A virxe roxa, de Marcos Nine

A virxe roxa, de Marcos Nine

Podes ler a versión orixinal deste texto en inglés.

A virxe roxa, de Marcos Nine, narra a historia de Aurora Rodríguez Carballeira, nacida en Ferrol a finais do século XIX. Ao medrar, Aurora comezou a interesarse polas sociedades utópicas, e incluso tratou de crear unha. Dedicou todas as súas enerxías a criar á súa filla Hildegart (cuxo pai era un cura que nunca reclamou a súa paternidade), á que vía como o prototipo da “nova muller”. Aos 14 anos, Hildegart falaba inglés e francés, e matriculábase na universidade en Madrid para estudar dereito e humanidades. Dous anos despois, Hildegart comeza a escribir libros sobre sexualidade feminina, únese a partidos políticos e empeza a ser independente da súa nai. Xorde o conflito, xa que Aurora sente que ela é a única que pode controlar a vida da súa filla/creación. Finalmente, Aurora asasina a Hildegart cando esta ten só 19 anos.

Traballar con imaxes de arquivo é diferente a gravar acontecementos en directo. Ámbalas fontes son a versión do artista da realidade, mais no caso das imaxes de arquivo temos a realidade filtrada a través de dous autores: o creador orixinal e o que as selecciona con posterioridade. Marcos Nine non ten material filmado ou fotografías da vida de Aurora Rodríguez, nin puido entrevistar a ninguén que a coñecese. Usa fragmentos de gravacións que mostran acontecementos reais, mais non pertencen á vida de Aurora. Moitos nin tan sequera foron gravados en España. É A virxe roxa un documental ou corresponde a un formato fílmico completamente novo?

A virxe roxa é un dos filmes máis engaiolantes que vin nos últimos anos, e isto débese ao xeito no que Nine usa as imaxes. As experiencias son o resultado de como procesamos a información sensorial. No cine, o que vemos e oímos dá forma ás nosas experiencias. O proceso pasa rapidamente por varias fases. A primeira é o contacto (gustoume, non me gustou, non me interesou o máis mínimo). Logo, recoñecer a imaxe ou o son. O recoñecemento leva a asociacións, lembranzas, emocións e finalmente á consciencia que resulta no que coñecemos como experiencia. Nine emprega as imaxes e o son para ofrecer unha experiencia emocional do que podería ter sentido Aurora Rodríguez.

A película non resulta apresurada porque a narración ten un ritmo lento. É sorprendente a rapidez coa que recoñecemos unha imaxe, en menos dun segundo. Nine propociona tempo máis que suficiente para crear esta experiencia. A narración funciona como unha meditación guiada que axuda ao espectador a transitar por 20–30 imaxes en cada minuto. A continuación, destacarei os dous segmentos emocionalmente máis intensos do filme: a concepción ou creación de Hildegart e a súa morte ou destrución. Nos dous segmentos, Nine contrasta imaxes que se repiten.

O pai de Aurora acaba de morrer. Ela decide crear unha supermuller. A secuencia comeza coa imaxe dun lóstrego que evoca o descubrimento. A continuación, o primeiro leitmotiv de imaxes: unha persoa nunha máquina que transporta figuras semellantes a robots, ou primeiros planos de cabezas con electrodos. Todo isto suxire a creación dunha persoa biónica. O leitmotiv descomponse con planos de mulleres novas sorrindo e desfilando, ou sendo levadas triunfalmente por homes. Máis lóstregos. Máis robots. Rapazas bailando e facendo exercicio. Sen dúbida, elas son para Aurora as mulleres do futuro. Saltamos a escenas de homes coa mirada no chan, sendo guiados como un rabaño cara a algún lugar impreciso. A imaxe dunha serpe aparece fugazmente na pantalla. Volvemos ver os homes. Un pistón, unha imaxe suxestiva, seguida dun debuxo dos órganos sexuais dunha muller. Os homes entran nun montacargas. Este segmento remata cun científico mirando esperma no microscopio. Observamos o momento da concepción co que comezan unha serie de acontecementos extraordinarios.

