DEREITOS DE AUTOR E INTERNET: Á PROCURA DO SANTO GRIAL DIXITAL

CRÓNICA XORNADA AGAPI ‘A OBRA AUDIOVISUAL. PROPIEDADE INTELECTUAL E CONTEXTO DIXITAL’

Hoxe entra en vigor a famosa lei Sinde-Wert. Xunto ao recente peche de Megaupload por parte do FBI e á controvertida lei Hadopi francesa, que permite a identificación do internauta infractor con multas de ata 300.000 euros e dous anos de cárcere, este documento súmase a unha estratexia que pretende cortar pola vía rápida o acceso a contidos audiovisuais na rede que non seguen os mecanismos legais da distribución fílmica e televisiva.

O discurso hexemónico nos medios de “Compartir non é delito”, dada a impopularidade do texto, está desviando a atención das súas consecuencias para os usuarios e os propietarios dos dereitos de autor. Nun afán por aclarar os puntos máis importantes da lei, a AGAPI (Asociación Galega de Produtores Independentes) convidou este martes a Octavio Dapena, director de Antipiratería EGEDA; e a Miguel Ángel Bouza, profesor de dereito mercantil na Universidade de Vigo, a intervir na xornada ‘A obra audiovisual. Propiedade intelectual e contexto dixital’. Estiveron acompañados doutros 18 profesionais, que debateron na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC sobre distintos ámbitos do tema en cuestión, nun total de catro mesas redondas ao longo do día.

Como afecta logo a lei Sinde-Wert aos usuarios de Internet? Ademais da perda do acceso a moitos contidos, derivada do peche de páxinas web, a pregunta principal é: que repercusións legais pode ter sobre nós? Se baixas habitualmente series ou filmes da rede, nada que temer. Dapena aclara que a norma “non vai contra os internautas”. Que ocorre se publicas un post con enlaces a unha obra, sen ser o responsable da subida? Este punto non puxo de acordo aos dous avogados. Para o profesor Bouza, “a elaboración dunha listaxe de enlaces non é un acto de comunicación pública”, e é que nestas dúas últimas palabras está a clave. Segundo o representante da entidade xestora de dereitos de autor, “a ordenación e clasificación dos enlaces” entra dentro desta categoría, como así o entendeu un auto en Murcia no ano 2009, se ben non hai casos semellantes no Tribunal Supremo. Bouza explicou que “se dubida, todo xuíz vai optar pola absolución”, e no que si que estaban de acordo os dous avogados, é en que é ridículo sentenciar a non ser que exista un ánimo de lucro.

Miguel Ángel Bouza, profesor de derecho mercantil en la Universidad de Vigo; y Octavio Dapena, director de Antipiratería EGEDA, dirigiéndose al público. En el centro, Antonio Varela, director de Pórtico Audiovisual, que ejerció de moderador.

Miguel Ángel Bouza, profesor de dereito mercantil na Universidade de Vigo; e Octavio Dapena, director de Antipiratería EGEDA, dirixíndose ao público. No centro, Antonio Varela, director de Pórtico Audiovisual, que exerceu de moderador.

E da outra banda? “Subir películas é unha infracción civil, aínda que non penal. Por que non se denuncia? Pois porque a lexislación española non permite a identificación”, explicou Fernando Regueira, avogado de Zenit TV, na última mesa do día, máis centrada na distribución. En realidade, se estás detrás dunha páxina de enlaces, reza porque o ministerio non dea cotigo. Dende hoxe, poderán solicitar ás compañías telefónicas información sobre os usuarios no caso de que se precise identificar ao infractor. Que ocorre despois? Recíbese unha comunicación na que se pide a retirada do contido da web e, logo dun trámite de conclusións, comunícanse as medidas. Normalmente, todo queda nun susto se se retiran os contidos, aínda que Bouza recomenda blindarse contra posibles reclamacións penais posteriores.

No medio de todo o proceso, que diferencia fai sacar ou non os contidos da web? Ningunha. Para a lei, existe unha vulneración dos dereitos de autor, aínda que despois se demostre o contrario. “O recoñecemento implícito da vulneración, mesmo cando se retiran os contidos, paréceme moi grave”, indica Bouza, e engade: “Isto vai provocar que ninguén os retire”. Ademais, segundo Dapena, “unha norma non sancionadora ten unha capacidade moi limitada”, polo que se dá aquí unha das maiores incongruencias dunha lei que ambos cualificaron coma “non necesaria” dado o bo funcionamento dos xulgados do mercantil. O problema semella máis de educación social, de querer pagar voluntariamente polos contidos.

Que solucións poden darse dende o sector da distribución? Como explicou José Manuel Sande, programador do CGAI, o cinema español leva perdendo espectadores nas salas dende a Transición. El atribúeo, entre outras causas, ao control da billeteira e á práctica da dobraxe, que perpetúan a presenza hexemónica do cinema estadounidense. Pero este tamén se ve menos nas salas. Por que? Resposta sinxela: Internet. A cuestión está en dar co sistema que permita rendibilizar un investimento das produtoras e distribuidoras na web para ofrecer servizos de calidade. “Hulu é a resposta das majors para dar o que se consume mal e de forma ilegal na súa plataforma, para crear hábitos de consumo”, explicou María José Arrojo, directora da Escola de Medios de La Voz de Galicia. Nos EUA, están a xurdir moitas plataformas como esta, de VOD (Video On Demand), ben de pagamento (en forma de aluguer ou compra) ou gratuítas, que parecen marcar o camiño a seguir. En España, hai apostas aínda tímidas coma Filmotech ou Filmin, que supoñen unha porcentaxe ínfima do negocio cinematográfico e que non semellan estar funcionando entre o público patrio.

Filmin é unha das principais plataformas de VOD en España.

Queremos pagar, pero deixádenos pagar, por favor”

Pois si, é normal que Javier Pedreira, blogger en Microsiervos, se laiara ben alto e claro da demanda insatisfeita do consumidor de cultura máis esixinte, que ve como quere alugar un filme en versión orixinal da tenda de iTunes e non pode por ter unha IP española. Por que? Pois porque a licencia dos dereitos non é aplicable en Europa. Mentres que o material ilegal circula a nivel internacional cunha velocidade sideral a través da rede, a industria aínda non soubo atopar unha solución para ir igual de rápido que os piratas. Por que non xestionar unha venda de dereitos mundial, ou por continentes, en troques de seguir ancorados nun sistema de distribución nacional que se adaptaba ao analóxico, mais non ao dixital? O produtor de Enrrugas, Manuel Cristóbal, di que algo así “só facilitaría o monopolio de Apple e Google”. En todo caso, móstrase moi crítico co VOD: “Baixan os ingresos polo DVD, mais non se substitúen polo VOD. Estamos aínda na procura do Santo Grial dixital”. Recoñece que hai moita demanda non resolta, e que a solución pode pasar por atendela, centrándose nos clientes que estarían dispostos a pagar por un servizo de calidade (versión orixinal, alta definición, posibilidade de ver en múltiples plataformas e acceso inmediato) e combatendo as copias ilegais.

A cuestión é que o usuario non só non pode acceder de forma legal aos contidos que demanda, senón que ademais ten unha avidez por comentar, compartir e participar da experiencia social que proporciona a rede, que non está resolta como sistema integrado en ningunha das plataformas españolas. “A interactividade estana a dar as redes sociais”, indica Arrojo, que pensa que pode levar ao éxito a iniciativas novas como Youzee. “Morreu o programador da televisión lineal”, sentenciou Alfonso Martínez, director de Marketing de R, aludindo á capacidade do televidente de poder elixir o que queira e cando queira. Outros foron máis aló, vendo no usuario un manipulador da obra, que completa o seu sentido na rede. María Yáñez, produtora de contidos d’A Navalla Suíza, referiuse ao concepto da ‘cultura da converxencia’ de Henry Jenkins cun exemplo moi sintomático: os vídeos feitos por fans derivados d’A guerra das galaxias. George Lucas mallounos a demandas nun primeiro momento, para comprender máis tarde que lle estaban a proporcionar un rédito moi beneficioso e, o que é máis importante, que non custa unha cadela.

