OS CINÉFILOS GALEGOS, Á PROCURA DE SALAS

Meu tío conta nas comidas familiares a mesma historia, como unha vez ao ano, para seguir a tradición. De como a miña nai o levou ver un tostón de filme lentísimo, que non acababa máis. A experiencia debeuno deixar traumatizado, pois décadas despois, ese recordo segue vivo na súa memoria. Polo que din, era unha de Bergman. Non están seguros, mais cren que El manantial de la doncella (1960). Sempre gustei desa historia, porque como cinéfilo posmoderno (ou algo así), nunca tiven a oportunidade de ver, en provincias, estreas de autor en V.O. Na meirande parte dos casos, nin sequera o primeiro. Cos anos, estou a comprobar que nin en Madrid ou Barcelona teñen a oferta que adoitaba ansiar para a miña cidade de adolescente, a finais dos 90. Hai algo claro: o sector da distribución en España está cada vez máis polarizado. Ou grandes estreas de Hollywood, nos centros comerciais, ou a resistencia cultural, nas no seu momento chamadas salas de arte e ensaio. Agora, cineclubes ou filmotecas. E, de cando en vez, festivais. É certo que a rede dá acceso a moitas cousas, pero para min, o cinema é nas salas. O outro, é un simulacro do cinema.

O cineasta de vangarda Nathaniel Dorsky nunha presentación no CGAI.

Rede pública de salas. Unha utopía inalcanzable?

Por esta razón, estou moi contento de durante anos poder ter asistido, como coruñés, á sala do CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe), onde cada semana se programan grandes ciclos de cinema contemporáneo, clásico e moderno. As súas sesións atraeron a 11.000 espectadores a tempada pasada. A Federación de Cineclubes de Galicia (Feciga) contou, entre as súas 11 salas activas, con 25.000 cinéfilos que acoderon ás súas sesións. Pregúntome logo, se hai público, por que a administración non se decide a estender a programación da filmoteca a outros galegos, alén dos coruñeses. “É unha reivindicación histórica”, indica Manuel Precedo, o presidente de Feciga, que opina que, “xa que é un organismo que sostemos todos os galegos, debera descentralizarse”. Algo así se vén comentando dende hai tempo, hai xa anos. Por que non crear unha rede pública de salas de cinema de autor en toda Galicia? Xa hai cineclubes ou auditorios nas universidades que puideran servir de espazos de exhibición, sen poñer unha cadela máis. A Xunta só debera engadir unha parte mínima ao orzamento de programación da filmoteca – 100.000 euros -, para pagar máis pases nas licencias de exhibición das copias.

Concretemos. En que estado está a situación? Pois albíscanse os primeiros pasos desa descentralización, cun primeiro proxecto de proba co Cineclube Padre Feijoo de Ourense. “Agardamos que poida estar asinado o convenio para o outono vindeiro”, comenta Óscar Iglesias, programador do cineclube ourensán. Este convenio levaría “parte da programación do CGAI á Biblioteca Pública de Ourense”, indica Jaime Pena, responsable da selección de películas para a filmoteca. “Nós programamos Tabú, de Miguel Gomes, case ao tempo que se pasaba un ciclo con autores portugueses no CGAI; é unha mágoa que, podendo vir de alí esas películas, non se aproveite”, argumenta Iglesias.

Esta oferta viría a complementar, na biblioteca, a que xa dá o Cineclube nos Cinebox, unha vez á semana. Os filmes aquí elixidos adoitan ser estreas recentes en V.O. Non se aposta habitualmente por achegas máis rompedoras, porque nin sequera este cinema chega a Ourense durante o ano. “Con filmes como Un dios salvaje, de Polanski, ou Nader y Simín, una separación, superamos os 400 espectadores por sesión, o que dá unha idea de o que funciona mellor entre o noso público”, explica Iglesias. A todo isto, o ICAA di que o cinema comercial conta cuns 30-40 espectadores por sesión. Que é logo máis rendible?

Pero volvendo ao Cineclube, programar as cintas do CGAI todo o ano sería un suicidio económico para eles, pois agora mesmo deben pagar o alugueiro pola sala dos Cinebox, e se non conta cun índice elevado de espectadores, non poderán autofinanciarse. Os seus cartos saen do que achega o público e o concello, e esta tramitación é lenta. Aínda están á espera de confirmar o orzamento do ano que vén. “As cousas están moi xustas”, di Iglesias, que explica que, para poder contar con esta segunda sala na biblioteca, deberán convencer aos seus responsables para realizar uns amaños no proxector. Se isto vai adiante, a programación do CGAI en Ourense estará máis preto de ser unha realidade.

