CANNES DÍA 9: ALBERT SERRA E A AGONÍA DA CIVILIZACIÓN OCCIDENTAL

image

O enfant terrible do cinema español chegou ao noveno día a Cannes, e sorprendeu. Albert Serra presentou hoxe fóra de competición La mort de Louis XIV (2016), co mítico actor Jean-Pierre Léaud, que encarnara a Antoine Doinel nos filmes de François Truffaut, no papel protagonista. A elección deste tótem da interpretación en Francia para dar vida a un rei decrépito, postrado e moribundo non é casual. A morte de Luís XIV do catalán é a historia dunha agonía, pero non só a dunha persoa, senón a de toda unha civilización que rende culto ao enfermo, negándose a aceptar a súa morte, mentres aproveita os seus últimos momentos para saír da sala co seu cacho de pastel. Todos os conselleiros deste monarca úsano para o seu beneficio, ben se trate de construtores, curandeiros, curas ou médicos (que levan a cabo un sintomático expolio ao corpo nunha das últimas escenas da cinta).

E, a pesar desta crudeza, a posta en escena pode que se trate dunha das máis elegantes da filmografía do realizador, se cadra para agochar esta podedumbre moral do noso tempo e facela brillar co preciosismo dos filmes de época de Raúl Ruiz ou Luchino Visconti. Serra non admitirá estes referentes, dirá que inventa algo novo, pero o certo é que a linguaxe de La mort de Louis XIV entra máis nesta tradición que na emancipación da trama aplicada en traballos como El cant dels ocells (2008) ou História de la meva mort (2013), onde todo era performativo e o diálogo xa case nin importaba. Outra das súas constantes sempre foi rodar moito e montar pouco, construíndo o filme durante a filmación. Pola contra, esta é unha película moi falada e cunha planificación extrema, ata o punto de que seguramente nin unha escena quedou na sala de montaxe. Sorprende polo tanto este xiro de Serra cara un maior academicismo, cando menos na superficie. Porén, o tempo narrativo segue a procurar unha sorte de suspensión, logrando que a agonía dun Léaud contido e case inexistente se prolongue ata dúas horas, nas que o acompañamos postrado na súa cama. E este sentimento, que tan ben logra transmitir o filme, é o que conta. Podía ter Serra aproveitado para desenvolver máis o entorno do xefe de estado, pero ás veces menos é máis, e esta contención acaba por ter unha maior carga política e un sentimento máis universal.

Pola parte do cinema en competición, o romanés Cristian Mungiu volve con outra fábula moral na liña de moitas outras desta edición con Bacaulaureat (2016). O director de Catro meses, tres semanas, dous días (2007) constrúe unha intensa historia centrada nun pai que fai o que sexa para que a súa filla saque boas notas na selectividade e poder ir a unha prestixiosa universidade inglesa. Recentemente agredida, a rapaza, boa estudante, non pode concentrarse e o seu proxenitor teme que un erro dun día arruíne a súa vida. A partir deste punto de partida, Mungiu usa esta trama familiar e lévaa a termos políticos para denunciar a corrupción inherente ao carácter romanés (atreveríame a dicir que non é unha característica exclusivamente romanesa). O pai non ten problemas en atopar vías para arranxar as notas da súa filla, e o conflito da cinta céntrase no dilema entre facer o que un debe facer para alcanzar os seus obxectivos, ou manterse fiel a si propio sen importar o que un acade. O protagonista, decepcionado ante os embites da vida, proxecta na súa filla as súas ganas de triunfar cando xa non hai marxe de manobra para el. De portas afora, é un médico exemplar, pero no privado engana á súa muller con outra, é capaz de arranxar os resultados académicos da súa filla, ou ir romperlle as pernas a quen considera o agresor desta.

Como acontece con moitas outras cintas deste Cannes 2016, esta reflexiona sobre o que mostramos dentro das convencións sociais e o que realmente somos, cal é a natureza humana á hora de sobrevivir e onde están os nosos límites. Nesta liña, Bacaulaureat é unha das películas que mellor definen o conflito, cun guión cheo de afilados diálogos e unha posta en escena de métrica teatral. O formato 16:9 enfronta un corpo con outro, pois o filme móvese sempre en confrontacións entre personaxes, nunha continua batalla dialéctica entre as dúas formas de ver a vida, e crea planos secuencia sinxelos e dunha simetría sen igual. Mungiu decide mostrar as caras dos seus personaxes ou as súas costas dependendo de cal sexa a relación entres eles (de honestidade ou engano) e crea con este sinxelo xogo unha dramaturxia que mantén durante todo o filme, con resultados de tensión máxima, como é habitual nel.

Recuperamos tamén da competición Personal Shopper (Olivier Assayas, 2016), cinta de xénero na que Kristen Stewart interpreta unha médium na procura dunha conexión co seu irmán recentemente falecido, ao tempo que é a encargada de comprarlle a roupa e as xoias a unha modelo de éxito. O último do francés xoga sen prexuízos coas convencións do cinema de fantasmas e o slasher para levalas a puntos de ridículo absoluto, sendo Personal Shopper unha curiosa comedia na que non se conta ningún chiste nin hai gag algún. Toda a gracia está no metacinematográfico. Unha película tan irregular como audaz, só apta para cinéfilos amantes do xénero.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario