CANNES 2018 EP. 9: LEE CHANG-DONG ADAPTA CON SUTILEZA E XENIO A HARUKI MURAKAMI

IMG_1387

Queixabámonos dun inicio frouxo hai unha semana, mais o certo é que esa tónica foi a excepción en Cannes. A un par de días da clausura, día tras día, o festival está a ofrecernos filmes destacables. É o caso de Burning (Lee Chang-dong, 2018), no que o surcoreano adapta un relato de Haruki Murakami para, gardando intacto o ton misterioso e máxico do escritor nipón, levalo ao seu terreo cunha narrativa sutil e un xenio poético que coloca a Burning no máis alto dunha filmografía inmaculada.

A historia é ben sinxela. Trátase dun triángulo, non necesariamente amoroso, entre un mozo traballador aspirante a escritor, unha muller da súa infancia coa que se reencontra e un magnético ricachón que se cruza no seu camiño. A película non deixa de describir tempos mortos, de relaxación, entre estas persoas das que non se nos mostra a súa actividade laboral, por moito que o discurso de clase se infiltre no relato. É unha sorte de reinvención de The Great Gatsby (F. Scott Fitzgerald, 1925) que acaba derivando nun íntimo relato de cinema negro coa desaparición da rapaza.

O filme é pura connotación, non denota nada. Así, as posibles tramas non contadas multiplícanse na nosa mente, provocando un pracer no público que desexe xogar co crebacabezas que se nos propón. Mais non hai ningún misterio a resolver en Burning. O importante é a viaxe, o suxerido, independentemente de que sexa verdade ou non. Pode mesmo que todo estea a ocorrer na mente do protagonistas e que se trate da novelización da que fala, ou que só os feitos sexan parcialmente reais. Non deixarse levar é imposible. A narración, apoiada nun trío protagonista de luxo, é magnética.

Ademais do plano secuencia de 45 minutos do filme de Bi Gan, seguramente o momento que máis quede gravado nas nosas retinas deste festival sexa a hipnótica secuencia na que a actriz Jeon Jong-seo baila xoguetona ante os seus partenaires nunha mestura de striptease e danza tribal africana ante o atardecer, a súa silueta recortada, coas montañas da fronteira norcoreana de fondo, e soando a tope o tema dos créditos de Ascenseur pour l’echafaud  (Louis Malle, 1958) composto por Miles Davis dende o Porsche co que chegaron ata aló. Esta intérprete compite seriamente polo premio á mellor interpretación, e hai que dicir que é un descubrimento tremendo. É a primeira longametraxe na que participa e, ao noso xuízo, só a Joanna Kulig de Zimna wojna (Cold War, Pawel Pawlikowski, 2018) podería facerlle fronte.

IMG_1389

Matteo Garrone volve á violencia da Italia de a pé

Logo de pasarse a un cinema máis ampuloso en Il racconto dei racconti (2015), Mateo Garrone semella ter gardado ese barroquismo, volvendo á crueza das rúas que tan ben retratara no seu filme máis famoso, Gomorra (2008). En Dogman (2018) non hai camorra, mais si un home moi violento que aterroriza a todo o barrio. Involucrando a un apoucado coidador de cans nun roubo polo que cumpre un ano de prisión, cando sae decide asasinalo e librar do problema á veciñanza. Cidade sen lei, o retrato dun lugar no que a xustiza non existe e cada unha se arranxa como pode. Nada novo da filmografía dun director que se mostra en forma, cunha película ben acabada, pero que non esperta o noso interese alén diso.

Si hai dúas películas na Quincena dos Realizadores que tratan temas criminais ou desaparicións, o que parecen argumentos comúns neste Cannes, e que nos interesan moito máis. Trátase da tunecina Weldi (Mohammed Ben Antía, 2018) e da arxentina El motoarrebatador (Agustín Toscano, 2018). As súas son dramas sociais filmados con cámara en man e moi pegados aos seus protagonistas, mais cunha aproximación que as diferencia do común dos filmes deste xénero. Na primeira, un pai está moi preocupado polo comportamento raro do fillo, no bacharelato, sen lograr identificar que lle acontece. Un día descobre que marchou da casa e vai camiño de Siria para unirse ao Estado Islámico. Decide, cruzando a fronteira por Turquía, intentar salvar a súa vida e traelo de volta á casa. A fita fai gala dunha sinxeleza tremenda e, apoiándose na boa interpretación do seu protagonista, entrega un punzante drama, sen maniqueísmos, sobre unha problemática ben actual e relevante.

Pola súa banda, El motoarrebatador é unha historia de redención. Un home arrebata o bolso a unha muller indo a gran velocidade cunha moto. Cáusalle feridas que a deixan na hospital, con perda de memoria. Infiltrándose na súa casa, logra pasar por un familiar e cóidaa na súa convalecencia. A parella forma un curioso dúo entre a comedia e o cinema de intriga, sen esquecerse nunca da rúa e o contexto social do ladrón. Non só a clase está marcada, senón tamén a raza, sendo el nativo e, dalgunha maneira, atrapado nun gueto de Bos Aires.

Os pobos nativos de América Latina tiveron a súa cota de representación nunha Quincena dos Realizadores que se abría con Pájaros de verano (Cristina Gallego, Ciro Guerra, 2018), onde aparecen representados os wayuu da Guajira colombiana. Os seus ritos están no filme, mais o elenco está composto por grandes nomes en Colombia que se lles parecen. Non hai unha participación real da comunidade como existe en Chuva É Cantoria Na Aldeia Dos Mortos (João Salaviza, Renée Nader Messora, 2018), filmada con intérpretes non profesionais entre os Krahô de Brasil. A fita segue un rito de duelo pola morte dun pai e, con este pretexto, mostra o día a día desta comunidade cunha aproximación estética particular que nos recorda ao Sensory Ethnography Lab e a Apichatpong Weerasethakul.

Comments
One Response to “CANNES 2018 EP. 9: LEE CHANG-DONG ADAPTA CON SUTILEZA E XENIO A HARUKI MURAKAMI”
  1. Lui di:

    Muy buenas críticas. Gracias por estar ahí e informar el dia a dia del festival de Cannes.