CANNES DÍA 11: A VOLTA DO VERHOEVEN MÁIS PERVERSO

image

Hai quen di que O libro negro (2006) supuxo o aburguesamento de Paul Verhoeven logo de 30 anos en Holanda e Hollywood facendo filmes claramente controvertidos e desprexuízados, por momentos considerados mesmo fascistas, coma o caso de Starship Troopers (1997), ou frívolos, como a agora película de culto Showgirls (1995). A filmografía deste director sempre tivo a mesma preocupación, estudar a condición humana no que se refire aos nosos instintos máis básicos, como a posesión e sexo. Pode manifestarse nun thriller de carácter abstracto coma O cuarto home (1983) ou tomar a vía do fantástico máis salvaxe, como na icónica Total Recall (1990). En todo caso, xa dende os inicios, ata cando Verhoeven facía no seu país natal retratos de carácter máis social que representaban a súa xeración tal como el a vía, o xénero sempre foi unha ferramenta para indagar no máis escuro da alma humana.

Elle (2016) arrinca coma un thriller psicolóxico, cunha explícita violación, e a partir de aí xoga máis na liña hitchcockiana de Instinto básico (1992) que doutras destas aproximacións máis fantásticas. Quen vaia procurando no filme que pechou hoxe a sección oficial de Cannes 2016 por todo o alto unha película desatada, coas paixóns a flor de pel, engánase. Verhoeven, coma David Cronenberg, xa abandonou a nova carne para entrar nunha etapa máis adulta e contida, que non aburguesada (de feito, Elle é un filme que se mofa da burguesía).

Isabelle Huppert dirixe a orquestra con esta partitura que se presenta como colección de perversións en torno ao desexo sexual. Michèle non denuncia a violación porque no fondo excítaa. Muller cun pasado escuro que roza a psicopatía e que o espectador vai coñecendo aos poucos, xera a súa vida persoal como a empresa de videoxogos que dirixe, con produtos de grande contido violento e sexual; con man firme, decidida e sen que lle trema o pulso. Michèle é unha verdadeira connasse controladora que debe ter todo na súa vida como a ela lle gusta. É unha cabrona de primeiro nivel, e tamén encantadora. Que non sinta culpabilidade algunha polo que fai, nin intente buscar excusas polo seu comportamento – “a vergoña non nos impide facer o que facemos, creme”, exponlle nun momento da cinta a unha amiga – convírtea nun personaxe nihilista co que o espectador conecta ao facernos Verhoeven partícipes da súa perversión.

O contido traballo de cámara, as frases cotiás que encerran segundos significados, eróticos e de mecánicas ocultas de poder (que acaban por recaer sempre en Michèle) e, en esencia, a divertida e precisa interpretación de Huppert; enfróntannos a un filme espello dos nosos traumas e fetiches sexuais. En Elle atópanse todos baixo a súa capa de thriller de entretemento, sempre ligados ao entorno familiar e a moral cristiana coma dous dos elementos que máis nos definen neste eido. Algúns tacharano diso, de entretemento, e nada máis; polo menos xa non deberemos aturar o de burgués, porque o contido do filme fai estalar todos os plomos da moral establecida. Cada un enfrontarasa a ela como poida. Hai quen sae da sala correndo na primeira escena, quen nega a súa intención freudiana, e quenes gozamos partícipes da mente travesa desa muller, porque como Verhoeven adoita dicir, todos somos uns perversos. Por iso o seu cinema, tan frívolo e violento na superficie, agora máis calmo (pero tamén máis sabio) coa idade, non perdeu un ápice do seu interese dende Delicias turcas (1973), a súa consagración como cineasta totémico da perversión. E neso segue, con maestría.

Este último tramo da sección oficial pechouse tamén con The Salesman (Asghar Farhadi, 2016), onde tamén hai unha agresión a unha muller. O marido céntrase en atopar a persoa culpable, procurando a vinganza persoal, fronte á parella, que asume a súa situación con actitude de perdón. Conto moral – si, xa sei que o digo todos os días, botádelle a culpa a Thierry Fremaux e a súa equipa de selección – que reflexiona sobre o concepto de xustiza dende o drama social, é puro Farhadi. Nesta liña da selección, Ken Loach ou os irmáns Dardenne, que insisten en darnos o pregón con novas historias máis verdadeiras que o Technicolor en barrios onde se pasa moi mal, moi mal. Porque, xa o sabemos, a vida é difícil; menos mal que están eles para recordárnolo.

Fronte a este cine social vello e catatónico, tan decrépito coma o Rei Sol de Albert Serra, chegáronnos este ano algunhas propostas estimulantes tanto de directores novos como Maren Ade ou Kleber Mendonça Filho; e outras de vellos coñecidos que se atreven a ir evolucionando na súa liña, coma o propio Verhoeven, Park Chan-wook, Pedro Almodóvar ou Jim Jarmusch. Que os filmes destes entren mañá no palmarés encheranos de felicidade. Pero bueno, a valoración dos premios que elixa o xurado, deixámola para mañá.

Hoxe toca falar dos galardoados en Un Certain Regard. O premio principal foi para The Happiest Day in the Life of Olli Mäki (2016), do director finés Juho Kuosmanen, un vello coñecido de Cannes xa seleccionado na Cinéfondation anteriormente. Esta ópera prima levoulle seis anos preparala, como explicou ao recoller o premio, e en todo ese tempo recordábase “só se libre, se fiel a ti propio e que non che poida o éxito”. Aínda que obtelo, tampouco lle fixo sentirse mal, como confesou con humor.

O protagonista da película, boxeador profesional que se prepara para loitar contra un peso pesado polo campionato mundial, segue un pouco esta filosofía. Rodada en 35mm e dunha beleza inconstestable, a cinta parécenos porén moi clásica e cos conflitos típicos de calquera filme de competición deportiva. Con todo, nun nivel moi baixo este ano en Un Certain Regard, non pode dicirse que non estivera entre as mellores opcións.

O palmarés completo da sección quedou así:

– Premio especial – La tortue rouge (Michael Dudok de Wit, 2016)
– Guión – Voir du pays (Delphine Coulin, Muriel Coulin, 2916)
– Director – Captain Fantastic (Matt Ross, 2016)
– Premio do xurado – Harmonium (Kôji Fukada, 2016)
– Premio Un Certain Regard – The Happiest Day in the Life of Olli Mäki (Juho Kuosmanen, 2016)

Comments are closed.