Se aquí sae ben, a idea é estendelo despois ao Cineclube Lumière en Vigo e, máis tarde, ao do Carballiño”, comenta Precedo. E como se sostén a programación deste cineclubes? Cotas dos asistentes, e concellos. O sistema é logo moi feble. A Feciga contou o ano pasado con 24.000 euros da Secretaría Xeral de Cultura, mais estes cartos non chegan na súa meirande parte aos cineclubes. Quedan para pagar a unha persoa que se dedica, todo o ano, a negociar prezos para as licencias de exhibición e coordinar estas partidas entre os cineclubes. Semella que este ano volverá haber axuda. As conversas co organismo que preside Anxo Lorenzo van ben, só queda asinar o convenio.

Adicionalmente a este trato entre o CGAI e a Feciga, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) di que non abandonou a idea desta rede, que está nestes momentos en “redefinición”. En correspondencia con este medio, indican: “A idea de partida é chegar a coordinar as salas de proxección xa existentes nos concellos, que conten coas instalacións e os equipamentos axeitados. A partir disto habería que cumprir con todos os trámites legais (coma o paso previo de darse de alta no Ministerio para a realización de tales actividades, etc.) de xeito que se puidera constituír un circuíto xeográfico (entre 10 e 15 pantallas en Galicia), que fora interesante tanto demográfica como socialmente. O obxectivo primordial sería ofrecelo ás compañías produtoras galegas para a estrea dos seus produtos, ademais de presentar nel unha programación alternativa á dinámica comercial. O papel da Consellería limitaríase en todo caso a potenciar a promoción desta rede e a labores de coordinación, asesoramento e información, deixando o deseño da carteleira artística á relación entre as empresas produtoras e aos interlocutores titulares das distintas salas”.

Mesa de debate en Cineuropa 2011 (Participantes de esquerda a dereita: Jaime Pena, Martin Pawley, José Luis Losa, Marta Gómez e José Manuel Sande)

Que programar?

Pero cómpre tamén preguntarse que pasarían estas salas. A idea do Cineclube Padre Feijoo de complementar ambos estilos, o do CGAI e o seu, non é nada mala. Dunha banda, están programando como unha sala comercial de V.O., para unha cidade que non a ten. Doutra, estarían a recibir ciclos con intereses historiográficos concretos, propostas moito máis diversas e para cinéfilos máis esixentes. Esta é a idea orixinal dos cineclubes, mostrar o que a industria deixa de lado, e que ten un claro interese cultural. Que un cineclube opte pola primeira vía dá unha idea de como están as cousas. Nada que obxectar neste caso, dadas as circunstancias. É case un imperativo industrial.

No 2005, cando nós deixamos o celuloide, a licencia de exhibición dunha copia estaba xa polos 300 euros, e súmalle transporte”. Fala Xan Gómez, un dos responsables do Cineclube de Compostela, que, cando parou de recibir axuda da USC e pechou a sala Yago, decidiron mudarse ao local da Gentalha do Pichel. A sala é diminuta comparada cun auditorio ou un teatro, non está correctamente insonorizada, e as butacas son cadeiras extensibles que se recollen ao remate de cada sesión. Porén, están encantados coas súa sesións. Xa non pagan dereitos de autor, proxectan todo en dixital e con subtitulado en galego, que eles mesmos confeccionan. “Os catálogos das distribuidoras estaban en español e non permitían isto”, indica Gómez, respecto da súa etapa en celuloide. Esta programación é un exemplo de aposta incondicional nun proxecto que, para o bo e o malo, é libre e conta cuns criterios moi claros de selección. Ourense e Compostela son dous modelos antagónicos de cineclubes, os dous válidos e exitosos nos seus obxectivos. Por que son así? Cada un deles cumpre a necesidade de “encher un baleiro”, di Gómez. Segundo a súa opinión, a oferta cultural na capital galega é paupérrima, o que resulta “paradoxal para unha poboación universitaria dinámica”. Pregúntase, se a semana pasada contaron con máis de 70 asistentes á sesión de VidaExtra, de Ramiro Ledo; como estaría un teatro que, dende a oficialidade, apoiase aos autores galegos.

Por que logo o Cineclube de Compostela pode apostar por esa radicalidade sen que os cinéfilos santiagueses queden sen ver o último de Cannes, Venecia ou Berlín? Pois porque existe Cineuropa. Se ben non hai en Galicia unha programación constante en V.O. de estreas de autor, esta mega-mostra de cinema, celebrada en novembro dende hai xa 26 anos, enche este baleiro de maneira exemplar. Corremos o risco de nos empachar, pero sempre é mellor acumular graxas para o inverno que morrer de fame.

