CANNES DÍA 5: AS FRONTEIRAS DO XÉNERO

image

Tiña que chegar, moita sorte tiveramos ata agora. O sistema de castas cannois deixounos sen ver os últimos traballos de Andrea Arnold e Jim Jarmusch, así que, queridas lectoras, hoxe a crónica vai ser curta, e non haberá comentarios da oficial. Agardamos poder recuperar estes filmes noutros pases, antes do termo do festival.

Fóra de competición, o punto cómico púxoo The Nice Guys (Shane Black, 2016), un filme na liña das deconstrucións autoconscientes e paródicas do cinema de xénero que tan ben se lles dan a Matthew Vaughn e Edgar Wright. Russell Crowe e Ryan Gosling son unha parella de detectives privados nos Ángeles de finais dos anos setenta, que intentan atopar unha rapaza desaparecida coas industrias do porno e do automóbil de trasfondo. Eles teñen química, e o filme é un agradable divertimento.

Un Certain Regard acolleu hoxe a estrea de Dogs (2016), ópera prima de Bogdan Mirica, que usa o esquelete da tradición do western e o cinema negro para compor un filme máis centrado na creación dunha atmosfera opresiva, que no desenvolvemento dunha trama. Un home visita as terras do avó, no campo romanés, coa intención de vendelas, e en todas esas hectáreas só atopa unha sorte de orde milenaria violenta e sen ley. Ao estilo da Zona do Stalker (1979) de Andrei Tarkovski ou O bosque (2004) de M. Night Shyamalan, este magnífico e inabarcable espazo ten unha potente carga metafórica, pois diso parece ir Cannes este ano, de toda caste de universos alegóricos.

Na Semana, seguen a mostrar propostas estimulantes como I tempi felici verranno presto (Alessandro Comodin, 2016) e Grave (Julia Ducournau, 2016). A primeira parecera unha adaptación da mítica novela fantástica Bosque mitago, de Robert Holdstock, no contexto dun bosque italiano. Misteriosas sendas levan a comunicarse con criaturas que semellan a manifestación de pasados habitantes da área. Unha muller síntese atraída cara esta chamada, adentrándose no interior do frondoso labirinto. O cinéfilo recoñecerá nesta sinopse ao Apichatpong Weerasethakul de Tropical Malady (2004), e na forma por aí van as cousas, tamén con algo de Lisandro Alonso. Comodin logra un filme hipnótico e moi evocador, que se abre a múltiples metáforas sen as grandilocuentes alegorías doutros filmes aquí vistos estes días, coma o excesivo Ma Loute (Bruno Dumont, 2016).

Ducournau revélase coa súa ópera prima como unha gran directora de xénero. Unha vegana que estuda Veterinaria sofre problemas de adaptación na universidade, e comeza por obriga a comer carne, o que acaba por trastornala. Ata aquí podemos ler, porque unha vez o filme arrinca, comeza a bascular de Carrie (Brian De Palma, 1976) a The Shining (Stanley Kubrick, 1980) ou The Faculty (Robert Rodríguez, 1998) sen pudor nin medo ao ridículo, sendo todo posible nesta outra alegoría de natureza cafre. Con estes dous filmes, os programadores da Semana agasalláronnos cunha xornada de xénero con dúas propostas nas Antípodas a unha da outra, mais coa intención común de rachar as convencións deste tipo de cinema e xogar con elas.

Comments are closed.