CERTAIN WOMEN, de Kelly Reichardt

33 Certain Women 2

Reichardt’s Cutoff

Kelly Reichardt continúa neste novo filme co seu traballo, case sociolóxico, de reflexionar sobre a América profunda, rural e esquecida;ese vello e mítico Oeste, o territorio máis recorrente na súa filmografía: Oregón en Old Joy (2006), Wendy and Lucy (2008), Meek’s Cutoff (2010) e Night Moves (2013), e agora Montana en Certain Women (2016). Esta América desencantada e abandonada, vítima da globalización e da especulación financeira, semella presa dun dilema existencial, ondeo conflito entre a permanencia e a mudanza está sempre latente.

Certain Women continúa tamén, noutro sentido, outro territorio. Os temas recorrentes na súa obra son moi visíbeis. Michelle Williams está alí para deixar iso claro, logo dos seus significativos papeis en Wendy and Lucy e Meek’s Cutoff. A condición feminina, que se explicita dende o propio título do filme, volve ter un lugar discreto mais central no relato, aquí multiplicado por tres protagonistas femininas que loitan e afrontan distintas situacións de enfrontamento de xénero.

Reichardt, ben posicionada dentro do cinema independente norteamericano, traballa tamén coas convencións dos xéneros cinematográficos, dende os rexistros obvios da road movie en Old Joy, o western en Meek’s Cutoff, o thriller en Night Moves e o melodrama en Wendy and Lucy. A cineasta recoñece a súa fascinación polo New Hollywood dos anos setenta, pola súa vontade de traballar e reconfigurar as convencións dos xéneros cinematográficos máis clásicos. Reichardt engade a ambigüidade necesaria para facernos sentir incómodos ante aquilo ao que estamos familiarizados ou que é máis previsíbel, quérenos expulsar da nosa ‘zona de confort’ como espectadores para obrigarnos a mudar a nosa relación co relato.

33 Certain Women 3

Ese é o camiño de Certain Women: nunha estrutura aparentemente melodramática –hai toda caste de dramas persoais e familiares– o filme escamotea calquera enfrontamento, evita os momentos climáticos ou catárticos previsíbeis, e fuxe dos estereotipos e convencións máis recorrentes. A acción non trata ren en particular, apenas unha serie de acontecementos monótonos e pouco atractivos. Semella, por iso, que non vai acontecer ren ás personaxes, atrapadas nunha rutina cotiá que perdurará, inalterada, logo do remate do filme. As historias das tres protagonistas de Certain Women sónchevos así, pouco máis: son tres mulleres comúns, mesmo anti-heroínas, iguais a tantas outras, con vidas monótonas e difíciles, con problemas persoais e profesionais, que semellan sentirse incomprendidas ou ignoradas, vivindo, polo xeral, na sombra da sociedade.

Reichardt interésase polos pequenos xestos do cotián, polos días normais, polos dilemas e polos conflitos latentes. O seu cinema é voluntariamente minimalista, onde a acción está puntuada por escasos diálogos que interrompen longos silencio. Reichardt pensa e fala así, transmitindo sentimentos e emocións complexas, a través deses silencios e desas rutinas. Silencio, prestai atención, ollai, escoitai.

Ler a versión orixinal en portugués desta crítica

Comments are closed.