumpre hoxe dez anos, unha efeméride que non sería posible sen a colaboración de todas as persoas que encheron as páxinas da revista ao longo destes anos. Todas aquelas que, dende a súa fundación, achegaron o seu traballo e paixón para que este proxecto se convertese na realidade que é hoxe. Por iso, quixemos aproveitar a oportunidade para recompilar as voces de moitas das persoas que xogaron un papel fundamental na nosa historia, ben sexa dende a dirección, o consello de redacción ou o corpo habitual de colaboradoras, a través dun artigo conxunto no que puideron reflexionar sobre a súa experiencia nesta cabeceira durante a última década. Este é o resultado:

Eloy Domínguez Serén

Non sei se moita xente coñece esta historia. Confeso que me gusta moito lembrala. Outubro de 2010, Festival de Sitges. Protocolo habitual: saio a lume de carozo dunha sesión de morte, delirio e destrución, aínda cos ollos inxectados en sangue en ebulición, e corro a todo meter para chegar o primeiro á billeteira de acreditados de prensa. Había navalladas por alcanzar o grupo de cabeza naquela cola. Eu vía daquela unha media de sete filmes ao día, polo que non lembro que nova ‘bizarrada’ me ía meter no corpo naquela xornada. Aquela fora a edición de Cold Fish, Sound of Noise, L.A. Zombie ou 13 asesinos e, sobre todo, aquel foi o ano de Rubber e A Serbian Film. Despreguei ben os cóbados para manter a miña posición, levantei a ollada da grella de programación do meu catálogo e vin ante min un mozo elegante e discreto, con pucha e cazadora de pana, porte sabio, académico, como sacado dunha orla de Yale. A faciana berniniana, de outro século. “Este é Víctor Paz e é paisano teu”, presentoumo alguén. O mozo faloume en galego. Parolamos, leriamos, departimos. Poucos metros máis adiante, antes sequera de retirar as nosas entradas, nacía (nas nosas mentes) A Cuarta Parede. Disto fai xa dez anos.

Víctor Paz Morandeira

Cando hai dez anos Eloy Domínguez Serén e un servidor decidimos poñer en marcha A Cuarta Parede, había principalmente dous motivos. O primeiro era poder escribir sobre cinema, algo que xa estabamos a facer para outras revistas, no noso propio idioma. Debo dicir que a publicación non existiría sen o empuxe tan entusiasta de Mónica Jordan, daquela unha das principais pezas do motor de Transit. Cine y otros desvíos, que nos presentou nunha cola do Auditori no Festival de Sitges.

Non recordo que filme vimos ese día, o que si teño gravado é como Eloy e máis eu conxeniamos ao instante. Por alí tamén andaba Miguel Blanco, outro entregado cinéfilo lucense co que temos compartido moitas experiencias anos despois. O que Mónica nos fixo ver é que era estraño que, co talento que estaba a agromar en Galicia, non existise ningunha publicación na lingua na que nos estabamos a comunicar. Tivemos que darlle a razón.

De volta a Barcelona no Rodalies –si, ese primeiro ano en Sitges facía ida e volta dende a casa dun amigo, quen me devolvera ese ímpeto–, fun dando nome ás ideas que Eloy e máis eu concibimos na cola. Así naceron os nomes das seccións orixinais da revista. Ao día seguinte comenteillas, non recordo que cambiara nin unha coma. El sabía algo de edición web, así que ao volver do festival, en cuestión de poucas semanas e tras contactar con algúns dos que serían os nosos primeiros colaboradores, tirando da entón exigua axenda de ambos, a cousa estaba feita. Nacera A Cuarta Parede.

Cito todas estas compañeiras porque me parece que tiñamos un sentimento de pertenza a unha xeración de críticos que estaban a desenvolver o seu traballo en revistas de Internet de novo cuño, e realmente foron anos moi bonitos, nos que se deu unha explosión da análise cinematográfica. Hoxe A Cuarta Parede é unha das poucas publicacións resistentes desa xeración. Cada un de nós foi desenvolvendo as súas carreiras por distintos camiños –agora Eloy é cineasta, e ben bo, deu o paso Cahiers–, pero cando volvemos coincidir en festivais de cinema, ese vencello que nos unía, forxado en certames como Sitges ou Xixón, segue patente.

O segundo motivo para crear a revista foi ese agromar de talento que antes citaba. Hoxe o Novo Cinema Galego é unha realidade que todo o mundo comprende, porque o concepto saltou aos medios de comunicación xeralistas e está presente fóra de circuítos especializados. Que, por exemplo, Oliver Laxe tivera a proxección que tivo en Cannes, cun fenómeno cultural en Galicia como O que arde, acabou por asentar este movemento. Pero eu aínda recordo cando eramos poucos os que o entrevistabamos e dificilmente entraba nas páxinas de diarios como La Voz de Galicia ou El País.

