BLUE, de Apichatpong Weerasethakul

blue

BLUE: A IMPOSIBILIDADE DE CONCILIAR O SONO

O Festival Internacional de Curtametraxes de Clermont-Ferrand permitiunos descubrir en pantalla grande, na súa sección internacional, a última obra do tailandés Apichatpong Weerasethakul: Blue (2018). Trátase dunha evocadora peza non narrativa que nos mergulla no mundo dos estados adormecidos do seu autor, só que cunha interesante variación que funcionaría case coma o espello incómodo da súa anterior Cemetery of Splendour (2015). Entenderase isto se se explica a súa posta en escena e particular montaxe. Móstrasenos ante todo unha muller que, contrariamente aos doentes da anterior fita, intenta durmir, mais non logra conciliar o sono, revólvese na súa cama. Doutra banda, contamos cun plano dunhas teas con paisaxes pintadas dun amencer e un atardecer que, operadas por unha sorte de poleas, van aparecendo ante nós por quendas ao son dunha sorte de gong. Un pouco coma os fondos deses primeiros fotógrafos familiares. Un terceiro elemento é unha pantalla de cine que, conforme avanza a montaxe e se nos mostra a disposición dos obxectos, abrindo os planos, descubrimos que se atopa ante estas teas que representan o paso continuo do tempo. Polo tanto, unha fiestra ao mundo, a que representa a propia pantalla cinematográfica, mais tamén pode ser unha ventá á propia habitación na que esta muller intenta conciliar o sono. Un cuarto elemento sería unha cacharela que arde sen cesar.

Con estes catro planos, cos que Weerasethakul xoga con lixeiras variacións de apertura e perspectiva, está construída toda a curta. Alén de comprender esta configuración espacial, dunha muller atrapada ante un mundo repetitivo, coma de pesadelo, en continua espiral e primitivo – de aí o lume e as paisaxes preindustriais – xoga un importante papel o deseño sonoro. Ese gong que soa de fondo coma unha sorte de chamada espectral, unido ao desagradable son das poleas no silencio da sala e a un incesante incremento do crispar das lascas da cacharela fan que o intento por durmir sexa insoportable. Se o son no cine de Apichatpong actúa normalmente coma unha sorte de mantra balsámico que convida á meditación e pode mesmo incitar ao sono – e o autor non está en contra, case que alenta que o público fique durmido – aquí acontece todo o contrario. Estes sons disrutivos non ofrecen descanso e en ningún momento, no pouco que dura a curta, sente un acomodo na butaca. O son do lume enche a sala e sentímonos engulidos por el, a calma habitual deixa paso ao máis incómodo desacougo. Non hai repouso.

Esta sensación que causa Apichatpong no espectador explicítaa mediante a montaxe na súa protagonista, superpoñendo a chama cada vez máis extensa sobre o seu corpo, facendo que literalmente a queime nunha trucaxe de corte fantástico que semella case pasada de moda, como tirada dun filme silente dos anos vinte. Aquí está o charme dun autor contracorrente, que cun truco tan sinxelo intensifica máis se cabe este desacougo.

O cambio de mensaxe, máis que de rexistro, no seu cine, hai que procuralo en causas persoais, e para iso atopamos información valiosa na entrevista que lle realiza Hugues Perrot no número de xaneiro de Cahiers du Cinéma1. Nela indica que todos os filmes que fixo nos últimos tempos parten de síntomas físicos e que en concreto Blue sería o resultado de querer plasmar en pantalla as súas experiencias con alucinacións sonoras – acúfenos – que non o deixan durmir dende hai anos. Pola noite oe unha sorte de “bongs” que lle están a quitar o sono, o que provoca que estea a durmir unhas tres horas e sufra de insomnio. Indica ademais que a súa próxima longametraxe, que presumiblemente debera ser rodada en Colombia, falará desa experiencia.

Non é unha casualidade citar isto, pois o estado de ánimo de Apichatpong Weerasethakul, o seu foro interno, o seu benestar espiritual e a lectura política que fai do seu país sempre influíron e marcaron o cine que fai. En efecto, en Cemetery of Splendour había moita xente a durmir e era un filme que inducía ao sono, mais un sono tamén da historia enterrada dun país desmemoriado que o tailandés criticaba, nun intento do seu estado de escribir a Historia con maiúsculas aos seus designios, pois xa se sabe que quen controla a narrativa, ten o poder. E como convén ter a cidadáns adormecidos e desmemoriados! Blue viría tamén a trasladar a incomodidade cun país no que xa non se atopa cómodo nin para durmir, onde ve que o réxime militar está a apertar cada vez máis e onde non se ve de momento facendo cine, onde di que de feito resulta para el xa imposible nestes intres. De aí que outee outros horizontes internacionais.

Mentres xira a cabeza a Latinoamérica, de momento foi L’Opéra de Paris quen financiou esta peza, Blue, que pode consultarse xa íntegra online. Recomendamos vela en sala se podedes, mais a continuación a curta se non vos queda ningún festival a man.

__________

1“Une idée politique du sommeil. Entretien avec Apichatpong Weerasethakul”, por Hugues Perrot, en Cahiers du Cinéma, num. 751, xaneiro 2019. pp.92-95.

Comments are closed.