A little trip through Corpus Christi

Corpus Christi

Este vídeo achégase ao filme Corpus Christi, pouco coñecido polo gran público, pero moi recoñecido en festivais, chegando a estar nomeado aos Óscar de 2019 como mellor película internacional. É un filme polaco dirixido por Jan Komasa que conta a historia de Daniel, un rapaz que experimenta unha transformación espiritual mentres vive recluído nun centro de detención xuvenil. Cando é enviado a traballar a un taller de carpintaría nunha pequena localidade, Daniel faise pasar por sacerdote e consegue facerse cargo da parroquia. A chegada deste carismático predicador será unha oportunidade para que a comunidade local comece o proceso de loito tras unha traxedia ocorrida hai tempo. Daniel será a clave para que os veciños consigan a forza precisa para enfrontarse ao pasado e á dor.

Quero destacar a interpretación do protagonista (Bartosz Bielenia), que inunda cada plano de verdade coa súa mera presenza, moi ben acompañada pola sobria, concisa e acertada realización por parte do director, que lle permite centrarse por completo na dirección de actores e crear unha proposta estética que envolve a historia dunha aura sagrada, potenciada pola fotografía de Piotr Sobocinski Jr.

É un filme con moitas arestas que fala do perdón, da culpa, do concepto de espiritualidade e da importancia de crear redes de apoio que permitan ao individuo xerar vínculos para poder sandar. Isto último, para o meu gusto, é das ideas máis potentes da película, que axudan a darlle forma a toda a historia.

O vídeo está acompañado pola marabillosa música do compositor Luis Álvarez.

Comments are closed.