A evolución de A Cuarta Parede non se entende sen o Novo Cinema Galego. Estivemos aí practicamente dende o principio, apostando por estes cineastas cando case ninguén falaba deles e intentando darlles voz na revista, analizando as súas obras como pensabamos que merecían. Acompañámolos no seu camiño.

A revista é, en certa medida, a expresión crítica do que estaba a acontecer no eido da creación fílmica, mais tamén no ámbito dos festivais de cinema, máis tarde a apertura de salas de cinema independente en VO… Temos moito que celebrar en Galicia nestes últimos dez anos. O panorama do cinema mudou de xeito irreversible. A Cuarta Parede foi testemuño de todo iso.

Seminario de Crítica Cinematográfica no S8

Seminario de Crítica Cinematográfica no (S8) Mostra de Cinema Periférico © María Meseguer

Volvendo a vista atrás, atreveríame a citar un terceiro elemento que, unido aos dous orixinais, conforma a identidade de A Cuarta Parede. Cando Iván Villarmea e máis eu fixemos efectivo o traspaso completo de poderes a Brais Romero –recordo ben unha conversa sobre isto nun bar de Francia nunha localidade na que o visitei, copos en man–, viamos cousas que nós non teriamos feito exactamente da mesma maneira, e isto encantábanos! A criatura era adulta e estaba a desenvolver as súas propias ideas. Lograramos establecer unha transmisión cara xeracións máis novas que se ocuparían no futuro da revista, como o está a facer agora Jesús Silva.

Se algo caracteriza tamén hoxe á revista é a súa política de portas abertas para, sobre todo, o talento novo na crítica en Galicia. Debe ser unha oportunidade –e está a selo– para todas aquelas persoas que desexen escribir sobre cinema na súa lingua, sen limitacións.

Gustaríame crer, e penso realmente que isto en parte é así, que eses seminarios que fixemos no festival Play-Doc, e que despois Brais levaría a outros certames, serviron para algo, que foron o xermolo de novas plumas.

As actividades de A Cuarta Parede non rematan aquí. A publicación dun libro que ata é referencia en Portugal –ou así mo teñen trasladado numerosas persoas, mesmo sen saber que eu estaba relacionado con el–, precisamente sobre o cinema luso contemporáneo; a produción de Nocturno: pantasmas de mar en porto, de Álvaro Fernández-Pulpeiro; Cinegalicia 2019… Son só algunhas das actividades que levamos a cabo alén das letras.

Só se logramos manter vivo este entusiasmo cara as novas xeracións, poderemos celebrar un 20º aniversario. O 10º xa me enche de ledicia.

Quixera expresar o meu profundo agradecemento, especialmente, a todas as persoas que pasaron pola dirección da revista; mais tamén polo seu consello de redacción, e ás colaboradoras. A todas e cada unha delas, son moitas para citalas neste breve texto.

A Cuarta Parede é para min como esa filla adolescente que xa medrou e ten vida propia. Coido que, aínda que a seguirei acompañando sempre, o meu traballo máis intenso e fundamental xa está feito. E non podo máis que sentir unha gran ledicia ao contemplar en que se converteu.

Iván Villarmea Álvarez

Eu quería escribir textos que fose ler –novelas, contos, críticas de cinema– e a oportunidade chegou a través de xente que coñece xente: un amigo (Arturo Losada) tiña outro amigo (Víctor Paz Morandeira) que estaba a crear unha revista dixital de crítica cinematográfica cun terceiro amigo (Eloy Domínguez Serén). Do seu convite, no inverno de 2011, xurdiu un perfil dos Irmáns Coen ao que seguiron un feixe de críticas, crónicas e artigos ao longo dunha década. De súpeto, xa non escribía só: escribía con e para os meus amigos, para unha comunidade formada por máis de cento cincuenta persoas ás que ler e das que aprender, coas que parolar na sala de cinema ou a través da rede, en directo ou en diferido, en persoa ou a distancia. A revista –esta revista– converteuse no noso lugar de encontro, nunha ferramenta aberta a quen a queira empregar; nun arquivo de textos, imaxes e ideas que dan conta do que vimos e do que sentimos, do que pensamos e do que gostamos durante toda esta década de cinefilia compartida. A cousa, agora, é seguir a escribir e seguir a compartir.