A virxe roxa, de Marcos Nine

O segmento máis tenso do filme é no que Hildegart empeza a ser independente da súa nai. Aurora convértese progresivamente nunha ameaza. Esta parte arranca coas imaxes dunha eiruga que finalmente torna en bolboreta. No minuto 65 vemos espécimes de bolboretas nunhas vitrinas. Aurora está decidida a reter a Hildegart a calquera prezo. No minuto 64 vemos bailar a Isadora Duncan. Non fai falla saber que é Isadora, a grande iconoclasta da danza moderna, para apreciar a liberdade e gozo que transmite o seu danzar. Aurora teme que Hildegart acabe cobizando a liberdade. A continuación, vemos imaxes de maletas e xente subindo e baixando escaleiras. Hildegart intenta marchar a Londres a traballar con H.G. Wells. Os seguintes minutos son especialmente densos en imaxes. A tensión non deixa de aumentar. O leitmotiv desta sección é unha bailarina de ballet clásico e paxaros voando. A bailarina aparece en 11 ocasións, o que nos proporciona tempo abondo para identificala. É Odette, a raíña dos cisnes, no Lago dos Cisnes. Vai morrer. A imaxe de Odette altérnase coas dun oleiro, un paxaro carpinteiro, un paxaro engaiolado, unha muller engaiolada, paxaros voando, a man nunha arma de fogo, máis paxaros, unha nai e o seu fillo, paxaros, unha muller que durme axitada, unha animación de Aurora apuntando coa arma á súa cabeza, unha muller nunha gaiola, unha man liberando un paxaro, quizais un momento de dúbida por parte de Aurora, unha arma sendo cargada, outra animación de Aurora sostendo a arma, reloxos, alguén que durme desasosegadamente, Aurora cunha arma, un péndulo superposto sobre a persoa que durme, unha bailarina de ballet, paxaros voando, alguén subindo as escaleiras, diferentes portas que se abren, una flor a florecer, paxaros que voan, a arma, a bailarina, paxaros que voan, unha arma, a bailarina que cae morta. Finalmente, unha muller sangrando cun disparo na cabeza. Hildegart morreu. Dous disparos na cabeza, un no corazón e na meixela.

Volvendo ao tema de como se conforma a nosa experiencia, o uso repetido de imaxes como a da bailarina e os paxaros voando axuda a formar historias na nosa mente. Naturalmente, a banda sonora nos minutos 66 e 67, nos que oímos as voces de Hildegart e Aurora discutindo, fai que a nosa mente retorne e visualice o conflito. Cando vemos a bailarina, estamos a ver o desexo de Aurora de ser a coreógrafa da súa vida? Ou quizais a Hildegart, que sente que non fai outra cousa que interpretar un baile na vida da súa nai? Isto refórzase coas imaxes de paxaros e mulleres en gaiolas. Os paxaros tamén poden interpretarse como a expresión do medo de Aurora ou o desexo de Hildegart. Entón, as imaxes tórnanse mais ameazadoras coa introdución das armas. Non oímos os disparos, mais a historia non deixa de contarse. Vemos á muller que recibiu os disparos sangrando. A destreza de Nine á hora de escoller e dispoñer as imaxes crea tensión emocional. 

As imaxes en outras partes do filme están igualmente ben escollidas e arranxadas, pero a información sobre o pasado de Aurora, o posterior xuízo e a súa morte nun sanatorio psiquiátrico non provocan a mesma implicación emocional. Ao rematar o filme sentín que coñecía a Aurora, aínda que vin moi poucas imaxes dela e ningunha da súa vida. Non me gustou Aurora. Non sentín pena por ela. Enfadeime con Aurora por destruír a infancia de Hildegart. A intensidade da miña reacción sobre A virxe roxa é testemuña da habilidade de Nine para crear unha realidade usando o valor expresivo das imaxes.

A virxe roxa, de Marcos Nine

Comments are closed.