AS POLÍTICAS AUDIOVISUAIS ANTE O 20-D: UN DEBATE DENDE GALICIA

Ante a cita do 20-D coas urnas nas eleccións xerais, a Academia Galega do Audiovisual quixo coñecer de primeira man as propostas que, en materia de política audiovisual, presentan as principais formacións políticas. Para iso organizou unha mesa redonda na que participaron catro dos candidatos ó parlamento español por Galicia: Juan de Dios, polo Partido Popular, Ricardo García Mira, polo PSdeG-PSOE, Isabel Risco, como representante de Nós-Candidatura Galega e Ángela Rodríguez por En Marea. O candidato de Ciudadanos finalmente non puido acudir, excusou a súa participación a unhas horas do encontro por motivos familiares. Na primeira parte desta mesa redonda cada representante dispuxo de dez minutos iniciais para expoñer a súa visión da situación do sector e trazar as principais liñas de actuación en política audiovisual da súa formación.

debate academia 2

  • Ángela Rodríguez, En Marea: O IVE non axuda a que a cultura teña unha maior accesibilidade”

A quenda de intervencións abriuna, por sorteo, Ángela Rodríguez de En Marea, que sinalou que o problema máis grave é que a maioría das formacións políticas e os políticos que están nas institucións entenden a cultura coma un adorno. O problema do sector, dixo, non é o nivel dos profesionais nin a falta de bos produtos culturais, senón a inexistencia dun modelo de política cultural. Ángela Rodriguez resaltou que “temos unha serie de medidas que se deciden a curto prazo, que funcionan simplemente para adornar pero que non van ás causas profundas do modelo actual de xestión cultural”. Anotou que dende En Marea se aposta por unha política feita por todos e todas para todos e todas na que a cultura teña un valor estratéxico, e comparouna coa sanidade e o sistema de coidados para lograr manter un estado de benestar favorecendo, sinalou, a diversidade cultural e a participación e accesibilidade de toda a cidadanía a esa cultura.

Como primeira medida para lograr eses obxectivos, Ángela Rodriguez indicou que sería preciso facer unha reformulación do Ministerio de Cultura, converténdoo nun Ministerio de Cultura e Comunicación xa que ó seu parecer, a comunicación é unha pata fundamental da cultura neste momento e ámbalas dúas non se poden entender por separado. Avogou tamén por unha maior accesibilidade das persoas á cultura e setenciou que o IVE do 21% non é asequible para consumir bens e servizos culturais. A súa formación propón dúas baixadas progresivas do imposto, a primeira ó 10% e unha segunda, máis a longo prazo, ó 7%. Apuntou tamén que En Marea entende que os cartos que se invisten en cultura teñen que retornar ó mundo da cultura e para iso propuxo reformular un fondo social da cultura, ó cal revertería o 18% dos cartos que se recadan polos impostos en cultura. Un xeito de axudar, dixo, a través do consumo de cultura, a que os servizos públicos teñan uns orzamentos que beneficien a produción da cultura. Ante a precariedade laboral, fixou como outras das propostas fundamentais, e inmediatas, da súa formación; a creación dun Estatuto para artistas e profesionais do sector, que estableza un novo marco laboral que axude a dignificar e profesionalizar o mundo da cultura e a arte. Tamén puxo sobre a mesa a posibilidade de facer unha Lei do mecenado e do patrocinio para favorecer que as pequenas e medianas empresas e os autónomos poidan facer tamén cultura e non só as grandes empresas. En canto á xestión das televisións públicas propuxo unha televisión similar á de Holanda ou Alemaña, profesionalizando o sector, cun persoal máis amplo e cunha maior competencia no sector da comunicación, con preocupación polos contidos. En Marea aposta por crear unha Escola de espectadores para saber que cultura se está facendo.

Ángela Rodríguez pechou a súa intervención sinalando que a cultura ten que contemplarse como un dereito e un ben común, que hai que blindar, e non coma un privilexio ou un produto que se mercantiliza. “Non se poden considerar os bens culturais como cousas que se intercambian coma se foran cromos”, concluíu. Finalizou dicindo que “en España é imposible dedicarse á cultura e eu quero vivir nun país onde a cultura sexa unha prioridade, como ten que ser a sanidade e a educación”.

Ángela Rodríguez, En Marea

  • Creación dun Ministerio de Cultura e Comunicación

  • Baixada do IVE cultural ata o 7%

  • Reformular un fondo social da cultura ó cal revertería o 18% do recadado por impostos de carácter cultural

  • Creación do Estatuto do artista e do profesional da cultura e da Lei do mecenado

  • Aposta por unha televisión pública de calidade

  • Creación da Escola de espectadores

  • Ricardo García Mira, do PSdeG-PSOE: “É un dereito da cidadanía poder acceder a contidos alternativos”

A segunda quenda de intervención foi para Ricardo García Mira do PSdeG-PSOE quen apuntou que “o cine é un sector estratéxico enormemente danado”, posto que, recoñeceu, a lei de cine de 2010 tivo un desenvolvemento centrado na industria privada dominante máis que nos aspectos culturais e sociais. A liña de actuación, dixo, debe contar con todos os actores que participan no sector para construír o desenvolvemento normativo. Neste sentido apostou por un sistema de participación en mesas de traballo cos profesionais do audiovisual nun proxecto que definiu como de innovación social.

García Mira explicou que o seu partido impulsaría un programa para o sector baseado nesa perspectiva social e cultural tomando como referencia os modelos europeos máis avanzados, como o modelo francés no que, sinalou, máis do 40% da produción é independente baseada en criterios culturais e sociais, non baseada en criterios comerciais, fronte á situación en España onde ese tipo de produción non pasa, engadiu, do 20%. O segundo punto no que García Mira fixo fincapé foi na participación nos procesos de produción e postproducción favorecendo o desenvolvemento e apoio a iniciativas que respecten as culturas e linguas minoritarias, tendo en conta, por exemplo, todo o feito en Galicia e noutras comunidades autonómas así como outras realidades alternativas, iniciativas ás que se dotaría dos instrumentos necesarios para que ese apoio fose efectivo.

Con respecto ó IVE cultural sinalou que o goberno asumiría unha baixada de xeito inmediato ata o 10%, negociable no marco da Unión Europa a un tipo super-reducido do 4%.

Centrouse tamén nunha proposta relacionada coa excepción cultural e o feito de salvagardar a produción propia dentro dunha liña de traballo estratéxico centrada no interese social e non de mercado. Definiu a excepción cultural como o capital semente de toda produción cinematográfica que se sustente con apoio económico do estado. En relación con isto, dende o PSdeG apuntouse que un eixo da acción do seu goberno sería o dereito da cidadanía a acceder a informacións alternativas, que permitan producir visións alternativas da realidade,“un dereito das comunidade, un dereito social que vai ligado ó feito de apoiar as realidades feitas aquí, en Galicia”. Anunciou como outra das propostas do partido socialista o plan de recuperación no ámbito curricular escolar do ensino artístico-musical e cinematográfico, promovendo a implantación de novas linguaxes (dixital, audiovisual e cinematográfica) dentro do sistema educativo para “crear sensibilidades e que os nenos se vaian facendo coa cultural audiovisual e cinematográfica como un dereito a través de realidades alternativas que xorden dunha comunidade cultural”. Por último, García Mira destacou tamén a importancia da cooperación territorial no fomento da práctica do audiovisual, da lectura, das artes e do cine. E avanzou un programa de axudas á creación, produción, promoción e programación de cinematografía, de obras teatrais, escénicas e literarias realizadas por mulleres.

Ricardo García Mira, PSdeG-PSOE

  • Aposta pola filosofía participativa e pola innovación social no sector

  • Programa baseado nunha perspectiva social e cultural, non comercial

  • Redución do IVE ata o 10%, con opción de negociar unha baixada ata o 4%

  • Plan de recuperación no ámbito curricular escolar do ensino artístico-musical e cinematográfico
  • Programa de axudas á creación, produción e promoción de cine e teatro realizado por mulleres

  • Promoción de atraer rodaxes a España por incentivos fiscais

debate academia 3

  • Isabel Risco, Nós-Candidatura Galega: “É importante crear novas conciencias críticas dende a base

Nós-Candidatura Galega foi a terceira forza en presentar os seus argumentos. Isabel Risco sinalou que se está vivindo unha situación de crise no sector audiovisual e cultural galego cando, lembrou, son uns sectores produtivos que poderían estar xerando riqueza. Comentou que é un sector esquecido e abandonado. Sinalou que “as competencias culturais están transferidas pero dependemos do Ministerio de Cultura e iso xera un exceso de organismos que dificultan os procesos”. Ó seu entender, falta un filtro para regular a administración do diñeiro, un consello superior do audiovisual, xa que, dixo, “os cartos están malgastados e acaban en mans das grandes corporacións, xerando falta de igualdade e transparencia nese reparto e facendo que as iniciativas particulares non teñan opción de chegar a eses cartos”. Apuntou que dende a súa formación ven a cultura e o audiovisual como o sector pesqueiro ou gandeiro: “temos a riqueza pero non podemos facernos con ela porque non se fomenta ou apoia o que debera”.

Isabel Risco resaltou tamén que non se está a incentivar dende a educación primaria e secundaria a formación audiovisual nin o teatro. Indicou que nos programas curriculares non hai asignaturas que teñan relación con estes sectores, a diferencia do Reino Unido ou Francia onde, dixo, o público de cinema propio é un 60% fronte ó 40% do cinema que se fai fóra. E isto débese, segundo Risco, ó traballo que se fai dende a base que consegue ir creando un público. Esa é unha das propostas de Nós-Candidatura Galega, axudar, non só con subvencións, senón xerando novas conciencias críticas dende o máis básico. Risco volveu nomear o modelo francés, no que unha porcentaxe das entradas vai destinado a produción, para recalcar que o mesmo habería que facer coas producións galegas, investir na cultura galega o que xera a cultura galega.

Isabel Risco sinalou tamén que “nos ensinan a pensar que os nosos produtos non son exportables cando se ven exemplos de que non é así” polo que hai que mudar, dixo, esa concepción de que temos unha cultura microfundista. Destacou que se debería recoñecer a nosa singularidade, a existencia doutras realidades idiomáticas e culturais.

Por último, en canto ó IVE cultural apostou por situalo no 4% igual que o teñen os produtos de primeira necesidade coma o peixe ou o leite, porque a cultura, concluíu, “fórmanos, fainos medrar e tamén é un alimento imprescindible para a nosa vida”.

Isabel Risco, Nós-Candidatura Galega

  • Pular por xerar conciencias críticas desde o nivel máis básico

  • IVE do 4% para a cultura

  • Redución da duplicidade de organismos como o ministerio de Cultura

  • Creación dun consello superior do audiovisual

  • Investir na cultura galega o que xera a cultura galega

  • Recoñecemento da singularidade cultural e idiomática nos produtos culturais

  • Juan de Dios, PPdeG: “España é o modelo para Francia na protección dos autores en internet”

Pechou esta primeira rolda de intervencións Juan de Dios, do Partido Popular de Galicia, apuntando que algunhas das propostas que se foran anunciando na mesa redonda xa eran un feito e estábanse levando a cabo. Tirou de números e dixo que 2014 foi un ano histórico de recadación do cine español e que a súa cota de pantalla, por riba do 25%, asemellouse a dos anos 70. “Hoxe hai máis traballadores no sector que no 2011, 511.800 persoas dedícanse á cultura, un 3% da poboación activa en España”, sinalou. Datos que enmarcou dentro dos obxectivos de crecemento económico e de creación de emprego do seu partido. Argumentou tamén que se conseguiu un terceiro obxectivo, xerar confianza, e puxo como exemplo que no 2012 España conseguiu saír da lista negra, Alexia, dos países que máis pirateaban contidos na internet. Engadiu que o 95’52% dos expedientes abertos en España por piratería xa foran resoltos.

En canto ó cine, indicou que a aprobación da nova lei de financiamento do cine español vai permitir unha redución do 15% dos gastos financeiros dos produtores cinematográficos españois porque, recalcou, “as axudas á amortización agora cóbranse con carácter previo”. Juan de Dios sinalou que en materia de cultura nesta lexislatura fixéronse un 50% máis de leis que na lexislatura anterior. Lembrou que entre esas iniciativas que xa se están levando a cabo está a inclusión dunha programación para escolares de formación en materia de alfabetización mediática e dixital e o fomento das rodaxes estranxeiras en España en colaboración coa Spain Film Commision. Sinalou tamén que España é o modelo para Francia na protección dos creadores culturais en internet ó incluírse os dereitos de autor para autores de noticias e fotoxornalistas. E tamén resaltou que se ve España como un referente pola Lei de patrimonio cultural inmaterial, lei que vai protexer as tradicións, culturas, danza, gastronomía…que van máis alá dunha comunidade autónoma como, por exemplo, as fogueiras de San Xoán.

Con respecto ás propostas das outras formacións, sinalou que o fondo social da cultura para atender ás necesidades dos creadores culturais e potenciar ós novos talentos xa existe en sociedades como a SGAE e que a lei do mecenado está recollida na reforma fiscal. “O micromecenado xa existe e pode desgravarse o 75% no IRPF, calquera español pode converterse nun mecenas das actividades culturais”, concluíu.

Con respecto ó IVE cultural, indicou que máis do 50% da actividade económica cultural está ó 4%, como a entrada a museos ou exposicións. Para rematar, puntualizou que“as entradas ó cine están gravadas pero ninguén deixou de ir ó cine por corenta céntimos”.

Juan de Dios Ruano, Partido Popular

  • Lei de financiamento do cine para reducir o 15% dos gastos financeiros dos produtores

  • Lei do patrimonio cultural inmaterial

  • Programas de alfabetización mediática e dixital no ensino

  • Protección dos creadores culturais na internet

  • Fomento das rodaxes estranxeiras en España

  • Estatuto do Creador e Lei da economía creativa

Tras estas intervencións, o público tivo o protagonismo. Abriuse o micrófono para que aqueles que acudiron á facultade de Xornalismo, en Santiago, ou os que seguiron a mesa redonda a través da internet presentasen as súas dúbidas e preguntas ós candidatos. A política de subvencións, os incentivos fiscais no cine, a identidade cultural ou a excesiva centralización da cultura saíron a colación. Sobre a Lei do Audiovisual de Galicia, que data de 1999, as formacións coincidiron en que hai que adecuala á realidade actual e que é precisa a súa modificación pero que o debate do tema ten máis cabida no marco dunhas eleccións autonómicas. O público amosou tamén a súa preocupación pola tributación das persoas que traballan na cultura e pola institucionalización dos movementos culturais. Os espectadores do futuro, a cultura que se consome e o modelo de televisión pública tamén entraron no coloquio final.

__________

FOTOS: Camilo Franco. De esquerda a dereita: Ángela Rodríguez (En Marea), Juan de Dios (PP), Irene Lourido (moderadora), Ricardo García Mira (PSdeG-PSOE), Isabel Risco (Nós-Candidatura Galega).

Comments are closed.