O director do portal Cultura Galega, Manuel Gago, explicou ao conto dunha análise de tweets o día do roubo do Códice Calixtino, que se construíra un verdadeiro “relato transmedia” na rede social que “proviña de diferentes fontes da cultura popular”. Moitos internautas mesmo relacionaban a historia coa da novela O Código DaVinci, de Dan Brown, alimentando unha rocambolesca historia de ficción sobre a noticia, na que a información cedeu o paso á indignación e posterior cachondeo conforme pasaban as horas. “A apropiación, a reconstrución e o transmedia fan que o contido tome vida propia, fannos perder o control”, indicaba na mesma liña que Yáñez.

Tim Schafer logrou xuntar máis de dous millóns de dólares en cuestión de días para o seu próximo videoxogo nunha plataforma de 'crowdfunding'. A clave? Implicación e transparencia.

Palabros salvadores

Ambos convidaron a fomentar este tipo de dinámicas na rede para beneficiar a producións máis austeras, pois, como dixo o director xeral de Portocabo, Alfonso Blanco: “Hai o paradoxo de moita plataforma sen contidos para enchelas. Nunca se consumiu tanta televisión e estiveron a piques de pechar tantas produtoras”. O contexto económico pono aínda máis complicado, polo que se impón unha redución de custos e moito enxeño, aínda que o básico (e máis complicado) sexa “conseguir a implicación do público”. A mellor forma de facelo? Pois semella que o financiamento en masa (crowdfunding) está a dar resultados. Arrojo citou o último videoxogo de Tim Schafer, creador de xoias como Maniac Mansion, Monkey Island ou Grim Fandango; como exemplo emblemático. O proxecto do seu estudo Double Fine Adventure precisaba 400.000 dólares para poder levarse a cabo, e os internautas xa lle proporcionaron ao autor máis de dous millóns. Como? Transparencia do equipo de produción cara un público participativo, para lograr esa “implicación”. “Os que máis gañaron foron os que mostraron o seu código fonte”, indica Yáñez.

Pero non é necesario remitirse ás vellas glorias de Lucas(arts) para atopar resultados similares nunha menor escala. Carlos Fernández, director executivo de Moonbite Games, está a desenvolver agora co seu equipo o xogo para PS3 Zombeer, e móstrase moi positivo no uso do financiamento en masa: “É un pagamento adiantado, só que moito máis intelixente. Cando vou ao cinema, non sei que entro ver. Aquí sei polo que estou pagando”.

E se é preciso repartir custos e esforzos para poder financiar? Pois outro palabro: crowdsourcing. Este sistema permite externalizar tarefas dentro dunha produción cando se conta cun equipo ou un orzamento reducidos. Paula Cons pretende sacarlle partido a este modelo a través da plataforma Wecoop, unha web dependente da produtora galega Continental que funciona como mecanismo de “co-produción online”. Grazas a este sistema, están levando a cabo o proxecto 13 campanadas, serie documental para televisión que pretende falar da vida nas parroquias en distintas partes do mundo con curas como protagonistas do programa. A idea é que polo menos cinco produtoras de distintos países repartan os custos, realizando cada unha entre un e tres capítulos. Un orzamento elevado para Continental convértese así en algo asumible e con altas posibilidades de inserción en canles temáticas.

En definitiva, a produción precisa reducir custos nun momento no que as subvencións están en tela de xuízo, ou van ser radicalmente reducidas. Débense buscar logo novas formas de financiamento que permitan a continuidade desta produción, así como estratexias para asegurar unha fluída distribución ao público, e na que non se perdan cartos polo medio. Iso pasa polo investimento en estruturas tecnolóxicas, o desenvolvemento de ferramentas que faciliten poder dar resposta ás demandas crecentes dun público moi esixente, a educación social de moitos cidadáns a conquistar, e o desenvolvemento de normas lexislativas que axuden a regular o mercado e defender os intereses de industria e autores. Dise pronto, mais esta xornada apuntou algúns elementos de reflexión para conquistar ese Santo Grial dixital. Esperemos poder agarralo a non moitos ‘bytes’ de distancia.                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                    

 

Comments are closed.