Aberta a inscrición para o ‘Seminario de crítica e programación de cinema restaurado’

Cartaz Seminario Play-DocACP 2023 Cinema Restaurado

Dende A Cuarta Parede levamos anos reivindicando o papel fundamental das filmotecas e dos arquivos como espazos de resistencia e custodios da memoria fílmica dun pobo (como acredita o noso Número 37). A supervivencia destes lugares, e do valioso patrimonio cultural que atesouran, semella estar constantemente ameazada (tanto polas dificultades técnicas que implica a preservación do material en celuloide, como pola falta de apoio institucional en moitos territorios). Ante esta situación, cabe destacar o labor esencial dos restauradores, curadores e críticos que rescatan, programan e promoven o cinema de patrimonio, poñendo en valor a súa pertinencia na actualidade. Afortunadamente, cada vez son máis os individuos, institucións e festivais que traballan a prol da recuperación de filmes clásicos, moitas veces esquecidos, non só cunha vocación arquivística, senón coa intención de axudar a construír novos corpus de análise fílmica e establecer diálogos co público contemporáneo.

Un ano máis, dende a revista retomamos os nosos seminarios de crítica en colaboración co Festival Play-Doc, un deses encontros que sempre apostou pola programación de títulos de cinema restaurado, ofrecendo retrospectivas pioneiras e proxectando filmes inéditos, resultado dun minucioso traballo de investigación e cooperación con filmotecas e arquivos de todo o mundo. Os días 29 e 30 de abril de 2023 terá lugar en Tui o Seminario de crítica e programación de cinema restaurado, dirixido a todas aquelas persoas interesadas en coñecer en profundidade o traballo de restauración que levan a cabo este tipo de institucións, así como a elaboración de programas, críticas e textos curatoriais sobre cinema de patrimonio e filmes recuperados da man de prestixiosos profesionais do sector.

Como en edicións anteriores, o curso contará cunha parte teórica e outra práctica. No transcurso do seminario, os alumnos terán a posibilidade de elaborar pezas arredor da programación da XIX edición do Play-Doc, co apoio de docentes especializados. Posteriormente, estas creacións serán publicadas na revista.

O programa proposto é o seguinte:

Sábado 29 de abril

Sesión teórica I. 10:00 h — 11:30 h

Impartida por Shivendra Singh Dungarpur 

*Sesión impartida en inglés

Shivendra Singh Dungarpur

Shivendra Singh Dungarpur

Shivendra Singh Dungarpur é cineasta, docente, programador e fundador da Film Heritage Foundation, organización dedicada a preservar o patrimonio cinematográfico da India. Durante esta sesión, Singh Dungarpur explicará o traballo que desenvolve nesta entidade, así como a súa participación na restauración de proxectos de gran relevancia a nivel mundial, como os realizados coa World Cinema Foundation de Martin Scorsese ou co British Film Institute. Do mesmo xeito, debullará o seu labor como programador e membro do comité artístico nalgúns dos principais eventos internacionais dedicados á proxección de cinema recuperado, como o Festival Il Cinema Ritrovato de Boloña.

Sesión teórica II. 12:00 h — 13:30 h

Impartida por Vivien Buchhorn 

*Sesión impartida en inglés

Vivien Buchhorn

Vivien Buchhorn

Nesta sesión contaremos coa intervención de Vivien Buchhorn, historiadora da arte e curadora, que coordina varios proxectos cinematográficos no ámbito do arquivo e publica regularmente críticas de cinema e arte. Buchorn falará das súas investigacións sobre a situación dos arquivos de televisión en Alemaña, así como da súa experiencia restaurando e comisariando retrospectivas e publicacións sobre cinema recuperado, principalmente arredor da obra do cineasta iraniano Sohrab Shahid Saless. Ademais, ofrecerá aos asistentes unha introdución ás particularidades da elaboración de textos curatoriais.

*O sábado pola tarde, os participantes terán tempo libre para asistir ás proxeccións programadas no festival.

Domingo 30 de abril

Sesión teórica III. 10:00 h — 11:30 h

Impartida por Víctor Paz

Víctor Paz

Víctor Paz

Víctor Paz é cofundador da revista A Cuarta Parede e leva quince anos dedicado á crítica cinematográfica, colaborando con medios nacionais e internacionais, así como á programación en festivais de cinema e filmotecas. Logo do seu paso pola Filmoteca de Galicia e DUPLEX Cinema, onde puido coñecer outras caras da exhibición, fundou recentemente a distribuidora LOST & FOUND, especializada no cinema de patrimonio. Con experiencia en tres niveis distintos de exhibición (festivais, filmotecas e salas comerciais), Paz coñece ben as diferencias entre estes contextos diversos. Exercendo tamén a crítica de filmes de patrimonio, ofrecerá nesta intervención a súa visión sobre o mercado do cinema restaurado en España.

Sesión práctica. 12:00 h — 13:30 h

Impartida por Víctor Paz

Nesta última sesión, Víctor Paz afondará na conceptualización de programas de cinema restaurado en certames mediante unha achega inicial ás prácticas curatoriais máis ao uso, incluíndo a elaboración de textos críticos. Logo de repasar estes aspectos, ofrecendo exemplos prácticos en cada caso nos que fará intervir ao alumnado, proporase a cada participante a confección dun programa acompañado dun breve texto crítico introdutorio, que poida funcionar como base para presentar a algún festival ou institución, ademais da elaboración de recensións sobre algunhas das pezas de cinema restaurado proxectadas no Play-Doc.

*O domingo pola tarde, os participantes terán tempo libre para asistir ás proxeccións programadas no festival.

Prazos e matrícula

A matrícula estará aberta dende o venres 31 de marzo ata o mércores 26 de abril de 2023 (ás 23:59 h). Os alumnos interesados deberán escribir un correo especificando o seu desexo de participar no seminario a info@acuartaparede.com, sinalando no asunto do correo “Seminario Play-Doc 2023” e incluíndo o seu nome completo e DNI.

O prezo da matrícula é de 25 €. Ademais da asistencia ao curso, tódolos alumnos recibirán unha acreditación completa para poder asistir ás proxeccións do festival. A maiores, ofrecerase un desconto en aloxamento para facilitar a estancia en Tui durante os días do encontro.

O número de alumnos estará limitado a 20, tendo prioridade aqueles que realicen antes a matrícula. Tras enviar o correo, os participantes recibirán instrucións sobre a conta bancaria na que deberán efectuar o pagamento da matrícula. É esencial realizar o pagamento antes do día 27 de abril para facer efectiva a inclusión no curso.

*Será imprescindible entregar as pezas elaboradas no seminario e asinar o formulario de asistencia diario para recibir o diploma.

Comments are closed.