CANNES DÍA 4: PARK CHAN-WOOK E MAREN ADE DIVIDEN

image

Cuarta xornada en Cannes e os ánimos non podían estar tan divididos. As dúas últimas películas da sección oficial, The Handmaiden (Park Chan-wook, 2016) e Toni Erdmann (Maren Ade, 2016) están a fomentar nos pasillos do Palais un intenso debate. Para nós, a única que lles fai sombra é a de Cristi Puiu, e aventurámonos a afirmar que estas tres van levar algo, se non é a Palma. Aínda queda moito festival, pero logo dunha primeira morna xornada, o nivel está tan elevado e competitivo, que pinta como unha boa edición.

The Handmaiden é, poñan como se poñan algúns, o mellor filme de Park Chan-wook dende Oldboy (2003). Logo de varios anos dando resultados estimables sen arrebatar coma coa súa obra mestra, volve a un filme de coidada execución formal e renova a súa filmografía saíndo por fin do tema da vinganza, que parecía telo un tanto restrinxido. Hai quen achacará ao surcoreano un aburguesamento das formas, e non haberá nada que contestarlles. A pulcritude máxima que Park saca do seu director de fotografía habitual, Chung Chung-hoon, contrasta cos momentos máis sucios de Oldboy. Estamos ante un filme de época, profundamente luxoso, contado na súa meirande parte nunha mansión durante a ocupación xaponesa, onde serve á señora da casa unha criada coreana. Non hai nin un só movemeto titubeante, o que importa é o preciosismo dos detalles e unha profundidade de campo que saca partido á magnífica tarefa de arte de Ryu Seong-hie, tamén habitual na equipa de Park (e do seu compatriota Bong Joon-ho).

Non nos poñemos a facer unha enumeración da equipa técnica por casualidade, pois The Handmaiden é ante todo un exercicio de xénero que algúns tachan de frívolo (con razón, pero xa lle ía vindo ben un pouco de lixeireza a este pesado Cannes 2016), e que conta nestes elementos técnicos coa súa mellor arma. Park inventa escenas só polo pracer de filmar un plano co que experimentar cunha travesura narrativa, ao modo de Alfred Hitchcock. Todo é maxestuoso nesta obra, delicado pracer culpable dunha historia de traicións que xira en torno á seducción, e que chega a ser moi explícita, estando en realidade máis preto en espírito de Las amistades peligrosas (Stephen Frears, 1988) que de El imperio de los sentidos (Nagisa Oshima, 1976). Na súa estrutura capitular e non cronolóxica, e o uso das elipses, emparéntase con Kill Bill (2003-2004), e en xeral coa obra de Quentin Tarantino. Non debo ser o único en pensalo, pois mentres escribo esta crónica na sala de prensa, un colega surcoreano, seguramente contento coa recepción da obra en cuestión e escribindo tamén a crónica, asubía a banda sonora das andanzas da Noiva.

Cunha sorpresa que cómpre non contar entre estes capítulos – xa o avisaba Henri Georges Clouzot ao inicio de Las diabólicas (1955), “por favor, non conten o final da película aos seus amigos” – a gracia de The Handmaiden para o amante do xénero está en ir descubrindo os seus misterios conforme avanzan, sendo cómplice e avanzando situacións que os personaxes non coñecen, como un voyeur máis que participa nese xogo de confidencias inventadas, proxectándonos nas ficcións dentro da ficción que entraña a historia. Esta cinta é como unha moneca rusa. Cando quitas unha capa, intúes o que vai haber debaixo. Non importa acertar ou non, o goce está en ir abrindo as capas ata o final.

