BOYHOOD, de Richard Linklater

Boyhood

Entre o comercial e o autoral, o cineasta norteamericano Richard Linklater leva case tres décadas compartindo co espectador o seu concepto sobre a sétima arte. Se internacionalmente o seu recoñecemento chegaría en 1991 con Slacker (1991) –unha película experimental na que retrataba 24 horas na vida de varios personaxes da paisaxe urbanística de Austin–, para quen estas liñas escribe o seu primeiro encontro co director produciuse catro años máis tarde con Before Sunrise (1995). Gañador do Oso de Prata no Festival de Berlín, con este relato romántico fóra de todo convencionalismo, Linklater subliñaba as constantes que vertebraron a súa traxectoria como autor: o azar, as feridas xurdidas da interacción humana, o inexorable paso do tempo e a dificultade, en definitiva, das relacións interpersoais. Despois chegarían outros experimentos formais e narrativos como Waking Life (2001) ou comedias máis convencionais como School of Rock (2003), ata que un ano despois o cineasta texano decidira retomar a historia de amor entre Jesse e Céline con Before Sunset (2004), revelando o lema último da súa filosofía fílmica: a plasmación da erosión provocada polo tempo. O que moi poucos sabían é que Richard Linklater xa iniciara en 2002 outro ambicioso proxecto coa intención de reflectir dun xeito máis fidedigno como se xera e modula a personalidade a través do tempo: Boyhood (2014). Co apoio imprescindible de IFC Films, quen accedeu a participar en tan insólita empresa con tan só un borrador, Linklater embarcouse nun rodaxe de doce anos cunha pequena equipa técnica e artística. A idea era sinxela: capturar a vida cotiá dun neno dende os seis anos –cando se empezan a almacenar de forma regular os recordos– ata a maioría de idade –cando, cunha personalidade xa definida, sae a enfrontarse ao mundo exterior. Nun obrigado secretismo, a rodaxe realizábase unha vez ao ano durante un curto período duns 4 ou 5 días.

Para levar a cabo semellante fazaña, o cineasta púxose en contacto con dous dos seus colaborados máis estreitos: Sandra Adair –a súa montadora habitual dende Before Sunrise, quen aquí fai amais ás veces de co-produtora– e o actor Ethan Hawke. Sumou despois novas incorporacións coa presenza da intérprete Patricia Arquette e, mesmo, da súa propia filla, Lorelei Linklater, coa esperanza de preservar certo control dado o dilatado período de tempo que requiría a produción; a Linklater obsesionábao a idea de que alguén abandonara o proxecto ou non puidera adaptar a súa axenda e o feito de ter en casa unha das súas actrices permitíalle darse un respiro. Por último, para o papel protagonista, decantouse por Ellar Coltrane, un neno de ollada magnética, fillo de artistas e orixinario de Austin.

boyhoodA unidade do fondo e a forma

Alén do seu evidente e extremo valor como obra experimental, cunha plasmación do cinematográfico sen precedentes, o valor de Boyhood radica na habilidade do seu cineasta para dar unha forma atractiva ao ordinario. Non nos referimos só a que a trama do filme sexa sumamente sinxela –o retrato da nenez, adolescencia e entrada na idade adulta dun rapaz de clase media–, senón á súa capacidade para ensamblar como un todo unha serie de pequenos detalles do día a día e, ao mesmo tempo, manter a atención do espectador en todo momento. Aquí non nos enfrontaremos a grandes traxedias ou situacións inverosímiles das que o heroe deba saír indemne, senón que Mason –o neno protagonista– será testemuño en primeira persoa de como os seus dramas familiares –en ocasións insignificantes e noutras devastadores–, as súas amizades, afeccións e amores irano transformando ata convertelo en adulto, momento no que a cámara o abandona para que siga o seu propio camiño. Con esta historia simple e sumamente complexa á vez, Linklater quería reflexionar sobre o paso do tempo, pero tamén quería capturar a forma na que unha determinada cultura e unha temporalidade concreta inciden na configuración do carácter. Así, déixase ver na mención a iconas culturais como Britney Spears –nun dos momentos máis divertidos da metraxe-, Harry Potter, Lady Gaga ou Bola de Dragón; sumado á presenza dos videoxogos, da cultura das armas ou a mención a eventos históricos como a invasión de Iraq ou o debate electoral que enfrontou a Barak Obama e John McCain. Así, o cinema encontra o seu sentido en maiúsculas, na execución dunha rodaxe sumamente arriscado, dende un punto de vista técnico e narrativo, que se serve dunha historia concreta para reflexionar sobre que é o individuo e, a unha macroescala, sobre como o modela a sociedade na que vive.

Con todo, se abandonamos as profundas reflexións ás que convida a película, a narración en si mesma é todo un prodixio. Dende unha concepción formal do relato, pero que fuxe de toda simplicidade estrutural, Linklater articula os pequenos episodios en solución de continuidade. Quere isto dicir que o transcurso do tempo non se notifica nunca a través de textos enxertos na imaxe ou frases declamadas para a ocasión, senón que os cambios físicos dos personaxes dan sempre a pista de que houbo un salto temporal. A uns quince minutos por ano, aproximadamente, a vida de Mason configurouse en estreita colaboración co elenco de actores. Se ben nun principio, cando era demasiado novo, Coltrane tiña que guiarse polas estritas directrices do cineasta, co paso do tempo Linklater foi deixando cada vez máis espazo á improvisación, permitindo que Mason fora adoptando elementos do actor; en grande medida porque o peso completo da acción recae sobre el e sobre a súa evolución física e intelectual. Dende un primeiro momento, Linklater deixa constancia de que o punto de vista sempre será o de Mason e neste sentido, ao igual que na vida real, coñeceremos dos personaxes que o rodean só o que a el atinxe, a medida que estes van entrando e saíndo da súa vida de forma regular ou esporádica.

Esta unidade narrativa vese apoiada sustancialmente nunha posta en escena sumamente meditada e homoxénea. Resulta case milagroso que ao largo de doce anos a metraxe manteña unha identidade tan marcada sen resentirse polos cambios técnicos nin as modas cinematográficas. A decisión de filmar toda a película en 35 mm, con todos os problemas que supuxo na recta final coa progresiva extinción deste, é un dos motivos principais para a obtención desta dilatada coherencia visual. Non obstante, é indiscutible que, alén das eleccións técnicas, os grandes responsables desta proeza son o propio realizador e os seus dous directores de fotografía habituais: Lee Daniel e Shane F. Kelly.

Retrato da evolución do eu como nunca ata agora o viramos, Boyhood gañou por méritos propios un posto de honra na historia do cinema; non só pola súa reflexión sobre as relacións familiares, a creación da personalidade e a erosión do tempo, senón pola profunda meditación que se agocha trala súa suposta sinxeleza e a súa arriscada e inédita aposta fílmica. O tempo e a súa inclemencia forman parte vital da obra do cineasta Richard Linklater e non dubidamos de que no futuro próximo volva incidir sobre este tema, xa sexa cun novo experimento narrativo ou coa continuación da súa serie Before. A fin de contas, como dicía Jorge Luis Borges e Linklater nos recorda: «O tempo é un río que me arrebata, pero eu son o río».

Comments are closed.