A ESPONTANEIDADE DE OLLAR INDIGNADO

PROPOSTAS AUDIOVISUAIS ENTORNO Ó 15-M ·

“Los anti papa agreden a los católicos y la policía no actúa”, titulaba o diario El Mundo, o 10 de agosto, no comezo dos conflitos derivados da visita do pontífice Ratzinger a Madrid. É só un exemplo do que foi o enfoque inicial na maioría dos grandes medios de comunicación do Estado, pero varias ducias de persoas, armadas coas cámaras dos seus teléfonos móbiles, non tardaron en demostrar a escasa obxectividade desa afirmacións. Apareceron de inmediato vídeos, rapidamente distribuídos e reproducidos en todos o mundo, que amosaban como a policía si fixo, e bastante, na capital de España, convertida en capital cristiá en estado de sitio. Os manifestantes, convocados baixo o lema “De mis impuestos, al Papa cero”,


Situación semellante viviuse na praza de Cataluña o 27 de maio, cando os mossos d’esquadra intentaron desaloxar aos indignados do que daquela era o seu centro neurálxico, antes da expansión do movemento 15-M aos barrios. O goberno da Generalitat vendérao como unha operación “de limpeza”, para evitar problemas entre os indignados e os seguidores do F.C. Barcelona. Pero o subir e baixar das porras foi gravado dende a primeira liña da agresión, e as redes sociais fixeron o resto.

Nestes casos, e noutros, como os desaloxos de Lleida e Badalona, ou os intentos de pechar a Porta do Sol antes da chegada do xefe do estado vaticano, a actuación policial seguiu o eficiente e desalmado protocolo antidisturbios. Centos de protestas e manifestacións foron disoltas de forma semellante polas forzas policiais democráticas nas pasadas décadas, pero nunca antes fora tan doado recoller e denunciar estas prácticas. E o mero feito de amosalas serviu para espertar empatía e poñer en dúbida a necesidade de arremeter a paus contra quen só empuña pancartas.

O 15-M é un movemento heterodoxo, descentralizado e con tendencia a esquivar as xeneralizacións que sobre el se fan. Ao carecer dunha organización piramidal, as súas actividades nacen do traballo voluntario entre os seus membros, do consenso e do compromiso persoal. De aí nace a súa flexibilidade e a súa rápida capacidade de reacción, así como o seu verniz de honestidade, aínda que o prezo é a necesidade de realizar un sobreesforzo cando é preciso organizarse e pensar a longo prazo. Esta dualidade reflíctese tamén no seu uso do cinema, entendido na súa mínima expresión, como documentación do real.

Case coa mesma inxenuidade formal que os Lumière gravaron a saída dos traballadores dunha fábrica, o 15-M documenta a súa actividade, denuncia os excesos, e deixa testemuño do seu facer. Do mesmo xeito que deixaron ver o que ocorre tras o escudo dun antidisturbios, as pequenas cámaras dos móbiles (mellor que as da TV) identificaron aos autores de actos violentos o día 15 de xuño, na concentración que tentou impedir o acceso dos deputados ao Parlament de Catalunya, no día da votación dos orzamentos autonómicos. Dende aquela, a sensibilidade disparouse, e son os propios indignados os que coidan do bo comportamento dos demais. Na gran marcha do 19 de xuño, na Coruña, un mozo que increpaba á policía fixo intento de sacar un tixolo da súa mochila, para arroxalo. Tras del, un home preto dos cincuenta anos enfocouno co seu teléfono: “Quieto, estoute gravando. Como fagas algo, vaino saber todo o mundo”. O presunto agresor desistiu de inmediato, recuando cara a cola da manifestación, sen deixar de ser vixiado polo cámara amateur. Eis un uso moi básico do cinema de denuncia.

En Galicia, por sorte, non houbo que poñer a proba a capacidade de resposta do movemento ante episodios violentos ou cargas policiais. O principal uso que se lle está a dar á imaxe de vídeo é o de recoller o traballo dos seus distintos, para que todo o mundo poida compartilo e xulgalo. Pasada a euforia do 15 de maio fundacional, os lugares nos que a indignación segue máis activa son Santiago de Compostela e, sobre todo, a comarca da Coruña.


Hai pouco, o 27 de agosto, tivo lugar unha xuntanza de todos os implicados no 15-M coruñés no concello de Cambre. Planificouse cun mes de antelación pero, unha semana antes da data, o concello comezou a poñer problemas para organizala, e a esixir arbitrariamente o pago de taxas. De novo, o vídeo foi un xeito de denunciar a situación.

Noutras ocasións, os indignados empregan o cinema dende o outro lado, como espectadores, como fonte de ideas de debate. As proxeccións fanse un oco de cando en vez no programa de actividades dos distintos grupos de traballo e, a través de filmes, transmiten as bases ideolóxicas do seu traballo. Un bo exemplo recente foi o ciclo audiovisual levado a cabo pola asemblea do barrio da Agra do Orzán, que contou con filmes como The Story of Stuff, de Annie Leonard, Mouseland, de Tommie Douglas, Ilha das flores, de Jorge Furtado, ou De la servidumbre moderna, de Jean Francois Brient y Victor León Fuentes, entre outras, todas elas baixo licencia Creative Commons. Só é un caso recente, pero hai mais.

Máis aló destes usos característicos dun movemento de protesta, pero reforzados polo clima de mobilización social e polas facilidades que as redes sociais dan á hora de divulgar contidos, é difícil establecer unha pauta na relación entre o cinema e o 15-M, debido á propia multiplicidade do colectivo. Nas grandes cidades, como Madrid, Barcelona e Valencia, existiron comisións específicas, encargadas de producir pezas audiovisuais, con maior ou menor fortuna. Porén, o seu traballo xerou incomodidades e debates en varias ocasións, perante a dificultade de representar a un grupo sen rostro claro, movido pola indignación, e no que se unen estudantes, amas de casa, parados de longa duración, altermundistas, veteranos do sindicalismo, mestres, intelectuais e persoas sen experiencia previa en activismo social.

Existen cineastas que deixaron ver o seu interese e vinculación cos indignados, como Isaki Lacuesta en Barcelona, ou Marcos Nine, na Coruña, pero polo de agora, ninguén produciu unha peza audiovisual verdadeiramente de referencia e, dadas as características deste terremoto social xurdido nos últimos meses, é difícil que alguén chegue a facelo. Os intentos máis achegados foroin #acampadasol. El documental para entender el 15-M, unha peza producida polo equipo do xornal lainformacion.com, que se centra nos primeiros días, cando as acampadas eran o corazón das protestas; e Todos cuentan, un documental en seis partes, que recolle a voz de varios teóricos e persoeiros afíns á filosofía que alimenta as protestas dende as prazas e os barrios.

Porén, non hai que esquecer que, pese a todos os titulares que encheu, e a gran relevancia que está a cobrar, o 15-M é aínda un movemento moi novo, en permanente redefinición de si mesmo. O tempo dirá se atopa a súa propia voz, e o seu propio cinema.

Comments are closed.