CANNES 2018 EP. 2: JAIME ROSALES CONQUISTA NA QUINCENA

IMG_1359

Jaime Rosales, unha das participacións españolas na Quincena dos Realizadores, sorprendeu cando dixo que ía filmar Petra (2018), unha sorte de traxedia grega posta ao día que contaría no elenco con Alex Brendemühl, con quen xa traballara na súa ópera prima, Las horas del día (2003), e con Bárbara Lennie como protagonista. Dende esa película inicial, tamén estreada en Cannes, o barcelonés tense caracterizado por desenvolver historias de corte social, ás veces con ETA de por medio, sempre pegado á rúa, cunha aproximación que imita a realidade ata o punto de experimentar cos ritmos da nosa gris monotonía. Máis vangardista nos seus inicios e quizais máis domesticado no último que nos dera, Hermosa juventud (2014), o certo é que Petra soaba a abstración en certa medida e tiñamos curiosidade por ver como resultaría o que se intuía coma un cambio de estilo.

Hai que dicir que nos atopamos, seguramente, ante a película de apariencia máis clásica da filmografía de Rosales, mais só na superficie. A súa evidente experimentación coa imaxe ou o son fica aquí reducida, depurada, a movementos de steadycam que debuxan, cal os brochazos da pintora Petra, os trazos que van compondo esta trama familiar contada por capítulos desordenados no tempo. Esta estrutura ao Quentin Tarantino permítelle a Rosales proporlle un xogo de expectativas ao público, que, coñecedor dos prototipos da traxedia que desenvolve, faino traballar nesta deconstrución do xénero. É Petra, a pesares da súa profunda trama, unha comedia introspectiva de sorriso interno, con puntos de fuga que nos permiten relaxarnos. Trátase dunha fita de destacable fineza, de momento a única deste Cannes que achega unha procura e, polo tanto, a nosa preferida destas primeiras xornadas.

Wildlife - Still 2

Atracción do indie

As americanas teñen un idilio con Venecia. É por iso que a nómina de grandes nomes ianquis en Cannes este ano chama a atención e preguntámonos se obedece a algunha estratexia de captación de talento. Xunto a todo o que agardamos de Gordon Mitchell na oficial e a feliz volta de Spike Lee ao pedestal dos autores logo de anos na sombra con filmes de pouco impacto, na Semana da Crítica decidiron abrir co debut do actor Paul Dano na dirección, Wildlife (2018).

A min este tipo tenme gañado dende Pozos de ambición (There Will Be Blood, Paul Thomas Anderson, 2007) pola súa intensidade e intelixencia. Ao elixir a Carey Mulligan como a súa actriz principal, demostra o mesmo bo gusto no casting. E é un bo director? Digamos que é un alumno aplicado que, adaptando xunto á súa compañeira Zoe Kazan a novela de Richard Ford, conseguiu realizar unha película de época de qualité cunha gran ambientación na Montana rural dos anos cincuenta. A súa estilosa posta en escena e as decisións de arte transpórtannos ás veces a un cadro de Edward Hopper ou a unha fotografía de Walker Evans, mais é na relación a trío entre o crío protagonista (ollo con Ed Oxenbuld) e os seus pais en crise, interpretados magníficamente por Jake Gyllenhaal e Carey Mulligan, onde se atopa o meollo. O filme vese a través dos ollos do adolescente, cun padre rudo e orgulloso, cunha visión simple da vida, de bo corazón, mais posesivo; e unha nai con carácter e resolutiva, atrapada nunhas normas que a reclúen como ama de casa. A marcha do marido por traballo suporá para ela unha liberación, volvendo a vivir como solteira, mais levará tamén á hecatombe da relación, á que asiste con resignación e comprensivo o rapaz. A pesar dos lugares comúns, Wildlife logra manter o interese polo traballo das súas interpretacións e a delicadeza da súa aproximación visual.

Meterse nunha sesión da Semana é como abrir un Kinder sorpresa. Reluce por fóra, pero a saber que hai dentro. Sempre nos achegamos con ilusión de atoparnos con algo que nos apaixone. Faino Egy Nap (One Day, Zsófia Szilágyi, 2018)? Gústanos. Trata un tema recorrente como é a separación dunha parella por unha infidelidade. A muller que a sofre vive a súa particular xornada logo de coñecer a verdade un tanto fóra de si. O filme, que en certa medida trata un tema similar a Wildlife, resulta ser un retrato sinxelo mais efectivo dese día. Polo tratamento do tempo, recorda un pouco ao cinema romanés que adoita pasar por Cannes no último par de décadas, mais cun dispositivo que se sinte transparente. Egy Nap fainos literalmente convivir con esta muller, sen que a cámara se perciba. É o pequeno milagro desta ópera prima a celebrar.

IMG_1358

Ración diaria da oficial

De volta á sección oficial, hoxe puideron verse Leto (Kirill Serebrennikov, 2018) e Yomeddine (A.B. Shawky, 2018). O ruso, quen hai dous anos xa presentara aquí The Student (2016), trasládanos en Leto ao Leningrado de 1981, cunha florecente escena rock que recolle a influencia de bandas como Led Zeppelin ou David Bowie. O filme intenta ser un retrato desa época e contexto, narrando o periplo ás púas de músicos como Víktor Tsoi, que se converteu nunha referencia no seu país á fronte do grupo Kinó. Con formato de biopic, un dos groupies que os acompaña, rachando a cuarta parede, defíneo moi bien na primeira aparición do personaxe en pantalla: “non se parece a el”. En efecto, nada se parece á realidad nesta aparatosa película, que acaba converténdose en sufrido musical con covers da música que influenciou a estes rapaces. Así, habitantes de Leningrado bailan e cantan grandes hits para acompañar o periplo vital e artístico dos mozos, onde non pode faltar a historia de amor. Leto non é mala, pero é tan correcta que doe.

Yomeddine, como ópera prima, a única na competición oficial, supuña unha das novas incorporacións de Cannes. Esperabamos poder atoparnos con algunha sorpresa nesta aventura dun leproso e un rapaz orfo por Exipto, na que deixan a súa colonia para buscar a familia que lles queda. Trátase dunha road movie amable e inofensiva da que dá preguiza ata comentar algo. Que comentar? A sección oficial vai de mal en peor. Ogallá alce mañá o voo con Pawel Pawlikowski, Jean-Luc Godard e Jia Zhang-Ke. Agardamos un bo comezo da fin de semana.

Comments are closed.