O CINEMA GALEGO ANTE UNHA NOVA CRISE

O pasado 13 de marzo de 2020, decretouse o Estado de Alarma en todo o Estado Español por causa da crise sanitaria do COVID-19. Esta medida supoñía a supresión do dereito de libre movemento, así como a detención de todas as actividades non esenciais, entre outras medidas. A cultura, como xa demostraron as declaracións do Ministro Uribes no seu momento, non foi considerada como esencial, polo que festivais, estreas, rodaxes, producións, etc. tiveron que pisar o freo.

En Galicia, foron varios os festivais que tiveron que pospoñer as súas datas aos meses do fin do verán; as rodaxes de todos os filmes víronse interrompidas repentinamente, filmes agardados como Lúa Vermella de Lois Patiño entraron nun impasse onde a estratexia de estreas está absolutamente patas arriba… Unha perda, a do sector audiovisual, de máis de tres millóns de euros, segundo cifraba AGAPI [1]. No medio desta crise, a Consellería de Cultura anunciaba o pasado 30 de marzo un paquete de medidas destinado a paliar este golpe económico que sufría, de novo, a cultura galega. Estas medidas chegarían ao Consello da Xunta o 30 de abril, un mes despois do seu anuncio.

O sector ante unha nova crise

Preguntados sobre a actual situación, os diferentes axentes das asociacións gremiais galegas valoran con incerteza o futuro próximo. A desescalada proposta polo goberno central o pasado 28 de abril fixa como horizonte optimista o mes de xullo como a volta á “nova normalidade”, e especifica unha proceso asimétrico por provincias, onde actividades como as rodaxes poderían volver nas primeiras semanas da mesma, mentres que os cinemas non abrirían ata a chamada “Fase 2”. A este respecto, Pablo Fontenla, da directiva de CREA – Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización, advirte que, aínda que as rodaxes poidan volver nun horizonte próximo, é tamén necesario saber se as empresas auxiliares que dan servizo ás mesmas poderán desenvolver a súa actividade. “Fomos os primeiros en deixar de traballar e, probablemente, seremos dos últimos en poder volver a facelo”, di Xosé Barato, da directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia – AAAG, unha situación que pon en perigo unha profesión que, como apuntan desde a asociación, “vive endemicamente no arame”. Ana Míguez, presidenta da Academia Galega do Audiovisual, engade sobre isto a necesidade de coñecer a realidade de, por exemplo, as actrices e actores maiores de 65 anos e, polo tanto, dentro dos grupos de vulnerabilidade. Aínda que son moitos os diferentes protocolos os que se veñen publicando nestes días, non existe unha unificación nin oficialidade de ningún deles; é por iso que desde o sector demándase unha concreción nas medidas preventivas para as rodaxes que permita coñecer que as condicións nas que retomar a actividade audiovisual. Jorge Algora, do Clúster Audiovisual, apunta a que aínda non se consensuou un protocolo de rodaxe. Lamentando máis comunicación neste aspecto, di que se avanzou nestas medidas desde as produtoras e as institucións, aínda que todo está no aire á espera de que o Goberno Central anuncie as medidas a tomar nestes casos.

Respecto aos festivais de cinema, Ángel Sánchez, presidente de Proxecta – Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, expresa a súa preocupación polo aprazamento das datas aos meses de setembro e outubro. Mentres que algúns festivais xa anunciaron o seu traslado a estas datas de forma oficial, outros é esperable que o fagan nos próximos días, o que provocará a inevitable dispersión do público galego nas diferentes citas cinematográficas galegas. Cancelar a edición de 2020 é un escenario que buscan adiar ata o último extremo xa que existen convenios e acordos xa asinados con diferentes patrocinadores, así como xa recibiron a dotación pública no que respecta ás axudas para festivais de cinema. “Haberá que ver como son os criterios para valorar esta edición de 2020”, advirte Ángel respecto á xustificación das subvencións recibidas da que desexa que exista unha flexibilidade por parte das institucións públicas.