Brais Romero Suárez

Coñecín a revista a través de Twitter ao pouco de terse fundado, pero non foi ata 2014, no I Seminario de Crítica que se fixo en Play-Doc, que entrei en contacto con ela. Comecei escribindo pequenas críticas para, pouco a pouco, ir entrando máis na edición de textos ata chegar a dirixir durante 3 anos o proxecto. A Cuarta Parede é, para min, fogar. É o lugar que me permitiu falar 2 horas con Jorgen Leth ou 30 minutos con Asif Kapadia. É o espazo que me permitiu coñecer a cineastas e críticas que admiro; e, por suposto, foi a escola onde rematei a miña formación, onde pasei da crítica cinematográfica á programación. Sen A Cuarta Parede non sería a persoa que son agora e, posiblemente, estaría moi afastado do sector do cinema profesionalmente.

Dez anos despois vexo un proxecto que está en constante renovación; onde a revista é de todas pero, á vez, non é de ninguén. Vexo a liberdade de facer cousas diferentes, como o proxecto Cinegalicia 2019 ou os videoensaios e os #Procesos. En definitiva, vexo o risco de quen quere visibilizar o cinema desde unha óptica persoal e anovadora, sen renunciar, en absoluto, á rigorosidade que nos definiu sempre.

Presentación de Cinegalicia 2019 en Novos Cinemas

Presentación de ‘Cinegalicia 2019’ no Festival Novos Cinemas

Jesús Silva Vilas

En setembro de 2017, mentres falaba con Brais Romero sobre a miña incorporación á revista nunha terraza de Mazarelos, non podía imaxinar o impacto que A Cuarta Parede acabaría tendo na miña vida. Comecei a colaborar de xeito esporádico, sen unha periodicidade ou previsións claras, pero pouco despois xa era un habitual entre o corpo de colaboradoras. Co tempo, fun asumindo traballos de edición e tradución, cada vez con máis asiduidade, ata entrar a formar parte do consello de redacción. Hoxe, tres anos despois daquela primeira conversa, teño a honra de asumir a dirección dun proxecto que pertence a todas as persoas que pasaron por el, e tamén ás que están por chegar. Celebro os dez anos de A Cuarta Parede coa convicción de que seguimos sendo fieis aos valores e intencións orixinais: achegar un recuncho para a reflexión cinematográfica na nosa lingua e servir de plataforma para todas esas voces que comparten a nosa mesma pulsión polos filmes.

É difícil resumir todo o que me aportou a revista ao longo destes anos. Non fun nin moito menos prolífico nas miñas publicacións, pero non houbo unha soa colaboración que non deixase en min algunha pegada. Baixo o paraugas da revista, tiven a sorte de asistir a festivais que me marcaron, como Berlin, Róterdam ou Sevilla; de escribir sobre filmes e directores que adorei, como Roberto Minervini, The Florida Project ou Roma; e de entrevistar a cineastas que me inspiraron, como María Cañas, Ángeles Huerta ou Maddi Barber. Pero sobre todo, tiven o inmenso privilexio de coñecer a moitísima xente que aprecio e admiro, de ler e aprender de todas aquelas persoas que encheron as páxinas desta cabeceira. A todas vós, A Cuarta Parede sempre será a vosa casa.

Marta Pérez Pereiro

Sempre asfixiada polos prazos da academia, para a que é tan esforzado escribir, e tan pouco agradecido, pouco levo escrito para A Cuarta Parede. Malia ser parte do consello editorial, cada vez que se deciden os temas nas reunións teño todo un argumentario de tarefas e complicacións que esgrimir contra a liberdade que, en cambio, se me ofrece na revista: escribir sobre cousas que me gustan e na miña lingua. Berrando, desesperada, Vivan las cadenas!, sigo ensimesmada na torre de marfil da produtividade científica, cando, en 2019, escribir un artigo sobre José Ernesto Díaz Noriega foi o que máis me gustou facer. A Cuarta Parede deume a escusa para pasar unha mañá rindo no CGAI, e ese recordo, nestes momentos incertos, non hai maneira de pagalo.

Ocúltome, número tras número, trala cortina de fume á que chamei “cazadora de talentos” e sigo sen escribir mentres vexo como moitas ás que lin en escritos académicos, como profesora ou colega, enchen a revista de artigos cheos de amor polo cinema. Eu sigo sen escribir. Fantaseo sobre a posibilidade de, cando todo isto pase, vaia por fin cubrir un festival e pase días vendo filmes, mergullada na voráxine de velo todo, estar en todas as festas e escribir á contra dos premios (pero con todo o acerto do mundo). Mentres todo isto non acontece, vexo como a revista medra e ten xa un arquivo que paga a pena rescatar, como as novas voces aportan ideas e como as súas páxinas se converten, ao mesmo tempo, nunha escola da imaxe e da palabra.

Laura Montero Plata

A Cuarta Parede sempre soubo retarme a explorar novos fíos de investigación. Desde que Iván Villarmea me invitou a colaborar na revista -mentres me perdía entre libros que falan dos pioneiros da animación xaponesa no National Filme Center de Tokio- a miña relación coa crítica converteuse no pracer máis dilatado, posto que me permitía dialogar coas películas nunha conversa moito máis íntima e intensa.

As críticas de formato curto permiten explorar unha gran variedade de narrativas, pero cando se propón unha reflexión en profundidade, o desafío tórnase máis estimulante. Neste sentido, recordo particularmente gratificante o meu texto sobre Uwe Boll; non só porque era a miña primeira incursión na análise das tensións entre o videoxogo e o cine, senón porque me permitiu escribir un artigo sobre un director que detestaba. Afeita a dedicarlle textos máis longos a aquelas cinematografías que me interesan nun ou varios niveis, desviar a atención a un cine de “menor categoría” permitiume saír do meu elemento e explorar outras facetas de interese discursivo.

María Villamarín

En A Cuarta Parede escribín de forma puntual pero, sobre todo, lin sobre cinema de aquí e doutras latitudes. Cando naceu a revista estaba no meu último ano de carreira, pero non cheguei a ela ata dous ou tres anos despois. Creo recordar que o primeiro texto que lin foi “Un canon para o cine galego” de Iván Villarmea en 2013, e dende ese momento penso que non parei de estar atenta aos seus contidos. Seguín sobre todo textos de investigación e reflexión (sobre a paisaxe, sobre a cinefilia…). Tamén lembro con moito agarimo a crónica que realizou Víctor Paz sobre un seminario de Jonathan Rosenbaum no Museo Reina Sofía en 2016 (Jonathan Rosenbaum debe ser o crítico do que máis traducimos follas de sala no Cineclube de Compostela) ou o proxecto de Cinegalicia, que seguín de preto en 2019. Así que quero aproveitar aquí para poñer en valor e celebrar estes dez anos de vida, tamén deixar por escrito o meu agradecemento a todas as persoas que contribuíron na súa continuidade no tempo, pois influíu profundamente na miña formación como espectadora e como persoa.

O carro e o homen (Antonio Román, 1940)

O carro e o homen (Antonio Román, 1940)

Arraianos (Eloy Enciso, 2012)

Arraianos (Eloy Enciso, 2012)

Costa da Morte (Lois Patiño, 2013)

Costa da Morte (Lois Patiño, 2013)

Sergio de Benito

O meu primeiro contacto directo con A Cuarta Parede tivo lugar na XI edición de Play-Doc, alá por abril de 2015. Eran tempos de ensanchar cada día a mirada, de descubrirme asombrado por cineastas e espazos que ata entón nin sequera sospeitara que puidesen chegar a interesarme. Claire Simon era a protagonista do festival, e eu acudía no seu transcurso a un seminario de crítica e programación rastrexando conceptos que, na súa maioría, tampouco escoitara antes con semellante claridade.

Tras aquelas xornadas ilusionantes en Tui, a tarefa encomendada era un estudo sobre a directora francesa. Aquel texto iniciático publicouse e non moito tempo despois xa me convertín nun habitual da revista, onde sempre me sentín coma na casa (grazas aos responsables: Brais, Víctor, Jesús, Iván… e aqueles a quen non poño cara ou nome). De forma paralela ás críticas e crónicas, a visión do cine que antes descubría íase consolidando con forza.

Nestes momentos anómalos, nos que experimentar algo novo ou real parece cousa doutra existencia, A Cuarta Parede cumpre a súa primeira década. E un desexa como nunca non só que se prolongue moitas máis no tempo, senón tamén que a vida poida algunha vez asemellarse un mínimo a eses días de Play-Doc.

