CINEGALICIA 2019

Imos facer trinta anos dentro de pouco. Hai xente que cre que é un aniversario algo traumático que celebrar: había aquel dito da contracultura dos anos sesenta que recomendaba non fiarse de ninguén de máis de trinta, pero daquela a xente de máis de trinta probablemente estaba xa pagando hipotecas e criando bebés. Nós somos máis ben o que La Voz de Galicia describiu nun dos seus delirios como “adolestreinta”, e se cadra estamos escorrendo un pouco o vulto dedicándonos a pensar noutra cousa, como celebrar o 30º aniversario de Cinegalicia, que é algo que en principio non debería importarnos demasiado. Traballamos na cultura e no audiovisual, así que podemos dar por suposto que nos importa o cine. Podemos incluso supoñer que nos importa Galicia (iso xa é cousa de cada quen), pero o nome que xunta as dúas cousas é un evento no que se estrearon, antes de nós nacer, tres películas das que se dixo que marcaron “o despegue da historia do cine galego”: Continental, Sempre Xonxa e Urxa. Un evento importante que boa parte de nós non lembrabamos (ou non coñeciamos), e tres filmes que boa parte de nós non viramos. Así que se cadra a cuestión é que Cinegalicia pode significar algo diferente e falar de algo máis achegado a nós.

Pero, antes de nada, quen somos nós? Boa pregunta. Este nós pode falar das persoas, todas galegas e todas nacidas despois de 1989, que participamos neste proxecto coa idea de revisar aqueles tres filmes dende a nosa perspectiva e dende diferentes artes (cinema, música, deseño, crítica): Roberta Vázquez, Laura Ramos, Sara Donoso, Adrián Canoura, Elba Souto, Julia Huete, Jesús Silva, Lara e Noa Castro, Oh Ayatollah, Montse Piñeiro, Anxo F. Couceiro, Iria Silvosa, Charles Rapante, Pepa Prieto Puy, Clara Coira, Camila Viéitez, Andrés Sanjurjo, Cibrán Tenreiro e Brais Romero. Ao mesmo tempo, tamén é un nós que pode falar máis en abstracto, da nosa xeración, as súas preocupacións, os seus gustos ou as súas maneiras de facer cousas. Que non se nos malinterprete aquí: Deus nos libre de autoproclamarnos the voice of my generation, pero si que é certo que observar as creacións de vinte e pico persoas dunha idade máis ou menos similar pode revelar algúns trazos sobre o que somos, e seguramente sobre o que nos diferenza (ou une, quen sabe?) da xente que foi nova nos oitenta, e ás películas que fixeron. Xa que isto é un aniversario, queremos romper coa dinámica de celebralos con nostalxia: é útil coñecelo pasado para mirar cara adiante sen repetirnos.

Imaxe gráfica de Cinegalicia 1989

Escribimos isto antes de saber que é o que vai saír das cabezas das creadoras e creadores de Cinegalicia 2019, pero o contexto fixa xa algunhas diferenzas importantes entre aquel momento e o actual. Alfredo García Pinal, co-director de Urxa, contaba que hai trinta anos, para conseguir cámaras ou focos, había que ir fóra de Galicia. Un filme con estética próxima á da serie B como aquel, o máis modesto dos tres que se estrearon en Cinegalicia, precisou dun presuposto de “tan só 66 millóns de pesetas e unha subvención de 21,5 millóns”, como destacaba a noticia de El País. Hoxe vivimos na era dixital, as cámaras están por todas partes e a creación cinematográfica volveuse case tan accesible como a musical ou a literaria. Quen quere facer unha película, pode coller un teléfono móbil e facela coma quen colle un bolígrafo ou unha guitarra española. Por suposto, non pode facer calquera película que teña na cabeza, pero vivimos nunha época na que as superproducións e a alta definición conviven cos vídeos de gatiños e os rexistros da vida cotiá, en YouTube e ata no telexornal, así que estamos preparados para atopar a expresión artística en calquera formato e en calquera lugar. Dá o mesmo gravar coa cámara de VHS que había pola casa que cunha Arri que coste máis que un coche, igual que dá o mesmo pintar con acuarela que con carbón. Fálase de Cinegalicia como ese momento fundacional do cinema galego porque se fixeron tres longametraxes de ficción en 35 milímetros, o que implica ignorar unha chea de cousas importantes. Hoxe esa especie de xerarquización dos formatos parece superada e o cine galego é, por sorte, máis rico porque hai nel máis cines posibles, do industrial ao doméstico.

Outra diferenza crucial pode vir dos temas que nos preocupan. Sempre Xonxa, Continental e Urxa estaban dirixidas por homes entre os 27 e os 39 anos, e falaban de cousas como a emigración, as loitas de poder, o contrabando, as lendas, ou o amor. Falaban bastante de Galicia tamén, aínda que máis que da Galicia da época tratábase unha idea máis mítica do que era o país, coa comunidade rural como centro. As marcas xeracionais máis fortes estaban se cadra no abordar que Xavier Villaverde facía en Continental (a peza menos marcadamente galega das tres) das drogas e o sexo, dando pé a unha peli que polo visto disgustou a Domingo García Sabell pola súa “dureza”. Hai con aquelas obras unha distancia e tamén unha proximidade, que fai que ver Sempre Xonxa sexa por momentos un WTF (como na secuencia sexi da vendima ou cada vez que sae Caladiño) á vez que nos fai chorar coa secuencia do porto de Vigo ou insultar ao maldito Birutas. Hoxe seguimos emigrando, seguimos falando do contrabando, seguimos fixándonos nas lendas, e supoño que seguimos namorándonos. Segue habendo sexo e drogas, e todo iso segue aparecendo na cultura galega (e no audiovisual), igual que probablemente aparecen novos intereses, novos espazos e personaxes, abordados con novas ideas estéticas e cun cambio fundamental: xa non só son señores os que dirixen e hai hoxe algo máis de consciencia sobre a pobreza dunha arte que só reflicta a mirada masculina. Tentamos ter presente esa consciencia para armar o grupo que participa en Cinegalicia 2019, coa idea de que hai eivas do pasado que, se se repiten, é por falta de vontade para cambialas.

Xonxa, icona dun evento no que as mulleres non destacaron pola súa presenza

Escribimos este texto centrándonos na diferenza e no cambio, porque as efemérides, ou os aniversarios, son momentos para revisar o que temos feito e enchernos de bos propósitos. Este ano apúntome ao ximnasio. Este ano vou comer mellor. Vou sacar o carné dunha vez. Vou ler máis e ver menos Netflix. Vou ir máis á casa. Todas esas intencións veñen dun diálogo co noso propio pasado (e desta volta, o nós é universal), e por iso a vontade de Cinegalicia 2019 é dialogar con esas tres películas, dende a creación e dende a análise. É atopar conexións que xa existen, establecer outras novas, encher ocos que quedaron por encher e abrir camiños que poidamos camiñar, se cadra coa vontade de que a cultura galega se pareza a nós, ou a unha versión mellor diso mesmo. E aquí nós significa, probablemente, Galicia, pero dicilo ten unha épica que non é moi da nosa xeración.

A imaxe de Cinegalicia é obra de Roberta Vázquez.

Comments are closed.