AYKA BY HERSELF

Esta peza vai na liña dalgún dos anteriores vídeos que xa fixen, sobre películas coma Rosetta e Ida, nos que trato de contar de forma breve a historia das protagonistas de cada un deses filmes, intentado transmitir con isto a esencia da propia película e que coma espectador, sintas ganas de ver o filme completo. Esta vez, a película en cuestión é Ayka (2018), un filme casaco de Sergei Dvortsevoy.

Narra a historia de Ayka (Samal Yeslyamova), unha muller inmigrante que acaba de ter un bebé, mais non pode permitirse o luxo de criar un neno, xa que vive en Moscova en situación ilegal, non ten traballo e debe pagar demasiadas débedas. Despois de dar a luz ao seu fillo, déixao no hospital e comeza unha angustiosa busca para intentar sacar a súa vida a flote, mais o instinto maternal segue presente no seu interior. 

O director e guionista, nativo de Casaquistán pero residente en Rusia, estaba moi interesado no tema da vida dos migrantes no país, e especialmente no problema da maternidade. O xerme da película xorde tras ler un artigo que dicía que: “Máis de 240 mulleres fuxiron do hospital onde deron a luz, abandonando alí aos seus bebés”, polo que decidiron estudar a situación e entender o que lles impulsa a facelo.

O proxecto levouse a cabo durante 6 anos, coa maior parte dos actores non profesionais, entre os que se atopan os propios migrantes (algúns coñecidos do director), cuxas vidas serviron de base para a documentación do filme. En palabras de Dvortsevoy: “Non amosamos toda a dureza, a vida é peor, existen situacións bastante máis duras ca a que se transmite na película”. 

Engadir que a protagonista que encarna a Ayka, Samal Yeslyamova, foi galardoada no Festival de Cannes de 2018 co premio á mellor interpretación feminina.

Comments are closed.