ANOTHER EARTH, de Mike Cahill

O MEU EU EN FUNCIÓN DO OUTRO ·

O Eu, tema fundamental da reflexión humana que nos levou desde hai séculos a pensar e repensar unha e outra vez na nosa forma de estar no mundo, de constituírnos como suxeitos e de enfrontarnos a aquilo que é similar a nós, pero que non se corresponde ao noso eu: o outro.

Este eu fronte ao outro é o tema central de Another Earth, un filme de ciencia ficción que basicamente establece unha premisa fantástica que lle serve como contexto para centrarse e falar do encontro entre dous seres humanos absolutamente perdidos no mundo.

Non é de estrañar esta característica, pois xa partindo de Moon (Duncan Jones, 2009), o cinema de ciencia ficción dos últimos dous anos está a se dedicar máis a usar como pretexto os seus argumentos fantásticos para penetrar nun campo intensamente intimista dos seus personaxes, cuestión que caracterizou gran parte de películas do Festival de Sitges deste ano, por exemplo 4:44 Last Day On Earth (Abel Ferrara, 2011), Love (William Eubank, 2011), Extraterrestre (Nacho Vigalondo, 2011), Hell (Tim Fehlbaum, 2011) ou a marabillosa Melancholia (Lars von Trier, 2011).

Non sabemos se será motivo da crise económica mundial na que vivimos, pero parece ser que actualmente o cinema de ciencia ficción está a levar os seus personaxes, máis que a mirar aquilo fantástico que están a vivir, a mirarse aínda máis a si mesmos, tentando comprenderse.

Another Earth narra o feito extraordinario de como un planeta exactamente idéntico ao noso aparece fronte á Terra, mais non só é idéntico en aspecto, senón que se descobre que é moi posible que estea habitado por copias exactas de todos nós, existindo por tanto nesa Terra 2 outros eus idénticos aos nosos. Ante esta premisa, o corazón da historia que se nos conta protagonízao Rhoda (interpretada por unha excelente Brit Marling, que recibiu o premio á Mellor Actriz no Festival de Sitges), unha moza que, logo de cumprir condena por ser responsable dun tráxico accidente de coche, atópase perdida e desesperanzada no mundo que a rodea. Debido a iso, Rhoda contacta co único supervivente do accidente, John (unha magnífica interpretación de William Mapother), con quen, sen revelarlle a súa identidade, empeza unha relación estraña e peculiar.

As interpretacións de Brit Marling e William Mapother son o máis destacable do filme

Esta ópera prima de Mike Cahill céntrase pois neste encontro entre dous personaxes abatidos pola vida, que descobren no outro un descanso e unha paz que anhelaban. Porén, o que acaba desembocando nunha relación amorosa, baséase nunha trama demasiado evidente para o espectador e, sobre todo, demasiado previsible no drama que levará aos personaxes. Este é un aspecto que pode molestar do filme, pero o certo é que a pesar da previsibilidade da trama romántica, Another Earth confórmase nun todo intimista e introspectivo que conduce ao espectador (que queira deixarse levar) a un suave e delicado carreiro de procura interior polo que discorre o personaxe de Rhoda.

A través dunha montaxe liviá e melódicq, o filme pregúntase acerca de que é o fogar. Un lugar físico? Un lugar interior? Onde e como se conforma o noso fogar? Preguntas que non se responden claramente máis aló de vinculalas no encontro co outro e que, a partir dunha visualidade lírica e poética mesturada cunha espiritual e sentimental banda sonora, a película conduce a pensar acerca da redención interior. É a redención unha posibilidade de esperanza? Unha posibilidade de cambio? Os dous protagonistas atópanse ante a cuestión de se poden cambiar as súas vidas, e máis aló de facelo a través das súas propias, intúen como quizais si sexa posible facelo a través do outro que atoparon.

Desta forma, paralelamente ao encontro cun planeta idéntico poboado doutros eus, Another Earth pon de manifesto o encontro e desencontro estraño e complicado entre dous seres moi pouco compatibles a priori. O problema principal que pode comportar este filme é que sexa recibido coa típica alerxia ao evidente ton indie que o conforma, pero a película non por iso é xa directamente indixerible e errada. A súa proposta pode non gustar a máis dun espectador, pero iso non nos pode levar a negar que está dirixida ao cabo dunha forma correcta e coherente, cun excelente traballo por parte dos actores, e cunha notable factura visual.

Another Earth pregúntase acerca de que é o que nos define como humanos: a procura do outro. O outro defínenos, complétanos, recoñécenos coma un eu, respóndenos. O fogar achámolo no outro, Rhoda acha o seu fogar no outro, en John, para máis tarde nese delicado e perfecto final do filme atopalo, quizais, na súa outra.                       

Comments are closed.