CATÁLOGO DE PRÁCTICAS AVANZADAS: RESEÑA DE ‘MOVIE MUTATIONS’
Movie Mutations é unha colección de artigos coordinada polo crítico estadounidense Jonathan Rosenbaum e mailo australiano Adrian Martin, editado por primeira vez en inglés no ano 2003. Dende aquela, este volume converteuse nunha referencia obrigada nos estudos sobre cinema porque, á marxe do interese particular dos seus textos, formulaba unha serie de cuestións que actualizaron o debate sobre como ver e pensar as imaxes, fornecendo a críticos, académicos, programadores e, sobre todo, aos propios cinéfilos, de ferramentas para reflexionar sobre o cinema. O libro fuxía das certezas e propuña no seu lugar preguntas abertas, dende porqué un estilo ou unha estética son relevantes até o tema da educación do gusto, poñendo ademais en pé de igualdade ás novas prácticas transnacionais cos xéneros máis clásicos.
A obra foi recibida como un manifesto da nova cinefilia, sobre todo no tocante ao seu internacionalismo: os seus quince autores pertencían a unha ducia de nacionalidades diferentes e non todos empregaron o inglés como lingua franca: algúns escribiron os seus textos en francés, alemán ou castelán, mentres que o persa e o xaponés actuaron como linguas-ponte na redacción dalgúns artigos. As propias cartas que deron orixe ao proxecto foron publicadas en media ducia de idiomas antes de chegar á súa edición definitiva (1), de xeito que as traduccións resultaron determinantes para non pechar eses textos nos seus respectivos guetos lingüísticos. Por iso, a súa nova publicación en castelán no pasado outono pola editorial Errata Naturae (baixo o título Mutaciones del cine contemporáneo) supón unha peza máis dunha cadea adicada á difusión de novas ideas sobre como entender o cinema no novo milenio.
O libro ‘en proceso’
Os ‘mutantes’, o termo co que estes críticos se nomearon a si mesmos, comezaron hai máis dunha década a trocar cartas e ideas sobre a súa percepción do cinema contemporáneo, atendendo tanto aos filmes dos seus autores de cabeceira como ao xeito no que as prácticas de visionado ían mudando cos anos. Jonathan Rosembaun enviou en 1997 unha primeira carta a Adrian Martin, Kent Jones, Nicole Brenez e Alex Horwarth na que plantexaba a sincronicidade nos gustos dunha nova xeración de críticos nados arredor dos anos sesenta. Esa sincronicidade, como teorizaría despois o estadounidense, consistiría na “aparición simultánea dos, aparentemente, mesmos gustos, estilos e/ou temas en distintas partes do mundo, sen ningún sinal de que estes riscos comúns e sincrónicos se teñan influido mutuamente” (2). Semellante intuición foise facendo realidade a través dos encontros destes e doutros críticos no circuito de festivais, así como dun incesante intercambio de emails. Aquela primeira carta de Rosenbaun puxo en movemento todo un proceso de creación colectiva que, durante cinco anos (de 1997 a 2002), foi conformando un corpus de textos onde ‘os mutantes’ souberon cartografiar algunhas das tendencias clave do cinema do presente.
Esta escritura interactiva permite ler Movie Mutations case coma unha metanovela de non-ficción sobre a creación dun consenso crítico. O resultado (a publicación do libro), igual que en moitos documentários das últimas décadas, inclue a súa propia xestación (os debates que deron lugar ao libro). Iso é o que diferencia a esta obra de tantas outras de autoría colectiva: non só é unha escolma de artigos variados que os seus autores decidiron publicar nun mesmo volume, senón que é a crónica de como se foi teorizando unha sensibilidade cinéfila común que hoxe ocupa unha posición moi relevante no debate crítico.

De esquerda a dereita e de arriba a abaixo: Adrian Martin, Jonathan Rosenbaum, Nicole Brenez e Kent Jones.
As ‘pezas’ do manifesto
A autoconsciencia desta escritura atravesa todas as ‘pezas’ do volume, dende as dúas roldas de correspondencia até os obrigados ensaios sobre os cineastas de cabeceira desta nova cinefilia (Abbas Kiarostami, Tsai Ming-liang e Hou Hsiao-hsien). Algúns destes artigos están redactados cun estilo xornalístico mentres que outros adoptan un enfoque máis académico, unha perspectiva que é, en sí mesma, o verdadeiro tema dos textos asinados por Adrian Martin: a súa análise dun xénero tan clásico como o musical insiste, ante todo, na necesidade de ampliar o discurso académico cara un escenario transnacional e multidisciplinar, unha proposta que volverá a aparecer unhas páxinas despois no seu debate epistolar con James Naremore sobre o futuro dos film studies.
O libro vai confirmando a práctica do diálogo transnacional como o xeito máis axeitado para construir e poñer a proba novas teorías, como amosan os artigos sobre o estado do cinema despois do 11-S ou a comparación entre os tótems da cinefilia histórica (Howard Hawks) cos nomes descoñecidos que aínda están por descubrir, aínda que sexa retrospectivamente (Yasuzo Masumura). A insistente procura cinéfila da next big thing vai, segundo esta obra, dos arquivos da avangarda ás seccións oficiais dos festivais de cinema, e por iso inclúe a crónica dun deles (o de Rótterdam), sinalando o seu rol coma un dos foros máis atentos á emerxencia de novas correntes estéticas. Por último, a práctica da crítica en sí mesma tamén colle neste volume, como amosa o texto de Rosenbaum sobre O círculo de Jafar Panahi, onde falar dun filme implica tamén falar de política internacional.
O exemplo de Movie Mutations proba daquela que a crítica pode ser algo máis ca publicidade para as distribuidoras. Alexander Horwath xa advertía na súa carta da necesidade de trascender actitudes pesimistas, publicitarias ou irónicas na escritura sobre cinema, mentres que Nicole Brenez lembraba na súa que o crítico sempre debe ser un francotirador “que se alonxa da lóxica da industria para mergullarse na investigación doutros tipos de cinema” (3). Partisán algunhas veces, para ser capaz de distinguir entre os productos da industria, mais nunca un colaborador: os mellores textos sobre cinema serían, polo tanto, os que se escriben con espíritu crítico, bagaxe cinéfila (4) e independencia de criterio. Velaí o modelo a seguir.
__________
(1) A revista francesa Trafic foi a primeira en publicalas, todas elas en francés, e despois apareceron tamén nas revistas Skrien (en holandés), Meteor (en alemán), Close-up (en italiano) e Film Quarterly (en inglés). Existe tamén unha primeira traducción castelá parcial publicada pola editorial arxentina Nuevos Tiempos.
(2) Hasumi, Shigehiko & Rosenbaum, Jonathan (2010) [2003]: “En japonés no existe el plural. Viaje de ida y vuelta de Masumura a Hawks” en Rosenbaum, Jonathan & Martin, Adrian (coord.), Mutaciones del cine contemporáneo. Madrid, Errata Naturae, 128.
(3) Brenez, Nicole et al. (2010) [2003]: “Mutaciones del cine contemporáneo. Segunda ronda de correspondencia”, en op. cit., p. 305.
(4) Naremore, James e Martin, Adrian (2010) [2003]: “El futuro del estudio académico de cine”, en op. cit., p. 231.
__________
Autores: Jonathan Rosenbaum e Adrian Martin
Editador por Errata Naturae. Dispoñible por 22,90 euros.