CINEMA EN CURSO, A ASIGNATURA NECESARIA

CINE EN CURSO 2015 (11) CHANTADA-JAIONE

Hai un par de semanas, no CGAI, os alumnos de catro centros galegos proxectaban os seus traballos. Ese evento humilde, lonxe de ser o clásico acto escolar, converteuse na mostra de catro filmes con mirada propia e criterio estético, e un encontro posterior con referencias pouco comúns mais necesarias. Tratábase das pezas resultantes de Cinema en Curso, un programa de pedagoxía do cinema en escolas e institutos e que conta coa colaboración dos cineastas galegos Ángel Santos, Jaione Camborda e Marcos Frórez. Esas obras foron creadas polos alumnos ao longo deste ano lectivo e as súas referencias eran autores como James Benning, Chantal Akerman, José Luís Guerín, Nicolas Philibert, Raymond Depardon, Oliver Laxe ou Eloy Enciso.

O programa Cinema en Curso comezou en Cataluña no ano 2005, e xestiónao a Asociación A Bao A Qu, con Núria Aidelman e Laia Colell á cabeza. Actualmente estendeuse tamén a Galicia, Madrid, Arxentina, Brasil e Chile. O obxectivo é claro: empregar a práctica cinematográfica e o visionado de filmes para formar espectadores sensíbeis e activos. Algo que a priori é sensato e necesario, pero difícil de abarcar. Con todo, os resultados que se conseguen son espectaculares.

O sistema é o seguinte: ábrese unha convocatoria para participar na iniciativa cun proxecto baixo os parámetros de Cinema en Curso, logo se realiza unha selección, e as escolas elixidas contarán cun cineasta que acompañará aos alumnos no proceso de visionado e creación das pezas, aínda que a involucración do profesorado é sempre fundamental. “Aquí requírese a implicación máxima dos mestres, é unha das claves do proxecto”, explica Laia Colell. “Igual que é clave que os cineastas enchan o proxecto con tódalas súas capacidades e os seus coñecementos, é igualmente importante a implicación dos mestres por esa complementariedade que se necesita, xa que o cineasta ten uns coñecementos e os mestres outros. Cando todo isto conflúe é cando o proxecto alcanza realmente a súa máxima potencia”. E é que neste caso o cinema debe estar incluído no programa educativo do centro. Non se trata dunha actividade extraescolar, nin tampouco ten nada que ver cunha clase como materia departamental, senón que é un concepto transversal, multidisciplinar: “a idea é desenvolver as potencias pedagóxicas do cinema, ver que pode achegar o cinema ás escolas e institutos, investigar como a través dos procesos de creación cinematográfica se poden desenvolver aprendizaxes tanto vencelladas a contidos curriculares como sobre todo aprendizaxes competenciais, persoais ou sociais”.

CINE EN CURSO 2015 (1)

No caso de Galicia, este ano foron catro os centros seleccionados: o IES Val do Asma de Chantada, o IES Plurilingüe Fontem Albei da Fonsagrada, o CPI Curros Enríquez de Pazos de Borbén e o CEIP A Rúa de Cangas. As películas presentadas no CGAI, e que agora se poden ver no blog co resto das pezas xeradas noutros centros do resto de España (http://bloc.cinemaencurs.org/), contan coa supervisión de Ángel Santos, Jaione Camborda e Marcos Flórez, os cineastas que acompañan aos alumnos e profesores ao longo de tódolos procesos, malia que resulta complicado definir os límites. “Cando nos preguntan cal é o papel do cineasta”, di Laia Colell, “é unha cuestión complexa e difícil de explicar. É acompañar os procesos, é dicir, facer que eses procesos sexan o máis proveitosos posíbel. Non cremos na pedagoxía de deixar que os alumnos se trabuquen e dicirllo despois, non somos partidarios diso, senón que o cineasta debe estar activo e debe acompañar o proceso expondo preguntas, abrindo a ollada. Digamos que o seu papel consiste en abrir posibilidades máis que indicar o que se debe facer. O cineasta está para que os alumnos argallen cousas que non argallarían sen el”.

Unha das teorías nas que se basea a pedagoxía de Cinema en Curso é no estudo que fai Alain Bergala en A Hipótese do Cinema para introducir o cinema nas aulas. Unha das ideas é que o cineasta sexa un axente externo que rompa as dinámicas rutineiras. Isto crea ese estado de excepción no que emerxe a creatividade e aparecen novas olladas. Así, dese traballo conxunto e complementario que mestres e cineastas fan canda os alumnos, xurdiron catro documentais: Flúe o Miño entre socalcos, O camiño do tempo, Deixando atrás e Mudando lares.

