A CINEFILIA NOS TEMPOS DO EMULE

A finais dos anos noventa, un cinéfilo de provincias tiña moi poucas oportunidades para ter unha oferta cinematográfica variada. As súas achegas ao cinema seguramente se reducían aos filmes de Hollywood e aos clásicos europeos que os medios publicitarios aceptaran como válidos. Os cinéfilos que somos de pequenas vilas non coñeciamos filmotecas nin festivais, e o noso contacto coa versión orixinal reducíase a unhas poucas sesións de madrugada nalgunhas canles de televisión. Internet veu a cambiar iso. Moitos chamárono a democratización da cultura, con todo o bo e malo que pode ter o termo. A rede cambiou a nosa forma de consumir o cinema. Foi unha ferramenta crítica contra o discurso académico oficial. Un dos primeiros recordos que teño do emule foi cando un familiar me dixo que un amigo seu descargara un filme tras días co ordenador aceso e gastando toda a súa liña telefónica. Foi o principio.

É difícil establecer se a descarga de películas de internet comezou como forma de ver películas gratis, pero dubídoo moito. Naceu como forma de coñecemento, a través de foros e chats especializados en cinema. De xente que descubría filmes e cineastas dos que se falaba con paixón e nunca antes escoitara falar. Primeiro Bergman, Kurosawa ou Rossellini, hoxe moi recoñecidos, pero fai quince ou vinte anos non era fácil encontrar cintas súas fora das capitais. Despois Bresson, Ozu, Godard ou Antonioni. E logo Oliveira, Straub, Kramer ou Garrel. Foi un proceso lóxico provocado polo desexo de coñecemento. Hoxe en día todos estes directores teñen editada a súa obra completa (ou case) en DVD, pero fai dez anos había que facer buscas complexas no emule para atopalos. Buscar a Patrick Tam cos nomes das películas en chinés ou probar toda unha serie de combinacións de iniciais de cineastas e películas na procura dun incunable, dunha película secreta nese arquivo inesgotable do edonkey, logo emule.

Entón non creo que moita xente descargase estreas comerciais. O emule é un programa lento, que só baixa a altas velocidades cando tes unha grande cantidade de arquivos na bandexa de descarga, algo difícil de acadar cando os discos duros non eran o suficientemente grandes para albergar moitos filmes. Cando o emule foi relegado por outro programa p2p moito máis rápido e máis fácil de configurar coma o torrent, si que comezou a ser un medio de masas que ía contra os intereses dos distribuidores e produtores cinematográficos. Logo as descargas directas, pando e outros programas de alta velocidade que converteron as descargas en pura consumición masiva. Páxinas de torrent que listaban todas as estreas semanais o mesmo venres que chegaban aos cinemas, as veces mesmo antes. Pero tanto o torrent e as descargas directas tiñan (e teñen) un grande problema, a súa durabilidade na rede é moi limitada. Os links dos servidores caducan facilmente e os torrents quedan sen sementes, xa que o protocolo do programa non permite cambiar de nome nin de ubicación os arquivos que compartes. Iso fai que o frenesí por baixar se multiplique. Baixar para gardar, antes de que o arquivo desapareza. E o peor de todo, hai unha diferencia abismal entre o que comparte (seeder) e o que baixa (leecher). Entre o que pasa horas subindo un filme a un servidor e o que descarga nuns poucos minutos. Rómpese o equilibrio do emule: a túa velocidade de descarga depende da túa capacidade para compartir megas con outros individuos. Unha lei de reciprocidade.

Por iso, o emule segue sendo o programa favorito de aqueles que defenden o libre intercambio de arquivos na rede. O emule naceu en paralelo ás comunidades de internet. Os foros e os chats de cinema onde calquera persoa podía compartir os seus coñecementos sobre cineastas. Compartir experiencias e informacións, que levaron a un traballo colectivo de recuperación e descuberta de moitos cineastas, tamén a unha maior accesibilidade das obras, coma no caso de La chinoise de Godard, subtitulada durante meses por una serie de valentes internautas anglosaxóns. Ou o ripeo de vellas coleccións de vhs tanto orixinais como gravados da televisión. Recordo unha sesión do cineclube de Compostela onde pasaron un TVRip de Point de départ, de Robert Kramer. Foi a primeira película que vin do director, ata entón un enigma, un nome máis nas antoloxías de Cahiers du Cinéma que soñaba descubrir nun futuro lonxano. A día de hoxe, ese TVRip segue sendo a mellor copia que se pode encontrar da película.

Con internet, ademais do desexo de baixar, descubrir e compartir, existe o desexo de ordenar e catalogar. Así, case todas as grandes comunidades de emule teñen amplas filmografías e retrospectivas de directores, de cinematografías nacionais ou de xéneros. Se cadra todo comezou cando un grupo de usuarios das comunidades españolas de emule decidiu reaccionar ante a presenza maioritaria de cinema contemporáneo nos foros creando unha comunidade específica de cinema clásico. O resultado foi divxclasico (DXC), páxina decana que sobreviviu á súa matriz e tamén a moitas que xurdiron despois. É posible que esta web sexa a maior mediateca de cinema en español que existe. A lonxevidade de divxclasico explícase pola súa sólida rede de usuarios que ficou fiel ao emule nos anos de dominio das descargas directas. Cando a lexislación se volveu máis agresiva contra as descargas, a maioría de páxinas de torrent e de descargas directas desapareceron, porque eran maioritariamente comunidades de leechers que só buscaban “cine gratis”. Non existía a idea de compartir, a reciprocidade da que falabamos antes. A lóxica das páxinas de enlaces directos consiste nun grupo pequeno de usuarios que administra a páxina e subministra ligazóns e un amplo número de usuarios que non só descarga, senón tamén esixe a reposición de filmes que caducaron ou de subtítulos en castelán. No fondo, o que provocou a supremacía das descargas directas durante tanto tempo foi que as comunidades de internet adoptasen a ideoloxía de mercado, da consumición masiva, cando naceran precisamente para reaccionar contra iso. Unha descarga de depositfiles (por poñer un exemplo) apenas leva unha hora cunha conexión convencional. Se tes unha boa conexión, pode ser cuestión duns poucos minutos. Recordo nunha ocasión que comecei a ver un filme na televisión e farto das pausas publicitarias decidín buscar unha descarga. Atopala e baixala levoume menos tempo que o que tardaron en volver dos anuncios.

"O que provocou a supremacía das descargas directas durante tanto tempo foi que as comunidades de internet adoptasen a ideoloxía de mercado, da consumición masiva".

Pola súa banda, o emule continúa a unha velocidade lenta pero segura. Coa mellora das conexións e dos sistemas de almacenamento as bibliotecas creceron desorbitadamente, aínda que en moitos casos víronse resentidas pola competencia doutros métodos de descarga. Moitas comunidades pechadas de torrent (Karagarga, por exemplo) ou de servidores de descarga directa (SMz) reaccionan violentamente cando algunha das súas exclusivas transcende esas páxinas. De novo, o ideal de comunidade aberta en perigo. As páxinas de torrents convertéronse en grupos elitistas onde para asegurar a vitalidade e a durabilidade dos torrents se esixe ter un ratio mínimo. Webs como Karagarga, Cinematik, Cinemageddon ou AsianDVDClub esixen aos seus usuarios unhas condicións que no emule dánse de maneira natural, polas propias características do programa. Os mellores ripeadores do mundo publican no emule porque non hai limitacións nin regras. Calquera película pode ser posta no incoming do emule e que a xente a comparta. En foros como Karagarga ata fai pouco había que cumprir unhas normas de codificación das películas para que fosen compatibles con reprodutores de sobremesa.

Outra das grandes vitorias do emule foi terminar coa supremacía do formato avi e do codec XViD. Este código de ripeo foi durante anos a norma de tódolos ripeadores, porque permitía unhas limitacións de espacio e gran compatibilidade cos reprodutores de sobremesa. Calquera lector de DVD dos últimos anos pode ler un avi e un XViD, pero moi poucos len mkv e o seu código máis asociado, o x264. Por esta razón, os filmes en mkv permaneceron durante anos relegados, a pesar de que co codec x264 podes lograr uns ripeos que apenas se diferencian do DVD orixinal, mentres que o XViD antepón criterios de compatibilidade e a compresión sobre a calidade, dando en moitos casos copias de moi baixa calidade.

