BLAZE, de Ethan Hawke

blaze-film-review

I almost felt you touching me just now / I wish I knew which way to turn and go / I feel so good and then, then / I feel so bad / I wonder what I ought to do

If I could only fly, if I could only fly / I’d bid this place goodbye to come and be with you / But I can hardly stand and I got nowhere to run / Another sinking sun and one more lonely night

The wind keeps blowing, somewhere, everyday / Tell me things get better, somewhere, up the way / Just dismal thinking on a dismal day / And sad songs for us to bear

You know, sometimes, I write happy songs / Then some little thing goes wrong / I wish they all could make you smile

Coming home soon and I wanna stay / Maybe we can, somehow, get away / I wish you could come with me when I go again

If I could only fly, if I could only fly / I’d bid this place goodbye to come and be with you / But I can hardly stand and I got nowhere to run / Another sinking sun and one more lonely night

Desesperación, dúbidas ante o sentido da vida e como afrontar as adversidades, imposibilidade de gozar do gran amor, tristeza, pequenas doses de esperanza. En If I Could Only Fly, unha das máis coñecidas cancións de Blaze Foley, o cantante vomita todos os seus sentimentos de forma visceral, converténdose esta no seu máis claro autorretrato. Este xenio do country, que pasou bastante desapercibido fóra da atmosfera texana, morreu novo, antes de tempo, mais Ethan Hawke recolle a historia da súa figura nun interesante biopic que, con moita delicadeza, amosa o lado máis vulnerable do artista. O filme é unha adaptación da novela Living in the Woods in a Tree, de Sibyl Rosen, a que foi muller de Foley, o seu gran amor e inspiración para a súa obra, e que traballou xunto co director para elaborar o guión.

En Blaze (2018) a historia preséntase a través de continuas idas e voltas do presente ao pasado mediante flashbacks que mostran as experiencias do protagonista en diferentes momentos e etapas clave da súa vida. Estas viaxes temporais seguen o fío condutor dunha entrevista de radio que manteñen dous dos grandes amigos e compañeiros de Foley, na que falan da súa figura e talento. Isto transpórtanos a lugares e instantes clave na vida de Sybil e Blaze, como a súa casiña no bosque, o último concerto do cantante, as gravacións en estudio ou os momentos entre amigos no soportal da casa. É salientable o traballo de fotografía que Hawke consegue no filme, facendo que a diferencia entre os momentos da vida sexa moi clara. A vida amorosa e os ambientes no soportal son tratados con tonalidades cálidas pero sutís, predominando ademais a cámara fixa e os planos máis abertos, pretendendo mostrar a recreación idílica destes espazos. Por outra banda, no último concerto do cantante, na secuencia da morte, ou incluso na escena do estudio a iluminación caracterízase por unha busca de maior escuridade e de cores máis saturadas, chegando ata o vermello neon. Asemade, a cámara deixa de permanecer quieta e opta por planos máis curtos con steadycam, buscando ese toque de caos e desesperación nas malas decisións de Foley, protagonizadas polo seu alcolismo.

blaze-trailer-videoSixteenByNineJumbo1600

No que ao reparto se refire, cabe destacar o gran traballo de Ben Dickey. Este actor e cantante recolle dun xeito magnífico a remuda de Blaze Foley da man de Ethan Hawke, ata o punto de facelo seu e sorprender cos matices da súa interpretación. O carácter tremendamente inestable e cambiante do defunto artista mestúrase perfectamente coa súa parte máis doce e sensible, creando unha moi crible representación deste fillo do country con alma rota. Por outra banda, Alia Shawkat supón a perfecta compañeira de viaxe para esta aventura cinematográfica, meténdose no papel de Sybil Rosen, unha fortísima e adorable muller, ateigada de soños e metas, que non desiste nin abandona ante as adversidades e que conta cunha capacidade de amar sobrenatural.

Hawke agasállanos, ademais, cun filme repleto de música. De cancións country do falecido Foley que espertan algo na audiencia e fan sentir aínda máis cada mínima acción que transcorre na película. Isto supón un feito significativo para a propia carreira do artista, cuxos álbums e cancións non foron moi ben coidados e conservados, perdéndose moitos no camiño. Blaze é, dalgún xeito, esa pequena recompilación musical que o texano non chegou a facer en vida.

Blaze é un filme sinxelo e de poucas pretensións, pero que consegue os resultados que se buscan nunha peza destas características: mostrar a verdadeira esencia da persoa (real) de quen se fala sen edulcorar a súa imaxe nin tampouco romantizar os seus problemas. É por iso que esta película consegue desde o primeiro momento conectar co espectador, facéndoo partícipe da fermosa historia de amor entre Foley e Rosen e de como todo se quebra, lentamente, por completo. Ethan Hawke pode estar satisfeito neste sentido, xa que os últimos biopics musicais deixaron un certo sabor agridoce nos espectadores. Bohemian Rhapsody (Bryan Singer, 2018) converteuse nunha das películas do ano, chegando a gañar incluso algún Óscar, mais o filme estivo rodeado de polémica. Tanto a crítica especializada como o público xeral compartiron a opinión de que o filme fuxía de amosar a escuridade ou a dureza para simplemente centrarse na parte brillante e positiva da vida do cantante de Queen.

Está claro que o cinema é unha visión distorsionada da realidade que, dependendo do caso, é máis ou menos fiel a esta. Ethan Hawke tíñao claro. Neste caso o director buscou sinxeleza e humildade, conseguindo unha peza que seguramente o propio Blaze Foley contemplaría con emoción e honra. O mundo do country está de noraboa xa que unha das súas estrelas máis interesantes e brillantes reaparece e dáse a coñecer a esa gran cantidade de xente que non sabía da súa existencia. Todo corazón, este músico con voz profunda convértese, coa axuda de Hawke, en lenda.

blaze1

Comments are closed.