Videoconferencia entre diferentes asociacións do cinema e audiovisual galego

Unha problemática, a dos requisitos burocráticos, á que tamén fai referencia Felipe Lage, presidente da Asociación Galega de Produtoras Independentes – AGAPI. Na actualidade son moitos os proxectos que se atopan ante prazos de entrega de documentación ou de filmes que non poden cumprir polas medidas do confinamento decretadas desde o Goberno central. Se ben aínda non se anunciaron medidas concretas a este respecto, Felipe confía na Administración e constata que hai unha vontade por parte da mesma que, se non actúa con maior celeridade, é polas trabas procesuais e propias da burocracia administrativa. A situación dos guionistas é diferente, explica Enrique Lojo, presidente do Sindicato Galego de Guionistas AGAG. A propia natureza do traballo do guión permite que a actividade neste sector siga adiante, e incluso traballan cunhas predicións, as máis optimistas, que advirte un posible ascenso no número de novos proxectos cando volva a normalidade. Comparte estas prediccións Jorge Algora, que di que son moitos os socios que manteñen a actividade grazas á TVG e anticipa un aumento na demanda de produtos culturais, pero advirte que “os guións teranse que adaptar ás diferentes realidades”, facendo referencia ao número de figurantes, localizacións, etc.

La isla de las mentiras (Paula Cons, 2020) ou Lúa Vermella (Lois Patiño, 2020) son algúns dos filmes que viron interrompidos os seus percorridos en sala por mor da crise sanitaria. Unha situación da que Ramiro Ledo, responsable de NUMAX Distribución, viviu de primeira man coa cancelación de La strada dei Samouni (Stefano Savona, 2018), que chegaba ás salas de España o mesmo día de inicio do confinamento. “Estamos incertos e intranquilos pola apertura dos cinemas”, di Ramiro, que confía en que a apertura das salas de cinema na fase 2 permita retomar a distribución do filme de Savona. Aínda que advirte que esta crise castigará aos cinemas pequenos, posto que a redución do aforo ao 30% traducirase un descenso nos ingresos de billeteira que pode poñer en perigo a viabilidade económica destes cinemas.

Os festivais de cinema moven entre 300 e 400 altas laborais ao ano, segundo datos de Proxecta; hai profesionais que aínda non traballaron neste 2020 e que non teñen dereito a paro porque son autónomos, segundo a Academia do Audiovisual. A situación dos profesionais do sector é, canto menos, crítica. A peculiaridade das relacións laborais non permite acollerse a ERTEs ou estar en situación de desemprego, xa que moitos deles son traballadores por conta propia. Desde a AAAG, apuntan que “o Estatuto do Artista recollía as solucións a moitos destes problemas, pero seguimos agardando pola súa implantación”. Sobre isto, Felipe Lage salienta a lentitude dos gobernos, estatais e autonómicos, á hora de tomar medidas a este respecto: “Medidas urxentes para 50 días despois”, comenta respecto do titular de El País sobre a intención do Goberno central de aprobar medidas o 5 de maio.

Políticas culturais

“Os orzamentos públicos para a cultura son os de 2008”, explica Ángel, facendo referencia á débeda que o goberno galego ten co seu deber de potenciar e promover a cultura galega. Uns orzamentos que, co gallo da crise económica do 2008, descenderon considerablemente… para quedar aí. Precisamente, no 2009, as axudas a guión desapareceron para integrarse dentro das axudas as Talento, unha situación que denuncian desde AGAG. “A Xunta non entende como funciona o guión”, denuncia Lojo, que sinala que a desaparición destas axudas e a súa inclusión nas de Talento provoca que estean pensadas para un perfil máis próximo ao cinema de autor, deixando fóra ao guionista profesional. Desde a AAAG critícase que non exista unha política cultural. “A administración funciona como un repartidor de recursos económicos pero sen ‘mirada’”, di Barato.

