CANNES 2016: EN BUSCA DA SORPRESA ENTRE COÑECIDOS

mort louis xiv

Non é que o festival de Cannes se caracterizase nos últimos anos, polo menos na súa sección oficial, polo descubrimento de novos nomes, de grandes autores que estean a redefinir a linguaxe cinematográfica. Os irmáns Dardenne, Ken Loach ou Pedro Almodóvar desta edición podiamos atopalos hai xa un par de décadas, e seguirán a estar ata que deixen de facer cinema. Asistir ao anuncio da sección oficial cada ano supón o comentario dunha crónica anunciada. Unha que, na súa grande parte, podería escribirse por adiantado.

Mais habería que ser xustos con Cannes e concederlles que, ás veces, teñen o valor de meter un László Nemes entre os competidores á Palma. E filmes coma O fillo de Saúl (2015) caen como un meteoro chegado do espazo exterior cando chegan. Só esta película xa volvía imprescindible a celebración do festival na pasada edición. É Tío Boonmee recuerda sus vidas pasadas (2010) o mellor filme de Apichatpong Weerasethakul, ou Mommy (2014) o máis logrado de Xavier Dolan? Non, pero os galardóns en Cannes permitiron que estes dous autores fundamentais se fixeran coñecidos para un público máis amplo que o estritamente especializado.

Iso podería acontecer en 2016 con Andrea Arnold, Kleber Mendonça Filho ou Maren Ade; os tres únicos nomes que non pertencen á constelación de estrelas do cinema de autor que é a sección oficial do Cannes que comeza mañá. Poderá levar a Palma unha muller? Ou recaerá nun “director de xénero”? Paul Verhoeven, Jim Jarmusch e Park Chan-wook son tres rarunos que poderían convencer o presidente do xurado George Miller, creador da saga Mad Max, que en friki gáñaos a todos xuntos.

Xa na sección ‘Unha certa ollada’ e nos eventos paralelos da Quincena dos Realizadores e a Semana da Crítica, atopamos moito nome novo e propostas máis arriscadas. Agardamos con impaciencia a segunda longa de Oliver Laxe, Mimosas (2016), ou a ópera prima do camboxano Davy Chou, Diamond Island (2016), do que adoramos as súas curtametraxes.

Será a primeira vez que A Cuarta Parede cubra Cannes con crónica diaria, e para ir quentando motores, dámosvos un top 10 das películas que máis ganas temos de ver nos vindeiros días:

paterson

  1. Mimosas (Oliver Laxe, 2016). Que Todos vós sodes capitáns levase o FIPRESCI da crítica en 2010, confirmaba o autor coruñés como unha das voces máis persoais do cinema español. Nesta ocasión agardamos algo moi distinto, pois o filme que veremos a semana próxima definiuse pola produtora Zeitun e polo propio Laxe coma unha película de aventuras, contada en dúas épocas históricas diferentes, e cunha forte vertente espiritual. A paisaxe, o Atlas marroquí, partiu dunha vontade do director por explorar un país que o hipnotizou. Os seus referentes? O pintor romántico Caspar David Friedrich, entre outros. De seguro que o director de fotografía Mauro Herce, responsable da imaxe de filmes como Arraianos (Eloy Enciso, 2012) ou Dead Slow Ahead (Mauro Herce, 2015), foi quen de transmitir esa intensidade. O son é de Amanda Villavieja, vella coñecida das películas de José Luis Guerín. Con esta equipa, intúese algo destacable.

  2. La mort de Louis XIV (Albert Serra, 2016). Non é por orgullo patrio que o metemos aquí. Se lle preguntásemos a Serra sobre iso, a ver que respondía. Bromas nacionais aparte, este é tamén un dos directores españois máis ambiciosos e persoais que existen. Con cada novo filme, semella querer dar un novo paso na destrución da narrativa para ficar só con situacións, indagando nun cinema do performativo coma poucos souberon facelo ata o de agora. Història de la meva mort (2013) xa era un paso adiante nese sentido, e este novo filme parece querer acadar novas cotas nesta vía, polo pouco que sabemos del. Un dato, Luís XIV está interpretado por Jean-Pierre Léaud, lenda da Nouvelle Vague, que compuxo o gran Antoine Doinel, interpretándoo nun feixe de filmes de François Truffaut. A escolla de actor non podía ser mellor.

  3. Paterson (Jim Jarmusch, 2016). O nome do autor xa debera ser suficiente. Engadámoslle que o prota é Adam Driver, o mozo raro de Lena Dunham na serie Girls, máis coñecido polo seu recente papel de Kylo Ren na saga Star Wars, e queda todo dito. Condutor de buses, e poeta en tempos libres (ou pode que sexa ao revés), Paterson vive o día a día entre o elevado e o mundano. O nome é o do personaxe de Driver, mais tamén o dunha localidade que veu medrar a grandes das letras como Allan Ginsberg. Se atendemos á filosofía do eterno presente xa apuntada en obras como Ghost Dog (1999), Dead Man (1995) ou Only Lovers Left Alive (2013), se seguro que a presenza destes poetas, nun ambiente agora decadente, deixarase sentir na forma do filme. Pode que Jarmusch tamén estea interesado en documentar a transformación urbana das pequenas cidades norteamericanas logo da crise, como xa apuntaba no seu anterior filme con Detroit. Teña o que teña preparado, seguro que non nos deixará indiferentes.

