Cannes 2023 (IV): os mundos de Yupi

Fallen Leaves, de Aki Kaurismäki

Cando falamos de Le fabuleux destin d’Amélie Poulain (Jean-Pierre Jeunet, 2001), habitualmente critícaselle o feito de que a historia ten lugar nunha burbulla, un mundo fantástico que non é o París real, no que todos son brancos, non hai problemas sociais e todo é magnífico. É unha análise non compartida por moitos outros críticos, que teñen sinalado que, en efecto, o filme se presenta como un conto de fadas sobre unha parella que namora. Non hai, polo tanto, malicia nin falta de rigor na maneira na que está feita a película.

Poderiamos aplicar a mesma lóxica a Follas caídas (Kuolleet lehdet, Aki Kaurismäki, 2023). É unha historia de amor entre un metalúrxico con problemas ca bebida e unha muller que pasa dun traballo a outro sen moita sorte. Ambos, figuras caladas e solitarias, coinciden accidentalmente nun karaoke e comezan a buscarse por Helsinki. Como é habitual en Kaurismäki, os conflitos laborais aparecen, as desgrazas ocorren, pero os seus personaxes, humanistas, nunca se deixan levar pola desidia. Co toque traxicómico que o caracteriza, o finés realiza unha bonita e delicada comedia romántica.

Onde quizais non acaba a fita de acadar as cotas do máis destacado do autor é no seu alcance político. A guerra de Ucraína é mencionada continuamente na radio, pero así como un refuxiado de Oriente Próximo era protagonista en O outro lado da esperanza (Toivon tuolla puolen, 2017), ou a problemática dos asentamentos ilegais era central en Le Havre (2011), o Helsinki que nos presenta aquí Kaurismäki é o dun conto de fadas suspendido no tempo, é o seu universo particular. Estas mencións á actualidade do noso mundo non impactan en absoluto na historia e son máis anecdóticas que outra cousa. Ao incluílas, Kaurismäki evidencia máis esta falta de conexión coa realidade. Non é un filme notable o seu, pero si é un adorable e moi gozoso romance, con personalidade e o humor propio do autor, que gañará sen dúbida aos incondicionais, que son lexión.

Club Zero, de Jessica Hausner

Jessica Hausner acusa moito máis este problema en Club Zero (2023). Ambientada nun elitista instituto, céntrase nos esforzos dunha profesora que acaba de chegar, interpretada por Mia Wasikowska, por introducir aos alumnos nunha doutrina de alimentación consciente de propia creación. Paulatinamente, van avanzando xuntos nestes desordes nutritivos, pola causa do medio ambiente, o benestar persoal e tantas cousas que venden estas dietas alternativas.

A fita encara unha problemática importante do noso tempo, a necesidade de cambiar de hábitos de consumo na industria alimentaria para mellorar a nosa saúde e reducir o impacto do cambio climático, e banalízaa a uns extremos de redución malsáns. A tese de Hausner é que isto é unha moda pasaxeira, controlada polo capitalismo para vendernos toda una serie de produtos, e sen gran base científica. Ten dereito a pensalo e a criticalo, pero se se toma ese camiño, sería preciso analizar con rigor os argumentos que a levan a erguer o dedo acusador.

A austríaca parece máis interesada en desenvolver os mecanismos que poden levar ós adolescentes, en proceso de busca identitaria, a radicalizarse en certas posturas antisistema e que, por ese feito, lles resultan atractivas, que en indagar no vexetarianismo. A vertente mística que o personaxe de Wasikowska lle imprime ás cousas reparte tamén leña contra a meditación e as seitas. Todo se mestura nun filme que parece unha reacción a unhas tendencias sociais incomprendidas, das que se toman catro elementos superficiais e con iso se constrúe unha fábula paródica. Club Zero podería ter ido sobre calquera cousa. Podía Hausner ter elixido a unha activista trans que intenta lavar as mentes dos rapaces, e nada tería mudado. Para ser un filme que critica tanto o adoutrinamento, ten moito de sermón.

As paletas de cores usadas, moi vivas, como as de Timo Salminen — o fotógrafo de Kaurismäki —, e esa aterradora simetría dos planos, colócannos nun universo que intenta ser aterrador e edulcorado, fóra deste mundo. Algunhas accións que realizan os rapaces lévannos a ese cinema da crueldade do que Cannes tanto gusta. O filme está producido por Ulrich Seidl, e semella que Hausner algo pillou en empréstito, pero non entendeu que para ser efectiva, debía ter observado máis a realidade e se cadra ter investigado un pouco máis o tema das dietas milagre.

O ano pasado levou aquí a Palma Triangle of Sadness (2022). O seu director, Ruben Östlund, é en 2023 o presidente do xurado. Club Zero intenta criticalo todo indo de elevada e con malicia, revelando grandes verdades sobre as eivas da nosa sociedade, tal como lle gusta facer ao sueco. Cinema intenso e con temas do noso presente. Non nos estrañe que este filme cruel e hipócrita rasque algo no palmarés.

Comments are closed.