O seu responsable, José Luis Losa, cre que esta fórmula de “festival de festivais ten cada vez máis sentido”, nun momento no que as salas de V.O. están a desaparecer, ata en Madrid. Respecto dos cambios realizados nos últimos anos, coma o aumento de retrospectivas, a maior presenza de filmes documentais ou unha sección moi inclusiva de películas galegas, explica que se fan “para non morrer de éxito”. O cinema muda, está claro. O seu público tamén. E, se ben hai dez anos, unha sección como a galega tería sido un disparate, hoxe vivimos unha “idade de ouro” do noso cinema, segundo Losa, que permite estes ciclos. A estratexia, dúas décadas e media despois, segue parecendo válida. 35.000 asistentes en 2012, en só tres semanas. Porén, a mostra non está libre da tesoira. De 400.000 euros en 2008 a unicamente 200.000 na pasada edición. Isto, segundo Losa, crea unha “inestabilidade” coa que custa traballar, tendo que axustar cada día máis os filmes a escoller.

A cineasta Naomi Uman impartindo un obradoiro no (S8) do pasado ano. FOTO: MARÍA MESEGUER

Para os festivais, as contas claras

Pero Cineuropa non é o único festival que sofre esta incerteza. O (S8) Mostra de Cinema Periférico d’A Coruña, que se celebra do 5 ao 8 de xuño, non soubo ata hai ben pouco se podería celebrar a súa cuarta edición. A redución orzamentaria por parte do concello foi do 80%. O seu director, Ángel Rueda, considera que “a achega é ridícula”, aínda que el sinta que conta “cun millón de euros de orzamento humano”. Di que, sen o compromiso dun equipo moi profesional, fiel dende a primeira edición do (S8), e as incorporacións máis recentes de colaboradores que proceden de festivais internacionais de prestixio como Xixón ou Sevilla, a mostra non sería posible. Boa parte dos equipos de Curtocircuíto en Compostela ou do Play-Doc de Tui están compostos por voluntarios, aos que os seus directores agradecen reiteradamente a súa entrega en cada edición. Non é unha cousa de quedar ben nas presentacións. Literalmente, sen estes voluntarios ou os salarios baixos que se aceptan nestes festivais para abaratar custos, non poderían seguir adiante.

A esta precariedade laboral únese a incerteza de non saber nunca ata o último momento con canto se conta, polo que facer plans a longo prazo é case imposible. Non importa que unha das principais referencias do cinema experimental de toda a historia do cinema, Peter Kubelka, visite A Coruña. Se cadra as administracións non entenden que esta xente ten unha axenda. Que llo conten tamén a Play-Doc, que logo de esforzadas negociacións logrou ter en Tui a Artavazd Pelechianen 2012, unha lenda viva do cinema de vangarda que non pisaba un festival dende que Godard fumou o seu primeiro puro, ou por aí. “Segundo El visor del cortometraje, Curtocircuíto está na terceira posición no ranking dos 100 festivais de curtas de España, e é unha referencia en Europa”, indica o director do cerame, Tim Redford. Isto non impediu que o orzamento pasara de 340.000 euros en 2008 a 112.000 en 20120. Este ano volve baixar, a saber canto – perdeu os apoios do ICAA, a Xunta e o programa MEDIA; agora depende só do concello e a Deputación da Coruña – e, de momento, as datas de celebración están pospostas.

Os recortes son brutais, dende logo, mais o feito de non saber con que orzamento se conta é igual de malo. “Iso dificulta a supervivencia”, opina Ángel Sánchez, co-director do Play-Doc, e continúa: “Ás veces non sabes moi ben que hai que facer para que te tomen en serie, cando xa levas dez anos probando que por programación, por público ou por presenza nos medios, o festival ten a súa repercusión social”. O que demandan todos estes directores é que haxa “unhas regras de xogo que non se modifiquen continuamente”, en palabras de Sánchez, ou “uns criterios obxectivos para saber a que aterse”, prefire Losa. Tim Redford recorda que en Galicia xa houbo hai pouco unhas axudas “con criterios ben definidos e convocadas con tempo”. Indica que son habituais noutros países de Europa: “É sinxelo, unha convocatoria pública – aberta a todos – cunha comisión pública que valore os proxectos con criterios de puntuación. Nada máis, nada menos”. Rueda opina que parte da responsabilidade de que estas se convoquen reside nos festivais, e que debera haber unha “unión de forzas” entre os certames para seren máis efectivos á hora de realizar este tipo de demandas. De momento, dende a AGADIC non achegan información nova sobre o asunto. O recente nomeamento do seu director, Jacobo Sutil, e a ausencia dun responsable da política audiovisual, en proceso de escolla por concorrencia competitiva, provocan que este tema estea aparcado ata o nomeamento da persoa que ocupe finalmente o cargo.

Comments are closed.