OBRADOIROS DE VIDEOGRAFÍA E CINEMATOGRAFÍA PARA A XUVENTUDE


EXPERIENCIAS E METODOLOXÍAS EN CINEMA E EDUCACIÓN

Cando, no curso académico 2005-2006, comecei a impartir obradoiros de vídeo nun instituto de Badia del Vallès, a miña proposta era basicamente filmar e proxectar unha serie de vivencias cun grupo de mozos e mozas duns 14 anos. Os grupos eran bastante grandes, até 30 alumnos, mais xogabamos coa dobre vantaxe de contar cunha profesora do centro responsábel da aula, e a propia motivación e curiosidade dos alumnos. Tratábase, por tanto, de alternar sesións de gravación e visionado: rodar con pequenos equipos mentres o resto da aula traballaba o guión e ver todos xuntos o material nunha grande sala ben acondicionada, con proxector, unha pantalla duns dous metros de altura e un bo equipo de son. Ao longo dos sucesivos trimestres, en dúas sesións semanais dunha hora, fomos perfeccionando o método con diferentes grupos de alumnos que, durante tres meses, tiñan a oportunidade de experimentar e gozar cun obradoiro de introdución á videografía e, na medida do posíbel, tamén á cinematografía.

As primeiras sesións servían para tomar contacto cos dispositivos e o propio docente. Pediamos aos alumnos que preparasen unha breve presentación e falasen dalgunhas afeccións. Traballamos en parellas, un alumno falando ante a cámara e o outro rexistrando detrás, familiarizándose con algunhas nocións básicas como encadre ou monitorización do son. A proxección de todas estas presentacións seguidas permitía xa entrever o potencial da montaxe, cando o conxunto de fragmentos quedaban ensamblados nunha peza maior.

Na segunda parte do curso en grupos de 4 a 6 alumnos levábase a cabo a rodaxe ao tempo que o resto traballaba no guión, tanto literario como gráfico. Durante a propia sesión de gravación, este completábanse cun guión técnico concibido e montado en quente, que posteriormente era avaliado e discutido na sala de proxeccións. A nivel formal traballamos sempre con planos fixos feitos con trípode, unha limitación autoimposta para evitar a dispersión das gravacións cámara en man, algo que ademais axudaba a unificar as composicións e a traballar a continuidade a través de cortes obrigados fronte a planos-secuencia interminábeis. A nivel temático os rapaces optaban habitualmente por traballos ligados ao fútbol, as mozas tendían traballar máis a imaxinación e o drama. Desde o comezo propuxémonos non inverter demasiado tempo nos aspectos técnicos e tecnolóxicos (o acceso ao software e hardware era limitado) e interesábanos sobre todo experimentar ao máximo que pasa cando se pon en contacto unha serie de imaxes e sons similares. En certo modo poderíase dicir que traballabamos a montaxe na sala de proxeccións, en lugar da moviola, para apuntar algo máis alá da informática e as novas tecnoloxías dixitais.

Un grupo de mozos no obradoiro audiovisual da Fundación Marianao

Descoñezo que terá sido do feixe de cintas Hi8 que acumulamos ao longo de varios cursos, un material “en bruto” de grande beleza que os alumnos de xeito efémero gozaron enormemente. A posterior colaboración nun proxecto da UNESCO e o 2Cat poría de manifesto, a finais do curso 2006-2007, as numerosas trabas legais ligadas á cesión de dereitos de imaxe de menores. Por outra banda, o método sería exportado a diferentes asociacións e escolas, desenvolvendo en ocasións nocións máis avanzadas: foco, exposición, movementos de cámara, ritmos… A finais do 2008 a colaboración con Jordi Oriola permitiu impartir e, ao mesmo tempo, filmar un novo obradoiro para mozos na Fundación Marianao de Sant Boi, esta vez si con sesións de montaxe ante a pantalla da computadora. De este encargo xorde un documental que xusto agora se presenta e que, en boa medida, recolle a bagaxe de estes anos.

En calquera caso, máis alá de resultados concretos, penso que o traballo levado a cabo nestes anos pode ter axudado a despertar a sensibilidade auditiva e visual dalgúns rapaces e rapazas ou, cando menos, a mellorar as súas defensas cara o incesante fluxo audiovisual que enturba a súa conciencia e as súas emocións. A nivel socio-pedagóxico, o traballo de observación e reflexión sobre o entorno e os propios mecanismos de captación e reprodución audiovisual, probabelmente suxiren novos potenciais relacionais nos medios social e audiovisual, ao tempo que melloran a agudeza perceptiva e o espírito crítico dos alumnos. Porén, mais alá da dimensión puramente intelectual e funcional, tal exercicio de expresión pode ser concibido como unha semente que podería repercutir para sempre en futuras xeracións, ou ben podemos concibirnos a nós mesmos sen as aprendizaxes en debuxo, pintura, escritura, poesía, danza, música, teatro, manualidades… que tanto nos marcaron?

Descarga aquí o arquivo na súa versión orixinal en catalán

Comments are closed.