image

Nada que ver esta película coa tamén notable Toni Erdmann. Maren Ade cumpre de sobra as expectativas e saca nota neste novo estudo de personaxes, moi superior a Alle Anderen (2009). O relato céntrase nos esforzos dun pai por facerlle ver á súa filla que leva unha vida infeliz no seu traballo de Bucarest. Vaina visitar e, ante a incapacidade de conectar con ela a través do sermón, inventa un personaxe ficticio co que poder introducirse no seu círculo laboral e de amizades e provocar cataclismos emocionais en Ines que a axuden a avanzar. Esta rapaza, interpretada de forma soberbia por Sandra Hüller, ten bastante en común coa protagonista de Victoria (Justine Triet, 2016), presentada aquí na Semana, e tamén adicta ao traballo. Son mulleres que non lle deben, nin queren, deberlle nada a ninguén. Como tal, sobreviven en ambientes moi masculinos asumindo actitudes máis asociadas aos homes. En ambos os dous filmes, os seus compañeiros de traballo son presentados como individuos misóxinos, caprichosos e utilitaristas, incapaces de pensar alén do resultado directo dos seus esforzos na empresa. O que diferencia a Victoria e Ines é que son capaces de manterse dignas sen obviar que o ser humano precisa ás veces de apoio. No caso de Victoria, o amor romántico salvaráa do oco no que anda metida. Para Ines, comprender a seu pai, se cadra como adulta e xa non como unha nena, será a súa vía de salvación nesta poza de tiburóns.

Detesto a acepción “cine de mulleres” por excluínte, pero non podemos deixar de remarcar neste caso que só dúas mulleres poderían ter escrito estes guións. O de Toni Erdmann é moito máis audaz que o de Victoria, e desconcerta. Comeza como un drama ao uso, pero podería ser unha comedia, e é tamén un estudo da empresa capitalista moderna, na liña de Margin Call (J.C. Chandor, 2011). Sen falar directamente do tema, acaba por ser moi relevante á hora de apuntar as dinámicas que moven os CEO das grandes corporacións (para máis inri, trátase dunha petroleira). Sen ser un filme de denuncia, coma o de Ken Loach, resulta profundamente político e feminista. É moi austero, pero é tenro. Non busca conmover, pero faino con pequenos detalles. Dura case tres horas, vai dunha escena a outra con naturalidade, e non se preocupa de ningunha estrutura en actos. Todo funciona, e hai bonitas sorpresas. Peter Schimonesick coma o pai demostra grandes dotes cómicas e a química con Sandra Hüller é descomunal.

Aos ollos dos pais, sempre seremos cativos. A relación de Ines e Toni, a de dous adultos, transmite máis ben a dinámica dunha nena pequena cun protector que entra en escena como un tanto ridículo e remata por relevarse como heroico na súa cotidianeidade. O traxe tradicional búlgaro que saca malos espíritos da casa, e co que o pai sorprende a súa filla na súa festa de cumpreanos ao final da cinta, de tan enorme e peludo que é, parecera un oso xigante. Cando esa muller perdida sae correndo tras el e se precipita contra o seu peito, é como a bela que abraza un agarimoso King Kong. Ines volve á infancia, está en lugar seguro. Ade logra salvar o ridículo, aínda non sabemos como, e volver tenro e emotivo ese momento sen ningún tipo de trucos musicais ou visuais, sóa coa sinxeleza dunha cineasta que, como Ines, xa medrou, e ao seu cinema non se lle ven as costuras.

Xa en Un Certain Regard, vimos The Student (Kirill Serebrennikov, 2016) e The Transfiguration (Michael O’Shea, 2016). A primeira reflexiona sobre o poder dos dogmatismos relixiosos cando intentan impoñer a súa razón. Un mozo obsesionado coa Biblia acaba por ditar as regras do seu instituto ante as súas actitudes radicais, sempre apoiadas en palabras do texto sagrado. Serebrennikov ten o valor de filmar estes monólogos en planos-secuencia que privilexian a interpretación encendida dos seus actores, nunha sorte de conto moral na tradición literaria de Fiodor Dostoievski. A última é un cruce xa moi visto entre un drama indie teen e un filme de vampiros, máis seco que a mojama. Como a versión mumblecore da saga Twilight.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario