ASIF KAPADIA: “EN MOITAS OCASIÓNS, O PÚBLICO COÑECE SÓ O FINAL: O MEU TRABALLO É INVESTIGAR A VIAXE”

Cunha dilatada carreira como director de ficcións, Asif Kapadia (Hackney, 1972) mudou de xénero no ano 2010, estreando un dos mellores documentais deportivos feitos ata a data. Senna (2010) valeulle a reputación como documentalista, algo que o premio Oscar ao mellor documental que recollería no 2015 polo filme Amy, acabaría por confirmar. Na actualidade, o director pecha esta triloxía con Diego Maradona (2019), un filme que se centra na vida do astro arxentino durante a súa etapa como dianteiro do Nápoles.

DYRZO733WBFZBNWINDMGH7ESZI

Tes falado dos teus documentais como unha triloxía de nenos prodixio. Á marxe do seu talento, que era o que che atraía deles?

Son dúas cousas diferentes. Senna era unha especie de reto, porque eu viña de facer ficcións, así que para min facer Senna era algo completamente novo, algo case experimental. Tiña un instinto de que podía haber un filme, como unha ficción aínda que estivese traballando só con imaxes de arquivo, pero toda a técnica era algo totalmente novo. E funcionou moi ben e á xente gustoulle. Era unha personaxe incrible, era como unha estrela de cinema. No caso de Amy, é algo semellante. Son persoas que nas que estou moi interesado, na idea do carisma que teñen, de que significan algo, e son brillantes no que fan.

Esas son algunhas das razóns, pero no caso de Diego Maradona (2019) é diferente porque eu son seguidor de fútbol e sabía da súa vida profesional. Non sabía tanto da súa vida persoal. Para min, estes filmes son un “por que aconteceu isto?”: por que Amy acabou da forma na que o fixo? Por que Maradona se converteu na persoa que é? En moitas ocasións, o público coñece só o final: o meu traballo é investigar a viaxe.

Cal é o teu nivel de implicación emocional cos protagonistas dos teus filmes?

Cando estou facendo un filme quero sabelo todo. Quero pasar todo o tempo con eles: mirándoo todo, escoitándoo todo. A forma na que o describiría é, xa que Senna levoume 5 anos, Amy tres anos, e Diego Maradona levoume outros tres anos da miña vida, a forma na que o entendo é como se estivese a facer unha carreira universitaria sobre un tema. O meu traballo é sabelo todo, pero sempre dentro dun período de tempo. Sei moito sobre Maradona, pero sei máis sobre o seu período no Nápoles. O meu traballo é saber que aconteceu e como aconteceu, pero tamén saber como ensinalo. Como facelo visual, como facelo un filme. Ás veces escoitas unha historia, pero a forma na que a escoitas non é necesariamente a forma na que sería nun filme. O que tes que facer é coller un concepto, unha idea e atopar unha imaxe, unha escena ou unha acción que transmita exactamente a emoción que eu quero que o espectador reciba.

É por todos sabidos que Maradona pode ser unha persoa difícil coa que traballar. Cal foi a súa reacción ao saber que ías facer un filme sobre el?

Foron os meus produtores os que contactaron con el e, sendo honesto, polo que teño entendido, foi un proceso moi rápido e directo. O propio Maradona gustaba de Senna,  e, ademais, cando estaba asinando o contrato gañei o Oscar por Amy e el estaba moi contento de que o seu filme fose dirixido por alguén cun Oscar. Ademais, neste tipo de filmes os contratos son diferentes, xa que che están a ceder moitísimas imaxes persoais que son da súa propiedade. Pero, como che digo, foi un proceso moi rápido. Os meus produtores dixéronme que o seu axente nin sequera leu o contrato. “Si, queremos facelo. Cando? Perfecto”, foi algo así. Estrañamente, sendo como é Maradona, era moi directa a forma de traballar. O único problema era que non lles importaba que estivésemos facendo un filme, para eles era simplemente outro contrato.

15583870482646

Este é o teu primeiro documental sobre alguén que está vivo. Como afrontas un filme que non ten final?

É máis complicado. Unha das cousas que lle preguntaba aos entrevistados era “onde cres ti que a historia debería rematar?”, porque todo o mundo ten unha idea diferente. Creo que unha das razóns de facer o filme era, precisamente, que el estaba vivo e que non había un final como tal. Era un reto. Como facer un filme dunha persoa que tivo unha vida tan completa e complexa? E a resposta foi aparecendo a medida que o filme se ía facendo. Eu investiguei todo: o inicio, o medio e o final. E, ao editar o filme, vimos claramente que a historia era a etapa en Nápoles: o inicio cando chega á cidade, e o final, cando marchaba. O final da súa carreira, dalgunha forma, é cando marcha de Nápoles. O que vén despois é intentar explicar o mito e lenda que foi Maradona.

Traballas cun extenso arquivo de imaxes. Como foi traballar con elas? Por onde empezou o traballo?

A forma na que realmente empeza o filme é usando o extenso arquivo que o propio Diego ten do seu cámara persoal, que o seguiu a Barcelona, e de aí a Nápoles. Este arquivo foi a razón pola que fixemos o filme: porque eran unhas imaxes que ninguén nunca viu. Moita xente intentou conseguir ver estas imaxes, pero ninguén puido. O filme empeza con estas imaxes del xogando a fútbol, en festas, cantando cancións, cos seus fillos, adestrando… Iso é o que eu vin ao principio. Pero o que non atopaba era a historia que conducía esas imaxes, iso foi o que levou tanto tempo. Porque sen esa historia, sen ese contexto, as imaxes, por suposto que son interesantes, porque é Maradona, pero non funcionarían como un filme. Ese proceso de poñer todas as imaxes xuntas e convertelas nun filme só chega cando comprendes esa época.

Por que decides non filmar ao Maradona actual contando a súa historia?

Sinceramente, a primeira vez que fun a coñecelo, el estaba en Dubai e eu ía cun equipo de rodaxe comigo porque non sabía cantas entrevistas con el ía conseguir. Así que fomos todo o equipo a Dubai, pero o que non sabiamos era que chegar as nove persoas a casa de Maradona ía ser un desastre, porque esperamos cinco días para poder velo e, cando o conseguimos, dixéronme que nada de cámaras nin gravadoras, só eu para ir a saudalo. Despois desa experiencia dixen: nunca máis. Non vou levar cámaras, nin equipo, vou a facelo sinxelo: vou levar unha gravadora e gravar eu mesmo, algo máis parecido a como fixen en Senna e Amy. É moi complicado organizar unha rodaxe arredor de Diego Maradona, é un proceso moi caro e non o quero facer así. Eu quero velo nos inicios, nos seus mellores momentos, cando era un xogador novo. Quero velo cando xogaba a fútbol no Nápoles: iso é o que quero ver.

O filme, de forma paralela, fai un interesante retrato social de Nápoles. Era a túa intención facelo ou xurdiu durante a montaxe?

Estou moi interesado no poder social e no contexto destas personaxes. Como afectan ao lugar onde viven, de onde veñen. Na versión máis longa do filme hai moito máis sobre Arxentina, sobre a ditadura, sobre Barcelona, onde tivo moitos problemas porque había moito racismo da xente local contra el como sudamericano. E cando chegou a Italia, seguía habendo eses problemas entre o norte e o sur… Todo isto son cousas nas que estou moi interesado. Moito disto tamén está en Senna e Amy, entender o contexto e o lugar onde ocorre esa historia. Os cartos, o fútbol, a corrupción, a min interésame todo isto, e isto está presente no filme. Creo que está presente no filme porque eu quero ir por aí, quero mirar cara aí, porque ao fin e ao cabo, son persoas normais. Pode que sexa unha cantante, un futbolista ou un piloto de carreiras, pero iso non é máis que a forma na que se expresan, fora disto teñen unha vida.

LV_20110824_LV_FOTOS_D_54205104393-992x558@LaVanguardia-Web

Se Maradona asinase hoxe polo Nápoles, que cambiaría? Como cambiaría o teu filme?

Como xogador, creo que sería incrible. Agora, a súa outra parte da vida cambiaría. A forma na que o describiría é que a época na que eu me centro é a analóxica, é o momento no que as cousas están en cinta. E a experiencia á hora de gravar é totalmente diferente, porque ti quitas a cinta da cámara e esquécela nunha estantería. Hoxe, co dixital, é inmediato. Se pensas nas súas saídas nocturnas en Nápoles, non atopei nin a primeira foto tirada por un paparazzi deses momentos. Imaxinas como sería hoxe se Diego Maradona saíse hoxe de festa? Cantas fotos dese momento habería?

Xa non é só iso, probablemente el mesmo estaría subindo fotos e vídeos de si mesmo nos bares. O curioso da situación era que a xente sabía que Maradona saía polas noites e sabía dos seus excesos, pero como el xogaba no equipo da cidade todo o mundo estaba calado, ninguén dicía nada. Ninguén revelaba os secretos porque o respectaban. Hoxe en día estamos máis pretos dos tabloides, da necesidade de que todo estea nas televisións, todo ten que estar online. Posiblemente hoxe, os futbolistas teñan filmes feitos sobre si mesmos mentres estean en activo. Eu fixen un filme sobre alguén que levaba moitos anos sen xogar. Hoxe teñen todos estes avogados, xente de relacións públicas, axentes, e todo é aprobado. No caso do arquivo co que traballei no filme, aínda que si que eran filmacións intencionais, nada foi aprobado porque nunca pensaban que todo isto puidese rematar nun filme.

Gustaríame saber se á hora de facer o documental tiñas algunha influencia clara, algún cineasta de referencia.

É unha boa pregunta. Teño que dicir que as miñas influencias non son documentais, senón ficcións. Cando vexo o filme aparecen imaxes que comento co meu editor, por exemplo, o inicio do filme é como The French Connection (William Friedkin, 1971), ou cando chega ao estadio é como Gladiator (Ridley Scott, 2000), cando está camiñando por debaixo do estadio e todo o mundo está berrando o seu nome, todo iso é como Gladiator; hai outras escenas no filme, cara o final, cando Maradona está só e en silencio na cea de nadal que semella de The Long Good Friday (John Mackenzie, 1980). Pero sobre todo, para min, este filme é como un dos primeiros Scorseses. As personaxes é como se fosen de Mean Streets (1973), intentando sobrevivir na rúa, pero neste caso, un deles sería un gran atleta. Todos os seus amigos, son esas diferentes personalidades, de Arxentina, de Buenos Aires, de Nápoles, todos eses personaxes que atoparías nun dos primeiros filmes de Scorsese

Comments are closed.