APPROACHING THE ELEPHANT, de Amanda Rose Wilder

26 Approaching the Elephant 2

Non pode existir a educación libre,

porque se deixades a un neno ceibo non o educaredes.

Gilbert Keith Chesterton

A contundencia das palabras de Chesterton choca co enfoque que durante case un século foi a base dunha educación desprovista dos patróns dogmáticos e disciplinarios nos que se sustenta a educación convencional, como é o caso das escolas libertarias. Estas propoñen dar liberdade aos nenos para que expresen a súa creatividade e individualidade con actividades dirixidas por estes e observadas polos educadores co gallo de adaptar a contorna ao seu nivel de desenvolvemento e aprendizaxe. Sistemas educativos como a pedagoxía Waldorf ou o método aplicado pola educadora María Montessori, para quen a primeira tarefa da educación é axitar a vida mais deixala ceibe para que se desenvolva, traballaron sobre bases científicas, psicolóxicas e pedagóxicas para tentar que os nenos acaden un grao importante nas súas capacidades creativas, físicas e intelectuais por medio dun material didáctico especializado ao que teñen acceso libremente. Porén, a sentenza de Chesterton podería resumir á perfección o que atopou a directora Amanda Rose Wilder ao querer documentar un curso escolar nunha destas chamadas escolas libres.

Wilder comeza o seu traballo de documentación facendo unha breve introdución sobre a historia das devanditas escolas, para logo entrar de cheo no primeiro ano de vida da Teddy McArdle Free School de Nova Jersey, que só continuaría aberta un ano máis. Durante todo ese ano vai recollendo dende as primeiras ilusións do seu fundador, Alex Khost, até o momento no que este admite a súa frustración ante un proxecto insustentábel. Approaching the Elephant, a primeira longametraxe desta directora, é así a historia dunha morte anunciada, dun fracaso que comeza no mesmo momento no que Khost pretende crear unha escola libertaria sen os parámetros que perfeccionaron durante anos educadores como María Montessori. Khost funda a súa escola cunhas ideas nas que prima a improvisación por riba dun esquema e dunhas normas establecidas para a convivencia, deixando nas mans dos pequenos unha responsabilidade que aínda non están capacitados para asumir. A utopía dunha educación na que os nenos actúen de xeito democrático e racional cae de seguida na visceralidade inherente a uns cativos que proceden do sistema educativo convencional e que, de súpeto, se atopan cunha total liberdade para elixir se prefiren dar aulas de matemáticas ou xogar con serras e machadas, actividades que, obviamente, teñen prohibidas nos seus fogares.

26 Approaching the Elephant 1

Amanda Wilder sitúase como mera observadora do que ocorre durante ese ano na escola, sen xulgar o que ve. Neste sentido, a cineasta opta por deixar que a cámara recolla todo o que ocorre na escola, sen ofrecer testemuños de ningunha caste, deixando que imaxes e situacións falen por si soas e filmando en branco e negro nun intento de ofrecer unha percepción equitativa do mundo adulto e infantil. De tódolos xeitos, o que comeza sendo un documental observacional dun método educativo, remata por revelar moito máis do que aparentemente quería a directora. Wilder atópase de súpeto cunha serie de caracteres únicos que permiten que o filme se mergulle no caos que impera na escola, caos que ela mesma aproveita para adaptarse a el e rodar dun xeito máis visceral, sen manipular as situacións nas que se ven envoltos os habitantes da escola, e sentindo en cada momento a tensión que se produce entre os egos dos adultos –seguros, ao comezo, do dominio da situación que a súa posición lles confire– e os dos nenos –conscientes de gañar vantaxe a medida que as súas liberdades cobran protagonismo. Polo tanto, a estrutura dramática que se establece a partir desta tensión aproxima este filme á obxectividade dos traballos de Frederick Wiseman máis do que a un documental que adopte unha visión parcial e persoal do que son as escolas libres.

Approaching the Elephant deixa de ser así un documental ilustrativo dunha forma de entender a educación para converterse nun mosaico de personalidades excepcionais que permiten que o filme flúa vertixinosamente cara o destino ao que a escola está abocada: primeiro temos ao propio director da mesma, un soñador que revela de seguida unha personalidade feble e pouco resolutiva ante uns nenos que pasan por riba del sen apenas esforzo; logo está Lucy, unha nena que sabe aproveitar esa debilidade para chantaxear emocionalmente a educadores e compañeiros; e por último está o neno que coa súa actitude remata o fracaso do proxecto de Khost: Giovanni. Como adoita acontecer na maioría de escolas, Giovanni é ese suxeito susceptíbel de xerar unha absoluta desorde na aula por mor da súa indisciplina, un suxeito para o que a falla dun adestramento máis estrito, como propón Khost, é un terreo abonado para sementar o caos. Lonxe de limitarse a reflectir o tortuoso día a día da escola, Wilder descobre neste tres personaxes un diamante en bruto co que plasmar a dificultade de construír unha sociedade democrática cando os elementos que compoñen esa sociedade son resistentes dende a súa propia base a unhas mínimas normas de tolerancia, por moito que se pretenda de entrada xusto o contrario.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario