Berlinale 2023 (II): un Henry James contemporáneo

La bête dans la jungle, de Patric Chiha

A presenza de dous actores como Anaïs Demoustier e Tom Mercier (esa forza da natureza que protagonizou Sinónimos, de Nadad Lapid, en 2019), unido ao feito de que se trata dunha adaptación de Henry James, atraía a ver La bête dans la jungle (Patric Chiha, 2023). O relato orixinal pivota en torno á historia de amor entre May Bartram e John Marcher, un rapaz obsesionado con que un gran evento vai chegar na súa vida. Agardando por este, non permite á namorada establecer vencellos moi próximos con el, tendo a certeza de que os feitos que lle acontecerán farán imposible o seu romance.

O filme de Chiha ábrese cunha festa popular en créditos, unha sardiñada que ten lugar nas Landas, filmada de xeito amateur e cun curioso aire a soño enrarecido. Unha rapaza adolescente baila cun grupo de amigas nunha explanada, mentres ao lonxe un mozo misterioso a observa. Unha grande elipse trasládanos a unha pista de baile, onde se repite practicamente a mesma posta en escena. Os corpos refréganse os uns cos outros nun estado de éxtase, de maneiras suntuosas, como nunha suspensión da consciencia. A moza, algo máis adulta xa, baila a cámara lenta e é observada con ensimesmamento polo que entendemos é o mesmo rapaz do prólogo. O inicio é poderoso e o director ponnos rapidamente en situación, cunha grande concreción narrativa.

Se James imaxinaba nas súas páxinas unha casa en Londres na que ambos rapaces vían pasar o tempo, agardando este gran cataclismo, aquí Chiha decide trasladar a acción a un club de baile no que somos testemuñas da evolución da música electrónica entre 1979 e 2004. Así, as tendencias nas formas de vestir, os bailes ou os ritmos mudan mentres se reproduce a vitoria electoral de François Mitterand, a caída do muro de Berlín ou a das Torres Xemelgas. May e John observan todo isto dende a seguridade desas catro paredes. O filme, agás por un par de momentos moi específicos que teñen base dramática, nunca sae da discoteca. Ese espazo é unha sorte de purgatorio en vida para dúas persoas que avanzan sen rumbo cara á única certeza, a morte. Unha constante visual do filme son os pasos incesantes de Marcher (o que camiña, facendo unha tradución un pouco libre do inglés), cortándoo sempre de xeonllos para abaixo, nunha sorte de cita histérica e paródica a Robert Bresson. O seu movemento é unha ilusión, vive encerrado no seu propio cárcere mental, tan angustiado co futuro, que non goza do presente.

A idea de trasladar a acción a unha pista de baile é tan hedonista como suxestiva. Acaso non pasan os sábados todos os mozos desa maneira? Seguir indo ao mesmo club durante 25 anos é unha fidelidade un tanto esaxerada, pero a tese de Chiha non está carente de base, facendo contemporánea a adaptación. O principal problema do filme é a repetición de pautas. Resulta complicado ofrecer algo cinematograficamente atractivo durante 103 minutos cando nunca se cambia de escenario. A pesar dos esforzos do departamento de arte, a filmación acaba por resultar reiterativa en exceso. Os diálogos parecen tirados directamente da curta novela. Case non hai adaptacións a linguaxe contemporánea e, cando as hai, ata restan coherencia. Así, o discurso oral e esa hierática posta en escena acaban por levarnos, tras ese impulso inicial, paulatinamente ao tedio; quizais de forma intencionada, ao cabo, o filme vai de dúas persoas que non avanzan. Sen dúbida, o máis gozoso da fita é a súa banda sonora e a reconstrución das épocas; o desenvolvemento diso que se deu en chamar o French Touch e que acabaría por deixar a unha xeración na cuneta polo consumo de drogas, unido á pandemia da sida, elementos que o filme trata de maneira frontal. Así, parecera que Chiha estivese por momentos máis interesado en realizar o retrato deste submundo ao longo de varias décadas que en adaptar a obra de James. É este un apartado forte polo que quizais debera ter apostado máis o realizador, esquecendo a narración oral e propóndonos mellor un bucle estético. Tería sido outro filme, un que tería filmado Philippe Grandrieux, e que algúns teriamos preferido.

Non hai artigos relacionados.

Comments are closed.