“Estamos nunha situación na que non sabemos como vai a ser o mundo dentro de 2 meses”, explica Jacobo Sutil, Director da Axencia Galega das Industrias Culturais – AGADIC.  AGADIC é a responsable de artellar as políticas audiovisuais en base ás medidas aprobadas o pasado 2 de maio polo Consello da Xunta. Sutil explica que o contacto co sector da cultura tivo lugar desde o primeiro momento, xa que foron conscientes de que era preciso traballar xuntos para estudar e dar resposta ás situacións que se estaban a vivir. Porén, o sector cultural, que lle remitiu un documento de medidas á Xunta o 20 de marzo, denunciaba o pasado 24 de abril que “non se respondera a ningunha desas propostas con ningún compromiso concreto” [2]. Onte, 4 de maio, 45 días despois dese primeiro documento de medidas formulado polo sector, AGADIC iniciou a ronda de contactos para anunciar as medidas concretas.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberte Núñez Feijóo, saúda a Óliver Laxe na preestrea de O Que Arde

Entre as medidas concretas para o cinema, destaca a flexibilidade de prazos e condicións, así como o aumento de proxectos financiados nalgunha das liñas de apoio ao audiovisual. É o caso das axudas de talento, onde a AGADIC aumentará en 2 o número de guións e curtas beneficiarias de axudas. No caso das axudas a festivais, Sutil explica que as novas axudas incluirán diferentes supostos que permitan que estas citas cinematográficas se poidan adecuar ás diferentes realidades; emporiso, as axudas serán máis flexibles á hora de cambiar os proxectos iniciais e, incluso, engadirán a posibilidade de levar o festival ao ámbito online. Axudas a mercados, á produción audiovisual, ao desenvolvemento e outras serán as medidas tomadas para o apoio a este sector cultural. Unhas medidas que, se ben é certo, non son novas, posto que se convocan de forma anual [3], contarán esta vez cunha maior flexibilidade. O mesmo ocorre coa cifra de 2,5 millóns de euros anunciada o 4 de maio como un incremento do 25% sobre o orzamentado en 2019; unha cifra que xa se anunciara en xaneiro de 2020 [4].

Porén, a primeira en dar un paso adiante non foi AGADIC, senón a CRTVG. O 8 de abril publicaba un paquete de medidas onde detallaba accións concretas como unha moratoria nos prazos de entrega das producións xa contratadas, a adquisición de documentais en galego, ou a contratación de novos formatos audiovisuais como a slow TV. Medidas ben recibidas desde o sector, posto que supoñen un apoio decisivo, aínda que financeiramente non moi grande, á produción audiovisual. Porén, tamén hai voces dentro do gremio que denuncian que estas medidas só afectarán aos proxectos daquelas produtoras que xa traballaban de forma regular co ente televisivo, deixando de fóra a gran parte do sector.

Unhas medidas que, a ollos do sector, chegan tarde. O pasado 2 de maio, o presidente da Xunta de Galicia, Alberte Núñez Feijóo anunciaba que Galicia era “a primeira comunidade autónoma en presentar un plan para a cultura”. Sen embargo, o 14 de abril, 18 días antes do anuncio de Feijóo, a Generalitat anunciaba un plan de rescate de 31 millóns de euros para a cultura [5]. “Somos a primeira Comunidade Autónoma en sacar un plan concreto de medidas. Somos a primeira Comunidade Autónoma que publica as axudas á produción audiovisual”, insiste Sutil; unha verdade a medias se temos en conta que a maioría de Comunidades Autónomas adoitan convocar estas axudas nos meses de xuño ou xullo, mentres que en Galicia, estas convócanse a inicios de ano; é dicir, que este ‘ser os primeiros’ é máis o froito do calendario tradicional que dunha política cultural específica para o momento actual.

