“A SENSACIÓN DE ESTAR ALÍ” COA “CÁMARA QUE VAI A TODAS PARTES”

Festival Internacional de Cine de Las Palmas 2016 from A Cuarta Parede on Vimeo.

A luz, as nubes, o vento, a cidade, o mar. Las Palmas de Gran Canaria coa súa extraordinaria beleza acolleu do 4 ao 13 de Marzo o 16º Festival Internacional de Cine. As musas do arte, o cine, a música, o teatro, a poesía, reunidas nun mundo gobernado por cousas para celebrar, pese a todo, a vida. E por un instante o cinema morto, o das cousas, vese eclipsado por un cinema de vida, o de esas cinematografías diferentes baseadas en aquelo que nos fai sentir vivos, neste caso a experiencia de ver, oír, sentir, reflexionar, xuntos. Unha ampla gama de filmes seleccionados entre o mellor cine de arte contemporáneo, proxectadas a miúdo en presencia dos seus autores para un público atento e agradecido. Pese á escasez de medios e recursos a programación é tan diversa e coidada como en ocasións anteriores, con títulos excepcionais e minoritarios que aínda sendo premiados en importantes festivais afrontan graves problemas de distribución. Cantos de amor para enxendrar vivencias novas, únicas, nun mundo de alienación e cosificación da experiencia humana, aos que o cinema de masas dispensa indiferencia e incomprensión, namentras chama á orde no interminable desfile de representacións.

Dentro da sección Oficial Longametras e Lay Harimaguada de Oro recae en Kaili Blues, de Bi Gan, un delicioso paseo atemporal por unha China rural de dramas familiares e mafias locais, onde se entrecruzan historias do pasado e novos amores, inmersos nunha cotiandade visual e sonoramente estilizada, día secuencias suspendidas, excelentes panorámicas, travelling flotantes, ou outros. A destacar a Mención Especial a La familia Chechena de Martín Solá, segunda entrega dunha triloxía que explora distintas formas de resistencia e que se fixa en este caso nas Zikr, danzas rituais sufíes para cultivar a fé e a firmeza pacífica, nunhas comunidades básicamente matriarcais debido ao terrible azoute das guerras e deportacións do século XX. E o Premio a Mellor Actriz para Verónica Gerez en Cómo funcionan casi todas as cosas de Fernando Salem, traballo de escola longamente xestado e acompañado ata a súa feliz proxección o 8 de marzo, para escenificar maxistralmente a soidade dunhas compañeiras de traballo arroxadas a unha road-movie interior con toques experimentais, a causa de múltiples cambios no seu entorno familiar, laboral, sentimental.

Na sección Canarias Cinema o Premio Richard Leacock á Mellor Longametraxe vai para Dead Slow Ahead, de Mauro Hercé, inmersión distanciada, grabada co fair laidy e coidadosamente sonorizada, na vida nun colosal barco de carga navegando por alta mar, cunha tripulación de mirada perdida no horizonte, cuxas voces e imaxes dislocadas apenas se fan sentir, nun hábitat industrial e case infernal de aillamento e incomunicación. Dentro da mesma sección Mar de Mármara de Pedro García parte dunha investigación repleta de poesía e moi vinculada á illa entorno á vida de Marie-Laure Truffot, esposa do músico Camille Sant-Saëns repudiada trala tráxica pérdida de dous fillos. E Around them de Rubén Señor Cruz constrúese a partires dunha serie de conversas con mulleres de diferentes partes do mundo, sobre xénero e cultura, a fin de derribar prexuizos a base de viaxar e constatar ata que punto compartimos cosmovisións similares.

Fóra de concurso a sección Panorama conta con algúns dos nomes máis distinguidos do cinema de autor global ao tempo que Panorama España, coordinada por un Gonzalo de Pedro que ademais imparte un interesante taller sobre a distribución en festivais internacionais, acolle unha curiosa confluencia de filmes moi vinculados a Barcelona, como La extranjera, de Miguel Angel Blanca, Transeúntes de Luis Aller e L’accademia delle muse de José Luis Guerín. A sección Banda Aparte comisaria por Antonio Weinrichter plantexa os usos posibles do legado cinematográfico a través do ensaio cinematográfico, o found footage, e o supercut, liña que se complementa cunha clase maxistral do videoartista e membro do xurado official Kogonada, á que cabe engadir a retrospectiva adicada a Chantal Akerman da sección Déjà vu. Doutra banda, La noche +freak e a sección Neo-western, ambas coordinadas por Jesús Palacios, recollen propostas rompedoras para o gran público e á vez transgesoras das fronteiras tradicionais dos xéneros. E a modo de acompañamento, as excepcionais interpretacións do pianista Michel Camilo na gala inaugural e o concerto especial, en homenaxe ao maestro reivindicado en Playing Lecuona, de Pavel Girond e Juanma Villar Betacort, dan apertura a un festival e un ciclo que atopará continuidade nun Monopol Music Festival con dezasete documentais musicais, e distintas actuacións en vivo.

Finalmente como invitada de luxo a cineaste jane Weiner, que ademais de presidir o xurado official presenta dous filmes recentes sobre o seu mentor Richard Leacock (1921-2011) e outros pioneiros do “cinema vérité” e o “direct cinema”, esa revolución fílmica iniciada a finais dos cincuenta mediante pequenas cámaras e magnetofonos capaces de operar con inaudita axilidade e economía de medios. Leacock, quen precisamente iniciaba a súa rica filmografía na illa con Canary Bananas en 1935, antes de traballar co gran maestro Robert J. Flaherty, da este ano nome aos premios ao mellor cinema canario, ademais de centrar dous traballos de Weiner cuxas máximas ben poderían dar título ao video sobre o noso paso polo festival e o texto que o acompaña: “a sensación de estar alí coa cámara que vai a todas partes”. Centeares de perspectivas enxendradas, encarnadas e observadas con vida. Filmes que crean e retratan vida, non obxectos. Situacións cinematográficas frente a cine espectáculo nun festival único, a contracorrente. Unidade de tempo, ante un cúmulo de momentos aillados e dispersos, para dar vida a un espazo de encontro, común. Á marxe das prisas e a soidade, a comunicación e as relacións habitualmente mediadas por cousas, recobran a súa condición humana. E sucede así que, como nos di na seguinte entrevista o director do 16º Festival Internacional de Cine de Las Palmas de Gran Canaria, Luis Miranda, xorden e florecen desvíos, propostas e experiencias novas, persoais e á vez colectivas.

Entrevista Luis Miranda from A Cuarta Parede on Vimeo.

Comments are closed.