CANNES DÍA 7: PEDRO ALMODÓVAR A POLA PALMA

 

image

Adoitamos dicir que Cannes maltrata o cinema español. Está mellorando ou é que a equipa de Thierry Fremaux tomou conciencia deste detalle? Cinco son os filmes españois que se presentan este ano na Croisette. A curta Decorado (Alberto Vázquez, 2016) na Quincena dos Realizadores, Mimosas (Oliver Laxe, 2016) na Semana da Crítica e Timecode (Juanjo Giménez, 2016), Julieta (Pedro Almodóvar, 2016) e La mort de Louis XIV (Albert Serra, 2016) – esta última fóra de competición – na sección oficial.

Hoxe Pedro Almodóvar entrou unha vez máis pola porta grande do Palais coa esperanza de gañar unha esperada Palma de Ouro, no país do mundo que mellor recibe o seu cinema. Os galos atopan a Almodóvar estrafalario e paixonal, e réndenlle un culto que non se compara con ningún outro. Coido que adoitan preferir as comedias, e nada diso atoparán en Julieta, unha das cintas máis dramáticas que o manchego teña filmado nunca. Adaptación de tres relatos curtos de Alice Munro – hoxe confesou ter pensado rodalo en inglés en Nova York inicialmente, para o que xa tiña ata actriz – o filme móvese entre dúas épocas con Adriana Ugarte e Emma Suárez interpretando a mesma muller. A parte de Ugarte, situada a inicios dos oitenta, semella unha revisión do primeiro cinema de Almodóvar dende unha estética moito máis preciosista e elegante, que contrasta con traballos como ¡Qué he hecho yo para merecer esto! (1984) o Pepi, Luci, Bom y otras chicas del montón (1980).

O cineasta da movida apaciguouse, a paixón segue a flor de pel, pero está ben máis contida. Atópase na música sempre estimulante de Alberto Iglesias – inspirada polo compositor de Ran (Akira Kurosawa, 1985) Tero Takemitsu por indicación do propio Almodóvar – e nunhas interpretacións soberbias das dúas actrices. A metade de Julieta son Ugarte e Suárez, e cumpren con creces. A traxedia marca a esta muller, e polo tanto a Julieta adulta é unha en constante estado de depresión e culpabilidade. Fronte a vitalidade de Ugarte, atopámonos ante unha Suárez que transmite todas as cargas da vida no seu rostro cansado (“a mirada non se pode maquillar nin caracterizar”, di o manchego). Unha interpretación confía máis na palabra, outra máis no corporal. Con esta estrutura de díptico, o filme transmite o sentimento da melancolía coma poucos, creando unha atmosfera surrealista e ao tempo próxima, como de, en efecto, conto tráxico. Conta xunto á música e o traballo das actrices unha fotografía e unha dirección artística cada vez máis exquisitas, que parecen ter ido cara terreos metacinematográficos cada vez máis evidentes dende Los abrazos rotos (2009). En Julieta síntese a tradición de cineastas como Roberto Rossellini ou Michelangelo Antonioni, todo é de gusto máis intenso, coma o viño ben envellecido.

A cinta, proxectada hoxe, revélase como unha das máis relevantes da sección oficial, en canto que encapsula unha das teimas deste Cannes 2016, as relacións paterno-filiais, dunha maneira moi persoal. Está a ser, como xa dixemos, un Cannes moi alegórico e de familias rotas, de mentireiros que se enganan a si propios e aos demais para seguir adiante na maraña sentimental e social que eles mesmos crearon.

Cando os lazos familiares se rompen, tamén a protagonista de American Honey (Andrea Arnold, 2016) decide fuxir, como a filla de Julieta. Únese a unha troupe de vendedores de revistas a porta fría e alí coñece a liberdade, ou se cadra outro tipo de prisión. A cinta parece case unha excusa para que Arnold poida cambiar os edificios de protección oficial e as pradeiras do Reino Unido polos moteis e estepas das carreteiras estatais estadounidenses. Cunha cámara en man moi apegada aos seus protagonistas e atenta a este contexto, Arnold crea outro fidedigno retrato da “white trash”, toda esa masa de brancos de clase obreira deixados de lado polo capitalismo salvaxe, o votante prototipo de Donald Trump (co que o filme chega a ironizar en dúas ocasións).

Sen chegar aos niveis de Spring Breakers (Harmony Korine, 2013), coa que American Honey ten certos paralelismos, este é un filme profundamente contemporáneo. Máis que os anteriores da súa directora, polo xeito que ten de integrar algunhas manifestacións culturais da xeración que retrata, como a música, expresións ou a linguaxe corporal, na súa narrativa. Sorprende ver a Shia LaBeouf tan correcto neste papel de rapaz fedello con inestabilidade emocial, porque ao final o filme non deixa de ser un culebrón. E que hai máis popular que un culebrón? American Honey é auténtica, unha viaxe ao camión no que viaxan estes rapaces, representados con xustiza e sen prexuízos, aos que se lles acaba por querer ao longo das tres horas que dura o filme sen mirar nin unha soa vez o reloxo.

Fóra de competición, presentouse o documental Hissein Habré, une tragédie tchadienne (Mohamet-Salem Haroun, 2016), con testemuños das torturados polo réxime do Chad. Mediante material de arquivo, entrevistas, representacións, filmación de documentos e narración en off (os recursos clásicos do cinema de non ficción de carácter máis reportaxeado) Haroun fai un filme de denuncia moi informativo e con historias humanas, pensado para concienciar.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario