Berlinale 2023 (IV): delicada peza de ourive

Passages, de Ira Sachs

Ás veces non se comprende como certas obras notables acaban en seccións paralelas dos grandes festivais, cando claramente teñen o suficiente nivel como para competir en oficial. Ocorreu este ano na Berlinale con Passages (Ira Sachs, 2023), presentada en Panorama e que se erixe como o filme máis destacable desta edición no ecuador do festival. O neoiorquino é coñecido polos seus dramas protagonizados habitualmente por parellas gais, cun grande naturalismo, non carentes de humor refinado e con moita sofisticación. Ten ofrecido retratos de tipos de homosexuais pouco representados na gran pantalla, como os vellotes protagonistas de O amor é estraño (Love Is Strange, 2014), unha das súas longametraxes máis famosas.

No seu salto ao outro lado do charco non defrauda. Passages, de produción francesa, preséntanos a dous amantes expatriados en París que exercen actividades artísticas e gozan dun elevado nivel de vida como profesionais liberais. Tomas, encarnado polo alemán Franz Rogowski — habitual nos últimos filmes de Christian Petzold e que o ano pasado ofreceu unha multinominada interpretación en Grande liberdade (Große Freiheit, 2021), de Sebastian Meise —, é un director de cinema de culto que está a montar o seu último filme. Martin, ao que dá vida o máis británico dos actores británicos, Ben Whishaw — Q nos filmes de James Bond con Daniel Craig, a voz do oso Paddington e Michael Banks na secuela de Mary Poppins —, é un artista gráfico que conta coa súa propia imprenta, de dimensións considerables e cun bo número de empregados. Ambos, a pesar das feridas abertas de crises pasadas que arrastra toda relación duradeira, claras pola linguaxe corporal e verbal entre eles, viven felices con estes éxitos laborais e na cómoda harmonía de conversas intelectuais con outros expatriados da comunidade LGTB en distinguidos bistros parisienses.

Ata que… ata que entra na foto Agathe, unha fogosa moza próxima á filmación de Tomas, coa que o realizador se deita na festa de fin de rodaxe. Esta está interpretada pola francesa de orixe grega Adèle Exarchopoulos, atrapada en roles cunha forte carga sexual dende que fixera aquel horror titulado La vie d’Adèle (Abdellatif Kechiche, 2013), éxito instantáneo despois batido pola crítica feminista e hoxe practicamente esquecido e irrelevante. Sachs parece elixila de forma moi consciente como para desfacer o mito. O que comeza sendo un mero obxecto de desexo sexual acaba por revelarse paulatinamente como unha muller complexa e contraditoria, tan decidida como romántica, a vítima perfecta desa tormenta de impulsos e vaidades que é o personaxe de Rogowski. Con alma de adolescente consentido, insiste en falar co seu home dos detalles desta aventura, atravesando os limites do desexable en calquera relación aberta sá, co único obxectivo de ofrecerse un autoalivio. O pobre Martin, tanto ou máis sensible que Agathe, unha persoa queda e elegante, todo o contrario que o explosivo Tomas, é maltratado psicoloxicamente ata a saciedade. A pesar de resultar un tipo caprichoso e detestable, Rogowski achega ao seu personaxe un halo de magnetismo moi poderoso, facendo caer aos espectadores no mesmo feitizo culpable polo que fican atrapados Agathe e Martin.

A premisa deste ménage-à-trois é ben sinxela, pero Sachs non deixa de introducir no guión — firmado a catro mans con Mauricio Zacharias — impertinentes xiros de trama que debuxan un sorriso maligno no espectador. Passages é un drama, pero é tamén unha gran comedia sen gargalladas. Como o mellor Woody Allen dos oitenta, Sachs ofrece aquí un persoal melodrama de alto nivel, lixeiro como unha brisa de primavera, pero de fondo calado. A súa posta en escena, tan depurada que semella despreocupada, apóiase en realidade nunha coidada planificación que usa o plano medio, obxectivo e seco, e un esencial plano-contraplano, cando os amantes aparecen. É Passages un filme moi falado, onde o que manda é o personaxe de Rogowski. Non só porque gaña sempre a batalla dialéctica, ditando os designios dos seus partenaires cal demiúrgo, senón porque tamén asolaga co corpo. O actor teutón ofrece unha interpretación moi física que arrasa con todo, cada quebro histérico da súa voz e cada movemento nervioso do seu torso inmenso atrapan e monopolizan a acción. Sachs ten que responder coa cámara, polo que de forma moi elegante vaina colocando para que Rogowski tape a Wishaw cando nunha discusión a parella parece racharse e o que sae vitorioso da contenda é Tomas. De igual maneira, quen dirixe os encontros sexuais con Agathe é tamén el. Os lixeiros picados ou os planos máis pechados que encerran a Exarchopoulos así o indican. E sen que apenas nos decatemos, sen que pareza que existe intervención, Passages é, nas súas imaxes e no seu texto, a historia dun manipulador emocional que manda no seu descontrol de paixóns.

Rogowski, un dos mellores actores que existe en Europa neste momento, está inmenso, si, pero non están peor Exarchopoulos e Whishaw. A gala móstrase tan refrescante como quebradiza cun gran control vocal e tonal; só con estar, sen facer nada, transmite a mesma melancolía que o británico. O de Mr. Ben é de quitarse o sombreiro. Pura sofisticación este home, que semella non ter que esforzarse nada para compor un personaxe que parece un documental da súa propia vida, como se non tivese que interpretar, só poñerse ante a cámara e deixarse levar. Seguramente é o mellor que pode dicirse dun actor, que non está actuando.

Un guión magnífico, unha delicada posta en escena, tres actores en estado de gracia. Un peliculón.

Comments are closed.