CANNES 2016: GRIS PALMARÉS DUNHA ERA XURÁSICA

image

A última xornada do festival de Cannes estivo marcada pola recuperación dos filmes de sección oficial en varias salas do Palais, e dende logo, pola gala de clausura na que se deu a coñecer o palmarés. Antes de entrar nel, repetir iso de que a elección dos galardoados é sempre a decisión persoal dunhas poucas persoas, e non ter por que coincidir coas tendencias que se intúan nas críticas lidas e escoitadas estes días pasados da man dos profesionais que asistimos a este Cannes.

De ser así, tería gañado Toni Erdmann (Maren Ade, 2016), pois era a mellor valorada en todos os criticrómetros que circulan durante o certame. E o filme de Ade levou en realidade o premio FIPRESCI da crítica, así que aquí houbo acerto. Esta película sorprendeunos a moitos polo seu complexo guión, que se move dunha escena a outra con aparente naturalidade e sen seguir regra alguna da causa-efecto, ofrecendo o retrato na vida dunha muller durante uns días, persoa que intenta atoparse a si propia no profesional e no sentimental. E os actores están xeniais, esta comedia celebra a vida, e realmente leva o xénero a novas e interesantes cotas.

Cando un dá uns premios, a miña opinión é que debe ser sempre xeneroso coas películas que máis o merezan. Pero o como ordena eses galardóns e cales son dará unha lectura do festival. A equipa de Thierry Fremaux non elixe os filmes ao chou. Da selección sempre se pode tirar unha lectura do festival, e un bo palmarés debera facela. Pois ben, das diversas lecturas que un podía facer deste Cannes 2016, o xurado decidiu tirar pola vertente do cinema social, se cadra a máis abundante na Croisette. Nesta liña, había películas de calidade e para todos os públicos, como Aquarius (Kleber Mendonça Filho, 2016), que realmente contaban con máis consenso. Porén, George Miller, presidente do xurado, e os seus decidiron que a Palma recaera en Ken Loach, que con I, Daniel Blake (2016) entrega outro traballo denuncia das penurias que sofre a clase obreira. O problema de dar a Palma a este filme non é que non a mereza, cuestión discutible, aínda que ninguén pode dicir que I, Daniel Blake sexa mala. O problema é que esta Palma podía ter sido a de 1980. Entón, que sentido ten outorgala en 2016? A quen beneficia? A Loach dende logo non, que xa ía petar os despachos de billetes entre os seus fieis, masa de espectadores nada reducida, construída ao longo de décadas manténdose fiel a si propio. A Palma a Loach é un premio inane, que non dá nada a descubrir, supón a opción máis conservadora posible; unha que lle di a Cannes directamente á cara: “es un vello adorable, sempre coas mesmas historias”. Polo menos, cóntanse ben. Terlle dado a Palma a Mendonça Filho, sendo un premio de natureza similar, tería reforzado o discurso de “es un mozo prometedor e cheo de vitalidade, que respectas a tradición, pero con ideas novas”. Este premio pon a Cannes en coidados paliativos (e se cadra esa era a intención de Miller e compañía, quen sabe).

Co que respecta aos demais galardóns, o Gran Premio foi para Juste la fin du monde (2016), cun Xavier Dolan que vai acabar por se converter tamén nun sospeitoso habitual. Xunto con Tom à la ferme (2013), trátase do seu filme máis contido e alonxado do universo tan persoal construído nos seus primeiros traballos e en Laurence Anyways (2012), para min o único no que o canadiano acadou a excelencia que se lle supón. A crítica foi unánime en condenar a Juste la fin du monde como unha das películas máis intrascendentes do festival.

image

Tampouco lle foi moi ben a Andrea Arnold con American Honey (2016), que levou o premio do xurado. División entre a crítica, para min é o mellor filme da súa directora, onde realmente desenvolve a súa preciosista e persoal posta en escena do xeito máis natural posible, sen que dane o relato. Este é o da white trash ianqui, deixada de lado polo sistema, e que está a fornecer a maquinario do odio de Donald Trump. Sen facelo o centro da súa historia (no fondo, American Honey é un culebrón entre adolescentes) a película abre o debate e funciona ben no terreo sociolóxico. Este si é un cinema social contemporáneo, dos que mellor retratan os aspectos máis escuros desta xeración xunto con Spring Breakers (Harmony Korine, 2012).

Quen pillou cacho tamén foi Asghar Farhadi, que leva para a casa o premio do mellor guión por The Salesman (2016) e o actor Shahab Hosseini o de interpretación masculina. Son os dous aspectos máis salientables dun filme que, coma o de Loach, soa a visto mil veces, pero ao que non se lle pode achacar nada negativo. É un drama sobrio e clásico sobre a vinganza e o perdón, que debe trasladar Hosseini en forma de diálogos e silencios intelixentes. Son premios grises, pero pouco criticables. Na mesma liña, Jaclyn Jose leva o de interpretación feminina por Ma’Rosa (Brillante Mendoza, 2016). De novo, na liña do seu autor e sen ningunha sorpresa.

Pode que os premios máis arriscados de todos, os que nos salvan un pouco desta monotonía, estean na dirección. Cun ex-aequo a Bacalaureat (Cristian Mungiu, 2016) e Personal Shopper (Olivier Assayas, 2016), o xurado está a premiar dous filmes que son puro estilo, sobre todo no caso do segundo. Se ben Bacalaureat repousa sobre un gran traballo actoral e de guión, o máis salientable é unha posta en escena que coida a simetría e a oposión como elementos dramatúrxicos básicos dunha peza que se move sempre en situacións de contrastes. Con elementos máis sacados do teatro como a posición dos corpos con respecto á escena e a xestión das olladas, Mungiu logra transmitir unha tensión nas conversas que non se atopaba en ningún outro drama da selección.

O xesto de Olivier Assayas, se ben pode que só parcialmente logrado, é digno de aplauso. Personal Shopper é unha verdadeira idiotez, cunha Kristen Stewart perdida no medio da cacharrería do xénero de terror, nunha trama mínima e demencial, na que o francés xoga coa súa moneca para o seu goce e o dos espectadores que entendan que isto é unha broma metacinematográfica (e poucos foron, foi un dos filmes máis abucheados). Este galardón abría a porta a ter sido máis amable con algunhas outras propostas de xénero moi persoais, pois abundaron neste Cannes 2016, que polo palmarés parecera o Cannes de 1980. Algunha cousiña a Ma Loute (Bruno Dumont, 2016) ou The Handmaiden (Park Chan-wook, 2016) non tería estado de máis para visibilizar outro tipo de cine, e moi bo, tamén presentado aquí.

Con este palmarés, Cannes 2016 quedará na memoria dos que non asistiron coma o Cannes do intenso compromiso social. Queda alguén esperto na sala? Veña, ímonos de festa.

image

PALMARÉS COMPLETO:

– Palma de Ouro: I, Daniel Blake (Ken Loach, 2016)
– Gran Premio: Juste la fin du monde (Xavier Dolan, 2016)
– Premio do xurado: American Honey (Andrea Arnold, 2016)
– Dirección: ex-aequo Cristian Mungiu por Bacalaureat (2016) e Olivier Assayas por Personal Shopper (2016)
– Guión: The Salesman (Asghar Farhadi, 2016)
– Interpretación feminina: Jaclyn Jose por Ma’Rosa (Brillante Mendoza, 2016)
– Interpretación masculina: Shahab Hosseini por The Salesman (Asghar Farhadi, 2016)

Comments are closed.