ARRAIANOS – RELATO DEL GUIÓN (QUE NECESITÓ EXISTIR)

Arraianos comeza un día de 2007. Dous homes acaban de coñecerse e establecen unha inmediata relación de amizade. Sintonizan. E unha idea pronto se apodera do ambiente. Alguén achegado menciona un tema. Un lugar mítico nas brumas da historia (galega), o Couto Mixto, tres pobos fronteirizos situados na chamada Raia Seca. Unha pertenza a un Ourense pegado a Portugal que alcanza a desenvolver graos de autonomía ata o extremo de que Portugal e España desbaratan a súa particular situación. A clausura acontece a finais do século XIX. Que vestixios poden quedar desa tradición e da posterior liorta por someter a súa independencia? Como reflectir mito, identidade, fronteiras, utopía, autenticidade etnográfica ou poso histórico por medio duns parámetros estéticos, formais esclarecedores e sutís, non estandarizados? Desde o inicio parecen claros dous elementos: a presenza do antinaturalismo, da representación e o recitado (ao modo emblematicamente recoñecido por tantos como procedente de Straub e Huillet); a necesidade dun texto de partida como reto, a sensación ou necesidade dunha primeira recepción en carne propia. Concibido desde o inicio como unha procura, un proceso aberto, un longo período de investigación, de lecturas, viaxes, encontros, diálogos, Arraianos –sempre foi o único título- vai desfacendo a aproximación inicial aos enigmas encadrados na zona propiamente do Couto Mixto para estenderse ao conxunto, en definitiva á desexable abstracción do relato.

Pasado o tempo, unha parada no camiño conduce a un dos inevitables asesoramentos desta aventura. O catedrático de Literatura Galega Xosé María Dobarro, un vello amigo, recomenda unha serie de obras que se axustan ao descrito. Aparece unha figura, o intelectual reintegracionista Jenaro Marinhas del Valle. Sen dúbida son varias as obras súas, d’A revolta a Loucura e morte de peregrino, que posúen un enorme interese. Pero vai ser O bosque (1977), unha peza teatral que bebe de postulados de Dostoievski e Strindberg, ao tempo que integra a corrente existencialista e remata por transformarse nun Esperando a Godot autóctono, un barco dos tolos varado onde a conxunción de pensamento, acción política, lirismo e concepción do teatro como viaxe, a que, dun xeito parcial e sometido a adaptación, remate por resultar óptima para a operación planificada. A historia posterior, das dúas rodaxes ás máis de vinte montaxes, coa inserción progresiva de segmentos da cotidianidade dos actores non profesionais que integran o filme, e moitas máis peripecias, seguramente contribúe á singularidade do filme. Mais non fai esquecer o necesario proceso de escritura que estimamos pertinente, un dos vestixios conservados da declaración de intencións inicial.

 

Non hai artigos relacionados.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario