Berlinale 2023 (I): a marea do cinema galego

Matria, de Álvaro Gago

O 2023 quedará marcado nas enciclopedias do cinema galego coma o ano no que tres filmes saídos da nosa terra participaron no prestixioso festival de Berlín. Con Lois Patiño non é literal, pois sitúa Samsara (2023) en Laos, mais Carla Subirana e Álvaro Gago poñen acento local ás historias que contan dende a Costa da Morte e as Rías Baixas, respectivamente con Sica (2023) e Matria (2023). Precisamente este último foi un dos primeiros filmes vistos nesta Berlinale logo da súa inauguración. Gago xa rodara en 2017 unha curta homónima, de grande éxito, que obtivo o gran premio do xurado en Sundance e participou noutras importantes citas como Clermont-Ferrand. Esta estaba protagonizada por unha muller de mediana idade que traballaba arreo nunha conserveira e facía unha xornada dobre na casa, cun marido que non contribuía nada no fogar e que a desprezaba. O seu único refuxio eran a súa filla e a súa neta nunha rutina que a ía minando aos poucos.

Esa protagonista, de nome Ramona, transfórmase na longametraxe nunha variación algo máis nova encarnada por María Vázquez. Aínda que Gago reserva un pequeno papel para a actriz da súa curta, Francisca Iglesias Bouzón, o certo é que aquí pasamos a un elenco profesional, mesmo se seguen a verse secundarios sacados da rúa, como xa acontecía no proxecto orixinal. Outra das diferencias é que Ramona está separada do seu marido e vive con outro home que non parece moito mellor que o anterior. Non é avoa, pero si nai, e a súa relación coa filla adolescente vese intensificada. Unha vella amiga, á que dá vida Susana Sampedro, é nesta ocasión con quen comparte as penas.

Estes elementos permiten a Gago reforzar máis a carga de conflito interxeracional e sororidade que apenas se apuntaba na versión curta. Entregan ademais tres grandes interpretacións no corazón do filme, onde cómpre destacar á moza Soraya Luaces, que nunca desmerece dándolle a réplica a Vázquez. A experimentada actriz viguesa achega ao personaxe unha furia que non transmitía Iglesias Bouzón. É a súa unha variante máis colérica, confrontacional, unha que mostra unha muller forte contra as adversidades. É un rexistro no que Vázquez se atopa cómoda, sen dúbida foi o acento o que lle supuxo un maior reto. Existe no libreto unha intencionalidade moi clara de reproducir a fala da zona, marcando ben o seseo, a gheada ou ese “logo” que se escoita a medias ao final das frases. Intúese que houbo unha equipa encargada destas precisións, porque o rexistro no que se moven todas as actrices é idéntico. Un apartado no que Matria destaca e que sen dúbida será tomado de referencia no futuro.

Ramona vaise abrindo aos poucos no contexto de coidados a unha persoa maior – baseada no propio avó de Gago; a actriz Iglesias Bouzón foi a súa coidadora, cuxa vida real é a base do guión –. Atopar este e outros motivos para sacar a Ramona da fábrica é unha estratexia intelixente para expandir o foco do que contaba a curta. A exploración do espazo e as consecuencias dese contexto social na mente e corpo de Ramona son a espiña dorsal de Matria, que non teme incluír outras cuestións coma o sexo non consentido. Así, por acumulación (con todo, realista), o personaxe de Ramona eríxese en heroína do cotián e en retrato no que a meirande parte das mulleres traballadoras occidentais, galegas ou non, poderán recoñecerse.

A cámara, en continuo movemento, séguea a todas partes, nunca se conta nada dende outro punto de vista. O xeito de filmala recorda moito ao realismo social dos irmáns Dardenne, mentres que a súa denuncia política, moi evidente, está máis próxima a Ken Loach. Estes nomes sitúan a Gago de forma decidida na tradición do cinema de realismo social que impera na actualidade, marcado por estas dúas figuras totémicas. Non hai en Matria ningún experimento formal que nos permita cualificala de innovadora, pero aplica un modelo coñecido de forma exemplar e coherente. Por claridade narrativa e o arresto de María Vázquez, o público teutón debera quedar namorado da “rabuda” Ramona. Onte, o Ken Loach galego deu en Berlín o primeiro paso nunha traxectoria internacional que se intúe poderosa.

Comments are closed.