Se ben a actuación xeral foi tardía, a Consellería de Cultura e Turismo, desde o inicio do Estado de Alarma, comezou a promover desde as súas redes o hashtag #aculturasegue, sumándose ao movemento popular de difusión de contidos culturais durante este período. Para este fin, a Consellería habilitou na súa web un espazo exclusivo onde “difundir a través desta canle un conxunto diverso de temas monográficos relacionados coa cultura e a lingua en Galicia, utilizando para iso recursos e materiais que lle acheguen á cidadanía unha información sinxela pero enriquecida e útil”. Respecto do apartado Audiovisual, é canto menos curioso ver como se redirecciona a dous proxectos como Cinemas de Galicia e Canle TV: o primeiro deixouse de celebrar en 2018, e o segundo é inaccesible desde agosto de 2018 [6]. Respecto a isto, desde AGADIC, Jacobo Sutil limítase a apuntar que “cando se fai unha iniciativa tan global pode haber algún tipo de disfunción”.

Foto de familia dos participantes no ChanfainaLab 2020.

A unidade do sector

Despois daquel estraño consenso arredor da promulgación da Lei do Audiovisual no 1999, as políticas culturais fóronse renovando, mellor dito, mudando, de forma unilateral por segundo que partido estivese no poder. Se ben na época do bipartito a política foi máis consciente das necesidades do sector, este non foi máis que un período de 4 anos, interrompido violentamente polas políticas da austeridade de Feijóo. Por isto, desde o sector fálase da necesidade de manter este diálogo entre sector e administracións de forma periódica. É dicir, constituír un novo marco de negociación onde axentes culturais e políticos poidan deseñar unha política audiovisual con visos de futuro, onde os éxitos non estean supeditados ao rumbo de cada lexislatura e a coincidencia, ou non, dun ano Xacobeo.

“Este é un proceso vivo, non remata con publicar un plan e pecharse nunha habitación para publicar as ordes ou o que sexa”, sinala Jacobo Sutil sobre a intención de que estas conversas co sector audiovisual continúen despois deste período. Desde o sector, agradécese que a administración escoitase e se reunise con eles, e amósase a vontade de continuar este camiño que trouxo esta nova crise. Porén, advirten que a súa labor é a de ser críticos con ela, e demandan á administración que sexa máis sensible coa cultura: “Unha obra non pode ser tratada cos mesmos procesos administrativos que a construción dunha estrada”, sentencia Barato desde a AAAG.

Coinciden todos os gremios do audiovisual en que a unidade que existe entre o sector é un aspecto positivo que cómpre potenciar. Todos os axentes coinciden en que era necesario que diferentes partes dun mesmo sector comezan a dialogar entre si, posto que o de “todos aféctanos a todos”, apunta Fontenla desde CREA. Un diálogo que confían manter unha vez recuperada a normalidade, e que consideran que é necesario manter, ou ben como unha nova agrupación cultural, ou ben con reunións periódicas informais.

Feridos, pero non de morte, o cinema e o audiovisual galego volverán a recuperarse. O que está por ver é se esta recuperación non trae consigo a mesma precariedade que a crise do 2008.

 

[1] Librarías, editoriais, sector audiovisual e profesionais da cultura reclaman o apoio da Xunta ante o bloqueo total da súa actividade. Praza Pública, 30 de marzo de 2020

[2] O sector cultural galego denuncia que a Xunta segue sen comprometer medidas de apoio ante a crise do coronavirus. Praza Pública, 24 de abril de 2020.

[3] AGADIC – Subvencións  ao sector cultural. Agadic.gal

[4] A Xunta de Galicia incrementa un 25% ata os 2,5 M€ o importe das subvencións á produción e coprodución audiovisual en 2020. – Xunta de Galicia, 29 de xaneiro de 2020.

[5] La Generalitat activa un “plan de rescate” para la cultura con 31 millones de euros. La Vanguardia, 14 de abril de 2020.

[6]: Versión en caché do portal Archive.org:  https://web.archive.org/web/20180910221829/http://canletv.agadic.info/

Comments are closed.