Paulo Cunha

É con enorme alegría e orgullo que me inclúo na familia A Cuarta Parede, un espazo de diálogo que sempre me recibiu con moita empatía. A través da revista fortalecín lazos de complicidade con antigos amigos, mais tamén fixen novas amizades, que fun encontrando en festivais de cinema e eventos científicos por toda Europa, desde o Curtas Vila do Conde ás xuntanzas anuais da European Network for Cinema and Media Studies. Vin crecer A Cuarta Parede e crecín con ela, como colaborador e, sobre todo, como lector, sempre atento ao que os amigos galegos ían debatendo e reflectindo. Moitos deses textos continúan a ser moi útiles nas miñas aulas sobre crítica do cinema, que imparto no Mestrado en Cinema da Universidade da Beira Interior, ou nos obradoiros sobre crítica que fun coordinando no Curtas Vila do Conde. É moi difícil destacar apenas un texto, por iso destaco dous que integraron o dossier “Cinefilia & Crítica na rede (I e II)”, escritos por Eloy Domínguez Serén, xuntando varias voces nunha reflexión conxunta moi pertinente e estimulante. 

Só me resta desexarlle moitos parabéns e longa vida á familia de A Cuarta Parede!

Xan Gómez Viñas

Queridas amigas de A Cuarta Parede,

Nestes dez anos de traballo dedicado e colectivo tédesvos convertido nun espazo pioneiro e referencial para a reflexión sobre as imaxes no noso idioma. Parabéns! Pola miña banda, a relación coa revista foi descontinua en función ás circunstancias da vida e o traballo. Recordo con especial agarimo a entrevista filmada que nos realizou Víctor Paz na estrea de Fóra, xunto a Pablo Cayuela. Tamén, xunto a Cayuela e Iván García Ambruñeiras, compañeiros daquela no Cineclube de Compostela, recordo ben a entrevista realizada a John P. Sniadecki no CGAI da Coruña, polo que tivo de pesquisa colectiva e de interacción cun cineasta fascinante. No campo da crítica, aínda que nunca fun demasiado produtivo, sempre me gustou esa porta aberta a falar do cinema que realmente nos importa, independentemente de modas ou da actualidade. Aí xurdiu un texto sobre o cineasta escocés Bill Douglas que, sen ser nada anovador, gocei no traballo de pesquisa. Posteriormente, xa desde NUMAX, funme retirando do traballo crítico, pero a revista ficou sempre como un importante punto de apoio para acompañar os filmes que máis nos moven e transforman.

Óscar Iglesias Álvarez

Lembro que empecei a colaborar con A Cuarta Parede en 2013 porque daquela a dirixía o meu amigo Iván e me insistira para facelo (coa miña sensación de intrusismo, nunca tería dado o paso por min mesmo), e tamén encirrado porque me amolaba non dar lido en galego artigos divulgativos desde o punto de vista dos estudos culturais que si eran habituais na prensa anglosaxoa, e quería contribuír á causa. Por militancia LGBT, estreeime con “Unha ollada marica sobre Far from Heaven”, o texto que máis me custou parir e do que aínda estou máis orgulloso, ao que seguirían análises como “Unha reflexión homocéntrica sobre Weekend” ou “O fenómeno do cruising no audiovisual recente”. Ademais, nas miñas puntuais recensións conscientemente prefiro reparar en filmes de temática gai para determe a debullalos desde esa óptica que en películas que quizais posuirían máis méritos ou interese.

Case unha década despois, alégrame que tanto nesta revista como noutras webs en galego sexa máis frecuente atopar artigos que aborden temas e referencias socioculturais ademais de análises de cuestións artísticas ou técnicas. Espero poder seguir lendo (e talvez facendo) aquí máis críticas feministas, racializadas, queer ou de clase: nestes tempos de movementos coma #MeToo, #VisibilidadTrans e #BlackLivesMatter, parecen aínda máis necesarias.

Arturo Losada

Á altura de febreiro de 2021, cómpre atesourar cada boa nova que nos chegue, gardala coma se fose unha filmación inédita de José Selier. Á altura de febreiro de 2021, poder celebrar o décimo aniversario de A Cuarta Parede é unha nova excelente. Que un medio en galego, centrado na análise honesta e profunda do cinema nacional e internacional, cumpra dez anos de vida ten que ser motivo de festa sempre, aínda que o bicho nos obrigue hoxe a facelo desde a casa e por videoconferencia.

Tiven a honra de publicar nos primeiros números desta revista, as miñas letras man a man cos vídeos de Víctor Paz na sección #Procesos. Pateamos o país falando con varias das voces máis interesantes do cinema galego, tentando amosar ás persoas que hai detrás dos fotogramas. Aí están, modestamente, algunhas das mellores entrevistas ás que puiden poñer sinatura.

Á altura de febreiro de 2021, a vida e o estado das cousas levoume por outros camiños paralelos ao xornalismo. Pero sigo tendo un fogar en A Cuarta Parede.

Seguimos léndonos en 10 anos.

10 Aniversario A Cuarta Parede Editorial

Non hai artigos relacionados.

Deixa o teu comentario