Flúe o Miño entre socalcos é o filme realizado polos alumnos e alumnas de Chantada e supervisado por Jaione Camborda. Segundo os seus propios creadores, “o filme é unha homenaxe ás nosas ribeiras e ao noso río, ao traballo da xente vinculada ao río e, por suposto, á paisaxe. A nosa inspiración xorde dos travelling de Raymond Depardon, os retratos de persoas de Innisfree (José Luís Guerín, 1990) e de La Ville Louvre (Nicolas Philibert, 1990), e o documental Glas (Bert Haanstra, 1958)

É fascinante escoitar a nenos e nenas falar con soltura desta caste de referencias e xustificar a súa ollada e punto de vista. Sobre isto, a súa cineasta, Jaione Camborda, comentaba que “unha das liñas é traballar con fragmentos de diferentes autores, cunha ollada máis poética, cuns tempos aos que os nenos non están habituados. Así comezan a traballar o retrato, o contacto coas persoas maiores, coa paisaxe. A paisaxe emprégase dun xeito pedagóxico para pór en valor a súa propia contorna, pois se están nunha zona viticultora, como é o caso dos meus alumnos, procúrse que poidan pór iso en valor, os viñedos, a xente traballadora da zona”. E é así como transmiten na súa peza o paso do tempo e o cotián, a través dos retratos de dous adegueiros que seguen a tradición familiar dos seus antepasados.

En O camiño do tempo, os alumnos e alumnas da Fonsagrada retratan a súa contorna cuns ingredientes moi concretos: os lugares, as persoas, os animais, a beleza da natureza e da paisaxe, e a tranquilidade da zona, e nomean Arraianos (Eloy Enciso, 2012) como un referente claro no seu documental. Acompañados por Marcos Frórez, estes mozos e mozas filman o día a día da xente que vive na Fonsagrada, amosando os contrastes entre a xente maior e os mozos, ou entre as aldeas abandonadas e as habitadas, entroutras cousas, e explican: “aprendemos a ver en xeral, e particularmente, aprendemos a ver as cousas dende un punto de vista de cineasta”.

Dende Cangas presentan o filme Deixando atrás, sobre a emigración. Os alumnos comentan que “o guión foi elaborado a partir de ideas visuais que xurdiron de poemas, planos de cineastas, planos de compañeiros e compañeiras, fotos de arquivo… Queriamos transmitir a dureza da emigración, da separación dos seres queridos, a morriña dos emigrantes, a emoción das cartas, a importancia da familia“. Unha peza que suxire coas imaxes, sutil, que expresa emocións a través dos espazos.

Isto non é de estrañar tendo en conta que o cineasta que acompaña a estes alumnos e alumnas é Ángel Santos, e tanto no filme de Cangas como no de Pazos de Borbén, ámbalas dúas baixo a súa supervisión, podemos albiscar algo desa ollada que lle pertence e que está presente nas súas obras, como Las altas presiones (Ángel Santos, 2014). Cuestións de identidade como o manexo dos tempos na montaxe, o tratamento dos espazos, a presenza do que non se ve, mais si que se intúe. O estilo de Santos está presente e non é casualidade. Laia Collel comenta a respecto disto que “nos filmes detéctase moitas veces certo estilo no que se recoñece algo do cineasta, mais en realidade é o lóxico, porque amosou un material determinado aos alumnos, porque fala con máis paixón dunhas cuestións que doutras, porque na medida en que acompaña, a súa ollada é particular. Mais non porque condicione ou limite a creatividade. Moitas veces ocorre que estás na rodaxe e o alumno quere facer un plano determinado. O cineasta faría un plano completamente diferente e exponlle opcións, mais se o alumno quere facer ese plano é o que fará”.

Mudando lares é a peza de Pazos de Borbén, que tamén conta con Ángel Santos como cineasta acompañante. Neste caso, os espazos son fundamentais. Espazos e retratos conforman o discurso deste filme. Os nenos e nenas falan de referentes como Tren de sombras (José Luís Guerín, 1997). Traballaron ao redor da emigración a Brasil na súa zona, e comentaron como o cinema lles axudou a entender mellor a súa contorna: “Coñecemos sitios novos aos que non poderiamos ir se non estivésemos a gravar a curtametraxe, e sorprendéronnos moitas cousas que non coñeciamos do noso concello”. A través desta peza apreciamos algúns dos obxectivos de Cinema en Curso cumpridos, como formar persoas sensíbeis ao cinema, á realidade, ao que lles rodea, e comprometidas coa súa contorna. Formar persoas máis implicadas.

