CALL ME BY YOUR NAME, de Luca Guadagnino

Call-Me-By-Your-Name-1-1600x900-c-default

Existe un subxénero tan amplo de películas sobre amores adolescentes de verán que a temática debería ter categoría propia no pescudador de Filmaffinity. Por riba, dentro dese inxente corpus, a variante “espertar sexual na campiña italiana” debe ser unha das máis populares, pois poucos marcos haberá máis bucólicos para un idilio iniciático cás exuberantes paisaxes lombardesas ou toscanas bañadas pola cálida luz estival. Xa que logo, era preciso rodar unha nova iteración deste tropo? Quedan a estas alturas versións que contar que non atufen a déjà-vu? Pois seica si. Co seu terceiro filme, Luca Guadagnino demostra que aínda se pode sacar ouro dunha veta sobreexplotada se un o fai con coidado e atención.

Se Call me by your name (2017) narrase o romance entre o precoz Elio e a súa amiga Marzia (algo que suxire a trabucadísima campaña promocional da distribuidora española, e que a propia película explora en dúas secuencias), trataríase dunha película bastante máis convencional. Afortunadamente para todos, o obxecto de desexo do rapaz será Oliver, un alumno doutorando do seu pai que vai pasar 6 semanas de residencia na mansión familiar canda eles. A premisa resulta ben máis atractiva así: as particularidades do cortexo homosexual aínda non foron tan explotadas cinematograficamente, e case non temos testemuños da época de ambientación do relato (1983). Jordan Hoffman en The Guardian calificou a fita de “gran incorporación ao canon gai”, e non vai desencamiñado: agradécese o esforzo deste título e outros coma Brokeback Mountain (Ang Lee, 2005) ou Far for Heaven (Todd Haynes, 2002) por dotar á sétima arte dunha retrocontinuidade que amose como se tería plasmado o amor entre homes noutros períodos e xéneros fílmicos de non telo impedido a censura do momento. Nesas coordenadas hipotéticas, Call me by your name ben houbo de ser unha obra de Rohmer, Téchiné ou o mesmo James Ivory (coguionista desta adaptación) se daquela non lles faltase afouteza.

O principal mérito da posta en escena de Guadagnino (toda unha rutura coa súa filmografía previa) é deixar que a sedución avance ao seu propio ritmo, lenta pero segura, sen présa por chegar á resolución do conflito, frustrando ideas preconcibidas. O cineasta goza plasmando a beleza do dolce far niente, dos corpos ao sol, das ceas ao fresco, da erudición intelectual, dos bailes nas verbenas e os paseos en bicicleta… e así revela organicamente as etapas previas ao esperado clímax (o desdén, o descubrimento dos sentimentos propios, a súa asimilación, a confirmación da reciprocidade, o titubeo e a superación dos obstáculos) cunha equilibrada mestura de sutileza e honestidade, mesmo inxenuidade, exprimindo ao máximo a sensualidade inherente de cada situación.

9857041_web1_M-call-me-by-your-name-edh-171221

Por mor desa aplastante sobrecarga sensorial, pasará o tempo e da atmosférica Call me by your name seguiremos lembrando varios dos seus pequenos momentos e estímulos perfectos. Recordarase coma o filme que descubríu a Timothée Chalamet ao gran público, un talentoso novo intéprete capaz de transmitir todas as contradicións do desexo adolescente. Tampouco esqueceremos a suxestiva escena do pexego, cumio erótico en semi-fóra de campo nun filme que xoga moi ben co que ensina e co que sobreentende. Conservaremos e reescoitaremos as preciosas cancións que Sufjan Stevens compuxo especificamante para a banda sonora, raro exemplo de comunión total entre cinema e música. E quedará tamén para a posteridade o monólogo final do personaxe de Michael Stuhlbarg (o pai que todo marica pre-millennial querería ter tido), dunha tenrura inusitada, un dos poucos momentos nos que o oral toma o protagonismo nun filme tan preponderantemente visual. Esta obra vívese dúas veces: mentres se experimenta alborozadamente, e segundo vai crecendo na memoria e torna un ideal platónico e mellorado do prototípico filme italoestival.

Mesmo ao equipo creativo lle custa desprenderse del. Guadagnino expresou a posibilidade de retomar a historia destes dous amantes nunha futurible secuela (coartada tena: na novela orixinal de André Aciman os personaxes reencóntranse anos despois en América), ao estilo de Richard Linklater e a súa triloxía Before. Un recibe estas novas cunha mestura de devezo e receo: Call me by your name é dos poucos especímenes de obra audiovisual que sabe como rematar e deixar a porta aberta, pero tamén se intúe que xa nada volverá ser o mesmo que aquela primeira vez. O tempo dirá.

Non hai artigos relacionados.

Share SHARE

Comments

comments

Comments are closed.