O CINEMA DE ÁNGEL SANTOS TOUZA


(1)

Ángel Santos Touza (Marín, 1976) é un tipo discreto, pouco amigo de alardes. Pese aos eloxios que os observadores externos lle dedican ao seu traballo, amósase máis disposto a falar dos seus erros que dos seus acertos, baixo o impulso dun afiado perfeccionismo. É un implacable autocrítico, que o pasa mal ao sentarse a ver os seus filmes, xa rematados, pero iso non lle impide seguir a avanzar, na procura de facelo mellor, de chegar a crear algo co que estea verdadeiramente satisfeito.

Ao seu ver, o estilo dun autor, sexa este cineasta, músico, escritor ou o que queira, ten que saírlle das tripas. Sen forzar, sen aparentar, sen contorsionismos. Só así pode o creador reflectirse na súa obra e, ante todo, “o realmente interesante son as persoas, máis que as teorías ou as digresións sobre que concepto do cine é mellor”. Por iso non gusta dos directores que se transforman en cada película, porque non lle ve sentido a camuflar a a propia personalidade detrás de artimañas.

 

"Un ten que falar do que sabe, do que viviu, por iso é normal regresar aos mesmos temas. É algo que fan directores que me interesan moito, como Rohmer, ou Ozu".

Esta filosofía convirte a Ángel Santos, ou AST, como gusta de asinar, dun director de asuntos recorrentes. O amor, as parellas, o longo camiño cara a madurez ou o prezo do paso do tempo asoman, dun xeito ou doutro, en todos os seus traballos. “Un ten que falar do que sabe, do que viviu, por iso é normal regresar aos mesmos temas. É algo que fan directores que me interesan moito, como Rohmer, ou Ozu, en toda a súa filmografía repasan as mesmas ideas tratadas do mesmo xeito”. Asegura que non entende como os directores españois non recorren máis a este tipo de historias, sobre persoas que se relacionan e conversan entre si, “cando é a nosa forma natural de desenvolvernos, e unha das tramas centrais do cinema francés”, do que se considera un grande admirador.

As penurias dos amantes, a vida en familia, a incomunicación coas persoas máis queridas, e o inevitable deterioro da vida en parella aparecen en todos os filmes de Santos, polo de agora. É un leit motiv curioso nun home felizmente casado. Medio en broma, confesa que á súa muller non lle chista moito a súa teima coas relacións tempestuosas, pero vaino levando porque os seus guións non teñen nada de autobiográfico, son pura fabulación necesaria. “Na historia do teatro, a novela e, claro está, do cine hai contadas obras sobre a felicidade en estado pleno. O que adoitan retratar os autores son os momentos duros, os do cambio, os das dúbidas que se revolven no interior dun. Supoño que a felicidade está para vivila, e a infelicidade, para filmala”, comenta, entre risos.

(2)

No ano 2000, chegou ao Centre d’Estudis Cinematogràfics de Catalunya pensando en ser director de fotografía. Medrara entre cintas Beta e VHS cheas de filmes clásicos e, con pouco máis de once anos, xogaba xa coa videocámara da familia a gravar “cousas de nenos”. Así que fixo a maleta e marchou a Barcelona, con ánimo de estudar, pero rexeitando a idea de sentar tras da cámara e gravar “cousas de adultos”. Pensaba que non estaba capacitado para ser cineasta, unha profesión que consideraba “propia de xente arrebatada e con ideas xeniais”. Pero despois decatouse de que nin era para tanto, nin a el lle abondaba con colocar un encadre fermoso para que outro levase o mérito.

No ano 2002, como proxecto final dos seus estudos de cinema, realizou A., unha curtametraxe inaugural na que xa están presentes boa parte das súas teimas. “Houbo unha primeira rodaxe, con outros autores e cun guión algo máis superficial, que foi un fracaso”. Pero á segunda foi á vencida, e asomou o enfoque que el quería. Cambios, dúbidas, o amor romántico contra o amor real, e o contraste entre a vida que leva a protagonista e a vida que lle gustaría levar. Estilisticamente quixo ser o máis sinxelo posible, “sacar a cámara á rúa e gravar, fuxindo dos entornos controlados, e desa iluminación tan dura que adoita verse no cine dixital”.

O resultado foi moi digno para un debutante, pero durante moito tempo, o autor rexeitou enfrontarse á súa propia obra, en loita co seu perfeccionismo. “Escapaba da sala cando a proxectaban, non quería vela, porque me daba a impresión de que a miña posición con respecto ao que estaba a contar era evidente de máis. Atopábame espido nas palabras e nas imaxes. Agora xa o levo mellor aínda que hai partes que me custan… era demasiado inocente”.

 

Santos é un ávido lector de Flaubert ou Chejov, entre outros.

No seu seguinte traballo, Septiembre (Los amores jóvenes), buscou facer unha variación sobre o mesmo tema, pero con personaxes máis novos, e cun enfoque menos frontal. Os personaxes falan doutras cousas, non analizan o que lles está a pasar e, en contraste cos planos curtos e directos de A., aparecen retratados dunha forma máis clásica e distante. Santos segue a xulgarse duramente, aínda que recoñece que deu un paso na boa dirección: “Está inzada de erros técnicos e de planificación, pero co tempo lévoa moito mellor, creo que é máis digna”.

Viría máis tarde Sara y Juan, case un capítulo na mesma historia, e coa mesma protagonista feminina, unha amiga de toda a vida, Sara Pazos, da que di que “podería ser unha gran actriz, pese a que eu non acabe de dirixila correctamente”. O seu compañeiro, Juan Piñeiro, era tamén un vello coñecido, polo que a química estaba garantida. A desvantaxe era que só ían coincidir en Galicia por un curto intervalo. “Había tempo que tiña ganas de facer algo con eles, así que aproveitei. Gravamos todo en día e medio, sen ensaios nin luxos dese tipo, a ver que saía. Por iso xa avisamos ao comezo, nos títulos, que é unha curta amateur. Ten ideas interesantes, pero… vista agora non me acaba de gustar o ritmo que ten, é un pouco morosa de máis”.

Seguiu, entre medias, con O cazador, unha adaptación libre dun relato de Chejov, co que gañou o primeiro premio do Filminho 2008, ex aequo con París #1, do seu amigo Oliver Laxe. É un traballo ben pensado, sobrio, “discreto”, que se beneficia do substrato da obra orixinal para facer as súas propias variacións. E, de aí, deu paso á súa ambiciosa primeira longametraxe, Dous fragmentos / Eva, na que tenta axustar contas coas súas primeiras curtas. Os diálogos volven ser longos, literarios, reflexións directas sobre os problemas que engaiolan a Ángel Santos.


(3)

Nesta incansable evolución, o director presentou hai pouco en festivais Pantasmas #1, un repaso íntimo aos estragos do tempo e da memoria, e traballa na montaxe no seguinte, Adolescentes, do que se pode ver un pequeno avance no vídeo sobre estas liñas. Son filmes máis experimentais que os anteriores pero, para el, non supoñen unha ruptura. “Son cousas que levo facendo toda a vida, aínda que ao mellor non eran tan visibles en traballos anteriores. Dende logo, non é nada ambicioso, simplemente, é o que me sae natural”.

E neste proceder natural, logo de rodar unha longametraxe, volve agora a formatos de menor duración, porque se nega a considerar as curtas como unha simple escola para cineastas inexpertos, “como eses anos nos que un traballa de bolseiro, sen cobrar, para formarse, como se non contara…”. Interésalle o cine, como linguaxe, independentemente da duración, e afirma que o formato, sinxelamente, debe adaptarse ás necesidades expresivas.

 

O director, gravando o son do seu filme 'Adolescentes'.

