A VINGANÇA DE UMA MULLER, de Rita Azevedo Gomes

WOMANSREVENGE03

A película abre, lentamente, cos títulos de crédito sobre un vermello telón. Como a modo de advertencia, a directora presentanos o que será a tónica do filme: unha posta en escena absolutamente teatral que consegue fuxir das habituais grallas do chamado “teatro filmado”. E é que non estamos ante unha mera adaptación teatral, xa que A vingança de uma muller consegue exprimir ata a perfección os recursos do cinema para crear unha obra a cabalo entre o texto escrito, a teatralidade, a sétima arte e a pintura.

Comecemos polo principio. A vingança de uma muller é unha historia de amor e orgullo. Se ben a película comeza coa introdución da personaxe de Roberto, dandy para algúns, libertino para outros, non é el o que levará o peso da historia senón a Duquesa. Misterioso personaxe feminino que coñecemos tras unha persecución seductora polas rúas de Lisboa que remata coas moedas de Roberto caendo nun cunco de cristal. Na porta da casa da Duquesa, un papel sinaliza os diversos servizos que ela presta; dentro, a apariencia agocha a verdadeira historia dunha muller, outrora de caste aristócrata, que emprega o seu corpo para vingarse.

O filme avanza paseniño, sen presas, mesturando presente e pasado na mesma secuencia cunha separación que marca o paneo da cámara. Pero, acaso o pasado non forma parte do presente da vida da Duquesa? Acaso a lembranza do acontecido en Sierra Leone non volve unha e outra vez á súa memoria avivando máis o lume dunha vinganza lenta e eterna? Rita Azevedo consegue, marcando un ritmo pausado e lento, mover continuamente a curiosidade do espectador por coñecer os detalles que motivan á personaxe de Rita Durão. E faino coma quen desencarta un pano de tela, onde cada pregue amosa unha nova parte da historia; ao igual que a decisión de cambiar entre pasado e presente co simple movemento da cámara.

WOMANSREVENGE04

Mais, se algo destaca deste filme é a fermosa e espectacular posta en escena. Cuns escenarios marcadamente teatrais, Rita Azevedo consegue filmar algúns dos planos máis belos do cinema recente. O xogo coa luz ou cos obxectos do escenario para encadrar ás personaxes, por exemplo, a secuencia do espello cando a Duquesa e Roberto recordan o seu encontro hai anos, roza unha perfección tan só accesible aos mestres da sétima arte. É por iso que non podemos considerar A vinganza de uma muller como unha obra meramente fílmica, senón que tamén é unha obra pictórica pola composición da imaxe; é unha obra teatral pola espectacular actuación dos dous actores protagonistas neses infinitos monólogos cargados de emoción e forza; é unha adaptación libre de Barbey d’Aurevilly…

Cómpre sinalar antes de rematar, a importancia aos ollos do que escribe, da escolla da vinganza a través da prostitución. Non só polas implicacións de deshonra que a Duquesa explica no filme, senón pola propiedade do corpo por parte da muller. É a Duquesa a que non pode consumar o seu amor polo seu amante e que asiste á morte do mesmo en mans dos servos de seu home, pero é a Duquesa, agora fuxida, a que decide ser dona de seu corpo poñéndoo en mans de outros, e ela a que decide empregar o seu sexo como ferramenta para a súa vinganza. E é que falamos tamén dun filme no que se dá a transformación dunha muller obxecto (refírome aquí a ser a muller do Duque de), á muller independente (recupera a súa linaxe e a súa honra para tramar a vinganza contra o home que a somete).

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.