Se algo non conseguiron as comunidades de internet foi facer que a xente se preocupase pola calidade do que estaba vendo. Que o usuario medio se preocupase de conseguir a mellor copia posible na rede. España é un país moi deficitario nese senso, xa que os filmes séguense vendo dobrados ao castelán ou ao galego (aínda que neste último caso pode entenderse máis ben como unha interpretación da obra orixinal1) e en moitos casos mutilados no seu formato. É certo que hai un amplo grupo que xa ten en conta estes temas, pero non é un sentimento maioritario. E tampouco no estranxeiro. Recentemente fixen un novo dvdrip dunha película da que só existía un tvrip de moi baixa calidade. Con moita amabilidade, outros usuarios fixeron subtítulos en castelán e en inglés. Pero o incríbel é que na comunidade anglosaxona había xente pedindo que se sincronizasen as lendas para a vella copia, pola única razón de que era un avi, e, por tanto, compatible con calquera reprodutor de sobremesa. Esta mentalidade é moi preocupante, xa que fala do pouco interese que hai en ver filmes nas mellores condicións posibles, o máis cerca posible do desexo do autor. Tamén pasa no caso das salas comerciais, que por razóns económicas dan o salto á dixitalización, privándonos de ver os filmes no seu formato orixinal de trinta e cinco milímetros. Ben é certo que hoxe en día xa a maioría das películas grávanse en dixital e isto deixará de ser un problema, pero que pasará coas vellas películas en celuloide unha vez que xa non haxa interese por gardar as copias orixinais? Coa dixitalización pérdense matices da obra orixinal. Recordo que no seu recente paso polo CGAI, Nathaniel Dorsky laiábase por non poder pasar o filme Words of Mercury do seu amigo Jerome Hiler nunha copia en 16 mm e ter que facelo nunha incomparable reprodución dixital (aínda que nese caso non se trataba de motivos económicos, senón porque só existe unha copia do filme e non se pode trasladar). Que as filmotecas comecen a programar copias dixitais de obras que orixinalmente foron pensadas para ser exhibidas en 35 mm sería como se os museos de todo o mundo comezaran a poñer reproducións das obras do seu catálogo en lugar das auténticas.

Creo que a labor educativa das comunidades p2p non só debe estar encamiñada a descubrir películas e autores, senón tamén a descubrir a forma máis adecuada de visionar. Curiosamente, grazas ao furor das series de televisión, toda unha xeración de espectadores aprendeu a ver filmes en versión orixinal subtitulada, algo que fai uns anos era tamén un tema tabú. Coa cada vez máis puxante alta definición crece o interese por ver as películas na maior calidade posible. Por estudar cada DVD e cada bluray e facer a mellor codificación posible, sen atender a criterios de tamaño ou compatibilidade (coa chegada da nova xeración de televisores e entradas de alta definición, isto comeza a deixar de ser un problema). Podemos considerar aos ripeadores como piratas e xente que se salta o copyright das obras orixinais, pero non esquezamos que este traballo é, na gran maioría dos casos, totalmente desinteresado e enfocado cara a comunidade. E que nalgunhas ocasións, o que fai o ripeador é arranxar erros de transfer que cometeu o editor do DVD, ou ben retocar a relación de aspecto para que sexa fiel á obra orixinal e non ao desinterese dos responsables da edición doméstica. Hai mesmo grandes traballos de ourivaría onde o ripeador (ou un grupo deles) parte de varias fontes para facer a obra máis completa: coller o video dun dvd alemán, o audio da versión italiana e engadir partes censuradas que non están neses dvds, pero si nun vello pase televisivo que se pode encontrar no emule. E se cadra, posteriormente, outros usuarios, farán uns subtítulos que en moitos casos son mellores cos de calquera empresa profesional. Este é o poder de internet. E todos estes traballos colectivos non se fan cos últimos blockbusters de Hollywood nin coas películas que recadan máis na billeteira, senón con auténticas obras ocultas, desprezadas e descatalogadas.

Os mellores ripeadores seguen estando en emule pola súa lei de reciprocidade: máis compartes, máis rápido baixas.

Polo tanto, antes que de piratería hai que falar de cinefilia. A lexislación antidescargas xa acabou con moitas páxinas. Coas de consumición masiva que gañaban diñeiro gracias a publicidade. Prácticas ilexítimas que nada teñen que ver coas ideas de comunidade que se defenden aquí. Tamén pecharon moitas webs de descargas directas, onde se consumía masivamente cinema comercial. Páxinas que si facían competencia ao mercado cinematográfico. Porén, a represiva lei Sinde-Wert ameaza agora as comunidades de emule especializadas en cinema clásico e de autor, que apenas fan competencia ao mercado, pero dentro da psicose colectiva de produtores e distribuidores por acabar coas descargas, queren acabar cun enorme traballo de documentación, de selección e de educación que xa vai camiño de dúas décadas de vida. Usuarios anónimos que dedicaron moito máis tempo e esforzos que algúns editores irresponsables que publicaron DVDs coa imaxe mutilada e moi prexudicada, sen opción de subtítulos en castelán ou mesmo sen versión orixinal, aproveitándose da ignorancia do usuario medio. Volvemos ao mundo das salas cinematográficas. Cal é o motivo da dixitalización das salas? Simplemente o abaratamento dos costos de dereitos e de transporte. Este proceso podería ter moitos atractivos para o espectador que deixou de ir ao cinema. A dixitalización permitiría ter unha programación máis variada, romper coa rixidez das exhibicións semanais. Permite facer sesións en versión orixinal. Pero, cantos dos distribuidores nacionais falan disto? Non hai ningunha intención por parte do mercado por aproveitar a conversión dixital por ofrecer unha maior variedade e calidade nos contidos. É só un investimento para abaratar costos a longo prazo.

