CAFÉ SOCIETY, de Woody Allen

cafe-society_0

O cinema de Woody Allen leva nos últimos anos caracterizándose por unha continua revisión. Recordemos que Match Point (2005) non era senón unha volta con transfundo londiniense á trama e conflitos de Delitos y faltas (1989), ou que Si la cosa funciona (2009) contaba cun argumento moi similar ao de Poderosa Afrodita (1995) coa vea cómica de Larry David. O seu último filme, Café Society, toma prestado de Días de radio (1987) a súa coidada ambientación histórica e chiscadelas ao xénero negro clásico de Hollywood, mentres que o tipo de humor e a crítica á maquina de crear soños do neoiorquino remite ao espírito de Hollywood Ending (2002). Cruzamento entre as dúas logo, Allen substitúe desta volta na fotografía a Darius Khondji – co que traballara en Midnight in Paris (2011) e Magia a la luz de la luna (2014) – pola lenda de Apocalypse Now (Francis Ford Coppola, 1979) Vittorio Storaro. O resultado é menos de ensoño e máis melancólico, aínda que nos tres filmes pode apreciarse – e por iso cito estes e non os outros que Khondji ten con Allen – unha certa querenza por mimetizar códigos estéticos das épocas que retrata. Se na aventura parisiense toda a parte do pasado adoptaba o expresionismo de Monet – evidenciado tamén no seu cartaz – a cálida luz da comedia ambientada na Costa Azul nos anos vinte pretendía crear unha exuberancia propia da aparente lixeireza dun Preston Sturges. Para Café Society, o realizador opta por unha aproximación máis impresionista, que seguramente continúe na súa próxima película, tamén con Storaro, ambientada nos cincuenta. Polo tanto, a revisión nestas últimas pezas non parece ser só cara a súa obra, senón que supón unha volta á arte e ao cinema clásico que máis lle gusta dende os códigos estéticos e narrativos do século XXI. Pode que Allen non estea tan en forma coma antes, pero si se aprecian dúas vertentes claras na súa filmografía recente: esta, e a dos dramas máis contidos e contemporáneos como Blue Jasmine (2013) ou Irrational Man (2015). En esencia, podemos criticarlle que se convertera nunha marca manufacturada, pero é unha en todo caso cunha evolución clara e unhas constantes evidentes.

Pero volvamos a Café Society. O que era fábula e conto nas dúas anteriores cintas de época, vólvese aquí cruel realidade, nunha peza narrativa de reloxeiro con manillas ao son dunha das súas grandes temáticas: as imposicións sociais fronte a paixón. Allen crea para a ocasión un duplo romance a tres bandas, dividido nun díptico xeográfico e persoal, personificado nas idas e vidas do personaxe de Jesse Eisenberg de Nova York a Los Ángeles, e a través da súa relación co de Kristen Stewart. Boa parte da efectividade do filme reside na química entre ambos os dous actores; un, mozo soñador que se traslada ao Hollywood dos anos trinta en busca dun futuro mellor; a outra, secretaria do tío deste, protector do rapaz, representante de estrelas que lle fai desenvolver alerxia á honestidade para sobrevivir nun ambiente no que só contan as aparencias; interpretado tamén con solvencia por un contido Steve Carrell. De volta en Nova York, a vida familiar parece estar envolta en liortas mafiosas, o que lle permite a Allen navegar entre o melodrama e o xénero negro con dúas luces moi diferentes, a cálida de California e a apagada da cidade que nunca dorme.

A este dobre xogo narrativo únese unha voz en off indeterminada – a dun Woody Allen non acreditado, que exerce así o seu papel total de escritor omnipresente – que conta a historia, e que podería tratarse de calquera da dos espectadores externos que fan correr os rumores nas festas e actos sociais nos que os personaxes do filme constrúen os seus enganos. Dun xeito menos activo pero tamén máis sutil que en Zelig (1983) ou Desmontando a Harry (1997), Allen está a reflexionar sobre a propia narrativa do filme. Cabe preguntarse se, coma os protagonistas da cinta, non engana aos seus personaxes ou mesmo ao espectador. Nun momento da película un personaxe bromea dicindo que “as alternativas exclúen”. Coma os personaxes de Allen, todos convivimos en maior ou menor medida con ficcións alternativas das nosas vidas na nosa mente. E se tivera feito tal cousa? Esta melancolía ficticia é a que inunda o último tramo de Café Society, cunha serie de elipses que acaban confluíndo nunha bela sobreimpresión en pantalla, que se conta entre os recursos estilísticos máis elegantes e arrebatados na carreira do realizador. Estes destelos do desenlace non logran, porén, levantar o voo dunha película que se mostra demasiado parecida a outras anteriores do realizador sen ofrecer novas variacións que xustifiquen o filme. Pode que este intento narrativo de Allen se conte entre os máis ambiciosos dun cineasta sen dúbida maduro, pero que naufraga á hora de manter unidas dúas xeografías que albergan excesivas disonancias de ton como para acabar de redondear a súa proposta. Os diálogos, como é habitual, son intelixentes, e os actores cumpren con solvencia. Aos que temos a Allen nun pedestal, esta última obra fáisenos un tanto menor. Pero se sodes incondicionais, non podedes faltar á cita anual co xenio de Nova York.

Comments are closed.