Se resulta interesante ver estas pezas, máis aínda é escoitar a troca, os comentarios que uns realizan sobre o traballo doutros: “Gustounos moito o plano que fixestes do horizonte cara ao remate da curtametraxe no que se vían capas de cor. Lembrounos os cadros de Pello Azketa nos que se inspirou Mercedes Álvarez en El Cielo Gira (2005) e que nós traballamos durante o curso”, explicaban os alumnos e alumnas de Pazos de Borbén sobre a peza creada polos de Cangas. Apreciacións con bo criterio e fundamento, tirando deses referentes comúns que tan sorprendentemente ben manexan. É nese momento, o de valorar o traballo dos compañeiros, cando fican máis patente tódolos coñecementos adquiridos sobre un cinema que non é sinxelo que teñan ao seu alcance.

CINE EN CURSO 2015 (15)

Hai conclusións comúns a tódolos alumnos e alumnas. Ao falar da súa experiencia e o aprendido con Cinema en Curso, salientan o traballo en equipo, a toma de decisións por consenso, a relación coa súa contorna e coas persoas que lles rodean, a observación dende outros puntos de vista e a apreciación do traballo que hai detrás da realización dun filme; mais sobre todo, a capacidade de poder expresarse cun novo modo, distinto para eles e cheo de posibilidades. Suficientes razóns para pensar que na educación, no ensino, está a solución a gran parte dos problemas de descoñecemento e falta de interese pola cultura, e neste caso máis concreto, do cinema. As persoas achéganse a expresións alternativas cando lles dás a opción de coñecelas, e isto hai que traballalo dende a base, dende as escolas. É fundamental que iniciativas como Cinema en Curso teñan continuidade, e para isto son precisos os apoios, como explica Laia Colell: “Cando iniciamos Cinema en Curso era un momento no que funcionaba moi ben o sistema de subvencións públicas –en Cataluña, cando menos, a implicación por parte do goberno foi moi grande– mais nos últimos anos isto foi cada vez máis difícil, porque as liñas de subvención practicamente desapareceron, e porque en España tampouco hai unha gran tradición de financiamento privado, de patrocinio nin mecenado. É unha das grandes dificultades que temos: o crecemento do proxecto non foi paralelo ao dos recursos económicos dos que dispomos, se non máis ben ao contrario”. Este ano contan co apoio da Fundación Daniel & Nina Carasso, fundación francesa cunha forte tradición de mecenado. No caso concreto de Galicia, a colaboración vén por parte de AGADIC e o CGAI. “Agora estamos co labor de buscar socios privados que crean no proxecto, mais non é nada doado”, porque para as directoras do proxecto é moi importante que os centros non sexan, en ningún caso, os que financien a actividade: “Para nós, un principio fundamental é o da diversidade de centros educativos en canto ao seu contexto xeográfico e socioeconómico. Traballamos en centros públicos, e os propios centros nunca financian o proxecto porque sería un motivo de exclusión moi evidente que non ten sentido en relación cos principios de Cinema en Curso”.

É moi difícil medir con indicadores o que se acada con Cinema en Curso, mais do que non hai dúbida é de que ten capacidade transformadora: primeiro nos alumnos, que é onde se fai máis visíbel, mais tamén nos mestres e profesores, xa que cambian metodoloxías e incorporan novas formas de traballar. Colell apunta que “a nivel de centro educativo vimos como foron incorporando a creación cinematográfica en moitos outros ámbitos, con outros grupos, outras materias, outros proxectos… e isto si que nos parece unha gran transformación. Outra sería a da contorna social do alumnado, das familias, dos veciños, de como se relacionan co centro educativo: iso tamén se transforma cos anos e é importante, porque os centros educativos poden e deben ser motores culturais nas contornas máis afastadas da cultura, porque son os únicos lugares nos que é posíbel facer que a cultura chegue a todos. E nun marco máis xeral, é certo que cando comezamos Cinema en Curso era o único proxecto destas características en España, e aínda que segue sendo bastante excepcional, hai outros proxectos que comezan a traballar nesta liña”.

O cinema non é nada sen os seus espectadores, e iniciativas como Cinema en Curso están a axudar a crear un espectador máis formado e, ao mesmo tempo, ao crecemento humano dos nenos e nenas, facendo que adquiran sensibilidade, ética, que aprendan a tomar decisións, que teñan un criterio propio. Isto tería que suceder en tódolos colexios e en tódalas salas de cinema.

Comments are closed.