Polo tanto, nese contexto, as comunidades de internet seguen sendo necesarias. Nesta persecución, algunhas pecharon voluntariamente e outras puxeron restricións ás publicacións. Normas que impiden a distribución de ripeos de filmes recentes. Algunhas páxinas poñen un límite dun ano, outras de tres. É unha boa medida, xa que só afecta ao consumo inmediato e protexe ao amplo arquivo existente. Pero seguramente os gobernos, coas mans atadas por Hollywood, non se deteñan. Así, outra páxina decana como Allzine, dedicada en exclusividade ao cinema asiático, decidiu fai unas semanas borrar tódolos elinks que albergaba. Con dez anos ás súas costas, desaparece un traballo inconmensurable, pero os responsables manteñen o seu espírito divulgativo. Allzine segue falando das novidades, moitos dos seus membros continúan facendo subtítulos en castelán para as estreas e os clásicos do cinema asiático. É dicir, mantense o desexo de compartir, de falar de cinema e contrastar opinións. As películas poden conseguirse de moitas maneiras, pero non as comunidades.

O emule cambiou os nosos hábitos de consumo. Tamén os outros métodos de descarga, se ben estes non se diferencian moito do consumismo salvaxe do sistema. Como xa comentara máis arriba, é no emule onde publican os seus traballos os mellores ripeadores. En páxinas como Surreal Moviez, My Duck is Dead ou Avistaz poden encontrarse moitas películas que se descargan en poucos minutos, pero en moitas ocasións son ripeos mal feitos, de moi baixas especificacións, con subtítulos incrustados ou co aspect ratio mal. Nunha comunidade de emule como DXC podes contrastar a calidade de cada ripeo e a moitos especialistas opinando sobre as copias. A aspiración dun cinéfilo creo que debe ser ver boas películas, pero tamén velas ben.

Internet iniciou un proceso de culturización cinematográfica irreversible. Queda moito camiño por andar, xa que é un feito innegable que a maioría de internautas que descargan películas buscan as estreas semanais. É dicir, reproducen o sistema de consumo cinematográfico establecido cando internet ofrece moitísimas alternativas. Neste déficit temos moita culpa os críticos e os membros de revistas online, que en moitas ocasións guiámonos polo calendario de estreas, sen tratar de cambiar esta situación, ou facéndoo de maneira moi pouco agresiva. O futuro do cinema non está nas decadentes salas comerciais que se negan a adaptarse ao cambio tecnolóxico (tratando ao dixital como un simple abaratamento de costos) e a unha situación de mercado pouco favorable. O porvir encóntrase na habilidade de críticos e educadores por xerar un desexo no espectador ante filmes que non teñen un grande apoio mediático, pero que poden estar a disposición de calquera na rede. Crear unha demanda que, en última instancia, pode cambiar tamén o modelo de distribución actual.

__________

(1) Imprescindible a comunidade Os arquivos da meiga, onde un grupo de fanáticos das dobraxes da TVG comparte copias en galego de todo tipo de filmes emitidos por esta canle.

Share SHARE

Comments

comments

Comments
One Response to “A CINEFILIA NOS TEMPOS DO EMULE”
  1. Name di:

    Casi cuatro años ya de este artículo, pero bueno, quería decir que le AVI es sencillamente inaceptable hoy día. Que le den mucho a los lectores de DVD (¿quién puñetas tiene reproductor de DVD, cuando con un una Raspberry o con una Androd TV de 35 eypos ves todo lo visible?). No se puede seguir comprimiento para el siglo pasado.
    Hoy casi todo el mundo tiene una tele Full HD, dede luego todo cinéfilo digno de tal nombre, y ya empiezan a ser asequibles las 4K. ¿Y hay gente sigue comprimiento en AVI a 576p? Venga, hombre, qué tomadura de pelo es esa?

    Respecto al emule… Señores, que hace 2 años que existe Telegram, donde no sólo se pueden compartir películas sin restricción de tamaño, ya que un MKV BRrip de 6 GB se trocea en cuatro y a correr; ese es todo el problema, que hay que trocecar con el 7zip o el que sea porque Telegram “sólo” deja que cada archivo pese 1, gigas, sino que se pueden compartir torrents en cualquier grupo o canal, y gracias a que todos se pueden establecer como privados y que tienen un buscador, no es el follón de buscar torrents en la web.

    En fin, que todo esos “viejunos” nostálgicos del emule y las descarga que te tardaban 3 días, que se actualicen, que el Full HD es progreso, como lo es el Telegram 😉

    Saludos.

Deixa o teu comentario