CINEMA JOVE 2015. UNHA LOITA (DENDE O PRESENTE) CONTRA O “CALQUERA TEMPO PASADO FOI MELLOR”

'Emek' foi o filme vencedor da sección de longametraxes.

‘Emek’ foi o filme vencedor da sección de longametraxes.

Antes que nada, insistir ao lector que non se asuste ante o título (se cadra demasiado pesimista), e que o interprete como algo positivo, no sentido (pode que heroico) de fortaleza e aguante que manifestou o festival a pesares dos moitos reveses que lle deu o paso do tempo, un tempo que en moitas ocasións (se cadra na maioría) viña disfrazado en forma da institución dominante.

O pasado 19 de xuño tivo lugar en Valencia a trixésima edición do Festival Internacional de Cine de Valencia, CINEMA JOVE. Unha semana de cinema que pon a cidade levantina, e por extensión a todo o País Valencià, en primeira liña do panorama cinematográfico tanto a nivel nacional como internacional. Antes de entrar nas seccións oficiais, cómpre destacar do festival unha proposta fundamental no seu ADN, a do cinema como elemento educativo e de construción de valores en relación cos máis novos. Isto constátase mediante o “Encuentro Audiovisual de Jóvenes”, unha plataforma de creación e difusión de curtametraxes realizadas por alumnos da ESO, Bacharelato e Ciclos de Formación, coa finalidade exclusiva de introducir a cultura cinematográfica ás xeracións máis novas, co obxectivo de que estes tomen conciencia da importancia que ten (e debe ter) o audiovisual, e polo tanto o cinema, na nosa sociedade. Dende aquí, humildemente, felicitar o festival por esta sección, levada a cabo dende as orixes do festival, e animar ao resto de festivais a que engadan iniciativas deste tipo, xa que o futuro (neste caso o cinematográfico) está na educación.

Entrando xa en materia profunda no visto e acontecido no festival, teriamos que destacar os dous pratos fortes habituais, a Sección oficial de Longametraxes e a de Curtametraxes, sendo sen lugar a dúbidas a primeira a máis importante e con máis seguimento e repercusión. Unha Sección Oficial na que entraban en competencia 10 títulos do máis diversos, aínda que cunha fortísima presenza de películas europeas. Películas todas elas estreas a nivel nacional e que (por desgracia e agás algún milagre) vai ser bastante complicado volver ver no noso país, polo que, en maior ou menor medida, debemos de estar agradecidos ao festival por esta aposta cara un cinema de difícil difusión no noso territorio nacional.

A gran triunfadora do festival e gañadora do festival foi Emek (2014). A cinta da cineasta Sophie Arthus retrata a historia de tres adolescentes no Israel rural. Unha historia onde a violencia (en todos os campos) é a gran protagonista, unha violencia que parece formar parte do ADN dunha sociedade, a israelí, en constante conflito. Outras dúas películas da sección oficial que se poderían poñer ao mesmo nivel que a anterior serían I dine haender (2015) e Vergine giurata (2014). Na primeira destas cintas, do cineasta danés Samanou Acheche dunha crueza similar á anterior, sae á palestra o tema da eutanasia. A relación entre enfermeira e paciente a través dunha viaxe a Suíza para que ao protagonista lle realicen o suicidio voluntario reflexiona, dende unha perspectiva moi respectuosa e sen sensacionalismos, sobre esta crúa temática. A outra cinta, da italiana Laura Bispuri, reflexiona sobre as virxes xuramentadas, mulleres das montañas de Albania que deciden xurar a súa virxindade para tomar o papel de home na sociedade. A película retrata, coa excelente interpretación da actriz protagonista, o proceso contrario a este, é dicir, o dunha virxe que decide deixar de selo, abandonando as montañas albanesas para emigrar a Italia. O resto de películas que conformaron a sección oficial mostraron tamén un nivel bastante regular. Delas destacar cintas como Zomer (2014) cinta holandesa dirixida por Colette Bothof que reflexiona sobre as sociedades rurais e a mocidade. Unha sinxela pero acertada reflexión acerca do proceso de madurez toma de conciencia e descubrimento do amor. Tamén interesante é a película turca Sivas (2014). Coa premisa das pelexas de cans, o cineasta Kaan Mujdeci retrata a través dos ollos do neno protagonista con mestría e seguindo as estelas de grandes mestres do cinema turco a sociedade rural do seu país.

'Discipline' foi a curtametraxe que máis sobresaíu.

‘Discipline’ foi a curtametraxe que máis sobresaíu.

Con respecto á sección oficial de curtametraxes temos que falar da grande triunfadora con creces do concurso, Discipline (2014) do cineasta suízo Martin M. Saber. Unha curtametraxe en ton de comedia (cunha sala rindo sen parar) pero cun discurso crítico no apartado político e social impresionante. Nunha tenda suíza rexentada polos exipcios unha serie de desencadeantes propicia unha situación tola onde se poñen en escena prexuízos raciais, de clase, idiomáticos, etc… unha crítica feroz e mordaz ás sociedades occidentais, que aínda non foron quen de aceptar a diversidade e a diferencia como valores positivos a formar parte destas sociedades.

Por último, tamén estaría ben comentar a retrospectiva, a cal podería considerarse columna vertebral da programación, que o festival dedicou ao por desgracia moi descoñecido pero interesante cineasta sueco Ruben Östlund. Un cineasta crecente (aínda que poderiamos dicir pola súa extensa obra que xa case consagrado) do que se fixo un repaso á súa filmografía, de entre a que destaca con creces a multipremiada película Force majeure (dispoñible na plataforma Filmin para os máis curiosos).

En definitiva, como xa anticipaba nas primeiras liñas do artigo, felicitar o festival polo esforzo en manter unha programación cinematográfica diferente para a cidade de Valencia, pero tamén emprazalo (máis agora con estes tempos de cambio que corren polo País Valencià) a que intente avanzar e renovarse na medida do posible. Débese lograr que o cinema volva encher de interese e forza os círculos valenciáns, e conseguir que Cinema Jove non se estanque, senón que avance coa mesma forza coa que o están facendo moitos festivais do panorama internacional e nacional.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario