AS VOCES MARKER

Un dos elementos máis fascinantes da obra de Chris Marker é a súa capacidade para despregar unha enorme cantidade de recursos narrativos. Recursos que nacen en gran medida do interese de Marker en explorar a interrelación entre as imaxes. Sans Soleil de 1982 ou Le fond de l’air est rouge de 1977 son claros exemplos, aínda que probablemente onde levará ao extremo a súa capacidade de innovar coa linguaxe audiovisual será na súa obra multimedia. Como en Zapping Zone (1990-1997) onde é en gran medida a percepción do espectador a que completa e dá sentido á obra.

É así, que Chris Marker se ten amosado como un destacado (permítaseme o termo) “semiótico” do audiovisual. Alguén capaz de comprender as claves da linguaxe audiovisual e aplicalas para o seu propósito. E da mesma maneira que domina esta “semiótica da imaxe”, Marker é igualmente un mestre á hora de empregar a palabra escrita.  Non só podemos afirmar que conta cunha prosa brillante e lúcida, senón que ademais é quen, a partires da palabra, de transformar a nosa percepción das imaxes que estamos a ver.

Un recurso, en ocasións denostado, como é a Voz en off, en Marker adquire unha dimensión extraordinaria exercendo como elemento catalizador das historias. La Jetée de 1962 é unha boa mostra.

No seguinte videoensaio facemos un pequeno repaso polos distintos usos da Voz en off na obra de Chris Marker. Unha viaxe polo poder transformador das palabras guiadas polas Voces Marker.

Comments are closed.