É certo que un comeza por facer curtas cando está a aprender, porque os ensaios son máis doados de facer, e máis baratos, en catro minutos que en 120, pero iso non significa que non poidan dar lugar a obras perfectamente válidas, como ocorre cos relatos no mundo da literatura. Pensar o contrario é impoñerse unhas limitacións absurdas”.

Reclama liberdade de formato e liberdade temática, pois percibe que, nos circuítos artísticos e de distribución actuais, os filmes breves enténdense coma un formato lúdico e extravagante, “no que a tendencia é a rizar o rizo cada vez máis”. Ese espírito marca boa parte das festivais de curtametraxes activas, e fai difícil exhibir historias de corte diferente. A el ocorreulle con O Cazador, que, pese a gañar o Filminho, case non se proxectou noutros eventos.

(4)

O noso cineasta comezou a desenvolver a súa carreira nun bo momento en canto a cartos públicos, e gozou de subvencións para “rodar esas dúas ou tres cousas que quería”, un apoio do que agora ten que prescindir, ao igual que boa parte da industria. “De todos os xeitos, cada un ten que facer o que ten que facer, con axudas ou sen elas. O que cambiarán son os medios de produción. Terás que rodar en quince días e non nun mes, e en localizacións preto da túa casa, pero podes sacar as cousas adiante”, asegura rotundo.

Advirte de que non se recuperan cartos, e de que é importante, “manter a cabeza fría para que o gasto non se dispare”, pero quen queira facer cine “non pode estar sentado agardando a chamada dun inversor que lle queira producir a película. Iso non pasa, por moitos premios que gañes”.

Ángel Santos é partidario de “normalizar” o acto de facer cine, de deixar de pensar en glamour e alfombras vermellas, e de facer as cousas con empeño e ambición, pero con volume razoable de cartos. “Por que gastamos tantos cartos na gala dos Mestre Mateo, e despois descoidamos o básico? Acaso gañar un Mestre Mateo serve para que a túa película se vexa nos cines galegos? Diñeiro non haberá, pero é que o gastamos onde non debemos”.

(5)

Na escola de cine púñanlles, a Ángel Santos e a outros compañeiros, o alcume de “os afrancesados”, polas moitas referencias “nouvellevagueras” que asomaban a patiña por entre os seus fotogramas. As referencias a Godard e compañía son doadas de ver nos seus primeiros traballos, e non desaparecen de todo nos últimos. Estamos ante un coleccionista de citas.

 

“En 'Eva' botei unhas risas co montador, ao repasar as conversas, porque algunhas semellaban escritas no século XIX, pero que lle vou facer".

É tamén un gran lector, especialmente dos autores realistas como Flaubert, Balzac, Chejov, Dostoievsky… Iso dota os diálogos que escribe para os seus filmes dun certo “peso literario”, ás veces, mesmo contra a súa vontade. “En Eva botei unhas risas co montador, ao repasar as conversas, porque algunhas semellaban escritas no século XIX, pero que lle vou facer, é a miña forma natural de expresarme. Por moito que intentes camuflarte, todos os personaxes teñen algo da túa voz”.

Nunha curiosa consonancia, case poética, Ángel Santos vive de alugueiro nunha casa de pedra decimonónica, debidamente rehabilitada, no lugar de Ponte Borela (Cotobade). No rural, pero a pouco máis de 15 minutos de Pontevedra, a ritmo de coche. O piso de arriba está cheo de estantes con libros, moitos deles salpicados de marcadores de cores, que facilitan a busca de citas no seu interior. Durante a conversa, colle un destes volumes para refrescar a súa memoria, e recorre a unhas palabras que Carl Theodor Dreyer deixou por escrito en 1965, para exemplificar a súa visión do proceso creativo: “Todo traballo é aprendizaxe, a escola. Hai que dar moitos rodeos antes de descubrir cal é a auténtica vía”. E engade, entre risos: “Dreyer di isto despois de ter feito Ordet e Gertrud. Que non vou dicir eu?”.

Comments are closed.