  4. The Wailing (Na Hong-jin, 2016). Recordan ese filme surcoreano de título Confesiones de un asesino en serie (Bong Joon-ho, 2003)? É unha das mellores mostras dun xénero ás veces hipertrofiado coma é o policíaco no contexto do cinema surcoreano recente. Ante á graxa que nos chega de Seúl cada ano, esta cinta era todo músculo, unha desas poucas ocasión nas que un pode ver unha de asasinos narrada con pulso, e con pouso político, por se fose pouco. Na Hong-jin probou ser o seguinte gran autor deste xénero, xunto ao citado e a Park Chan-wook (en breve imos con el) con The Chaser (2008) e, sobre todo, The Yellow Sea (2010). Moitos agardamos velo medrar en The Wailing, e que o seu controlado ritmo chegue acompañado dunha aproximación máis radical, que se cadra lle faltaba á súa obra anterior. O feito de que os responsables de resolver o asasinato sexan desta volta un detective e un chamán pode levar o filme cara terreos fantásticos interesantes. Veremos se Na racha as fronteiras do academicismo.

  5. Diamond Island (Davy Chou, 2016). Seremos breves, esta peli que compite con Mimosas na Semana é a ópera prima dun tipo que, nas súas curtametraxes, presentouse coma o cruzamento perfecto entre Apichatpong Weerasethakul e Edwin. O cinema camboxano está necesitado de nomes na ficción, porque o seu único grande cineasta nestes momentos é Rithy Pahn. Agardamos que este novo director, nado no 83, dea o pelotazo neste Cannes 2016. A historia? Vai de amores adolescentes, e xa nos vale. O resto, que o poña Chou, e veremos que pasa.limbo

  6. Limbo (Konstantina Kotzamani, 2016). Na sección de curtas da Semana, preséntase o último traballo da grega, autora de pezas como Arundel (2012) ou Washingtonia (2014). A súa capacidade para construír ambientes estraños e crear metáforas da sociedade grega en pequenos contextos, levounos aos críticos a comparala pola vía fácil con Athina Rachel Tsangari e Yorgos Lanthimos. Penso que o que a diferencia é o seu traballo con actores non profesionais, máis na liña de Pedro Costa ou David Pantaleón. Hai figuras no seu cinema que ben poderían saír de calquera destes dous outros, polo que algo fai intuír que Kotzamani agocha outras vías en estado de exploración. Polas imaxes que vimos, Limbo semella tan surrealista coma os seus anteriores traballos, porque, si, tamén ten algo de Maya Deren. Facédeme caso, amigos en Cannes, e ide ver este cóctel. Fuxide das longas nunha sesión e dádelle unha oportunidade ao formato curto.

  7. Toni Erdmann (Maren Ade, 2016). Non é que Alle Anderen (2009) nos pareza un peliculón, pero haille que recoñecer a Ade unha capacidade especial para cartografar as luces e sombras do sentimento amoroso. E gústanos Sandra Hüller, actriz de Requiem (Hans Christian Schmid, 2006), entre outras. Máis que un razoamento, este posto 7 é un desexo de que algo nos sorprenda na sección oficial, e intuímos que vai ser así con Toni Erdmann. A historia, a dun pai que se inventa un personaxe imaxinario para sacar dunha crise vital a súa filla, parécenos o suficientemente rocambolesca, como para apostar por Ade.

  8. Aquarius (Kleber Mendonça Filho, 2016). O outro desexo de renovación neste Cannes cunha sección oficial tan totémica é o de Aquarius. O autor brasileiro xa sorprendera en Rotterdam con O Som Ao Redor (2012). A min gústame especialmente como filma o espazo, e como este acaba por ser tan importante coma os personaxes. O un non se entende sen o outro, coma no Stray Dogs (2013) de Tsai Ming-liang, por poñer un exemplo recente. Aquarius é un nome dun edificio particular en Recife, do que queren desaloxar á súa última inquilina, que se resiste a marchar. Con este argumento, non parece que o cinema de Kleber Mendonça Filho vaia dar un xiro radical, pero con que mellore na vía xa apuntada na súa ópera prima, xa é moito.

  9. Elle (Paul Verhoeven, 2016). Dos thrillers do holandés, os meus preferidos son El cuarto hombre (1983) e El libro negro (2006). Elle ten pinta de ser tan tolo coma o primeiro, e tan elegante coma o segundo. E está Isabelle Huppert. Queda todo dito.

  10. The Handmaiden (Park Chan-wook, 2016). O surcoreano ten unha obra mestra, Oldboy (2003). Se mañá deixa este mundo dun infarto, xa terá cumprido. Falando máis como fan que como crítico, teño fe en que esta nova historia de vinganza (ou iso parece que vai ser) volva elevalo ao máis grande, logo de varias películas co piloto automático, ata o punto de terse convertido nos últimos anos nunha caricatura de si propio, nunha marca absolutamente previsible. Quero que The Handmaiden me faga saltar na butaca, e agardo que ese desexo se vexa cumprido. Este home é moi bo, o mundo merécese outra obra mestra da súa man.

E con isto, deixámosvos ata mañá, nunha xornada inaugural marcada polo último de Woody Allen, Café Society (2016). Estamos ante outra marca rexistrada (xa non tan) orixinal. No reparto, Jesse Eisenberg e Kristen Stewart, que xa teñen traballado xuntos e desprenden boa química. Algo riremos ou, se cadra, ante os nosos prexuízos, pode que nos atopemos con outra obra mestra do autor de Manhattan (1979).

Cada noite, unha nova crónica do que deu o día dende A Cuarta Parede. Atentas.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario