CINEMATOGRAFÍAS LATINOAMERICANAS EN TOLOSA

Os 27es Rencontres de Toulouse é o espazo cinematográfico, amplificado, interdisciplinario, participativo, aberto, festivo e comunitario, consagrado ás cinematografías e culturas latinoamericanas, no que se presentaron, entre o 19 e o 29 de marzo, decenas de filmes en competición, panorama e mostra, dentro das categorías ficción, documental, longametraxe e curtametraxe. Estes encontros entorno ás cinematografías de América Latina, xurdiron en 1989 dun colectivo de asociacións de solidariedade, que en 1991 se constituíu como Asociación Encuentros Cines de América Latina de Toulouse (ARCALT). En 1992 empézase a publicar a revista Cinémas d’Amérique Latine, única revista no mundo consagrada ás cinematografías latinoamericanas, que este ano 2015 dedicou un monográfico á adolescencia, La edad de los posibles, acorde coa sección Muestra. A partires de 2002 organízanse tamén “Cine en construcción” como espazo para profesionais latinoamericanos con dificultades na posprodución, e dende 2005 “Cine en desarrollo” como rede de profesionais latinoamericanos e europeos. A edición 2015 de Cinélatino conta ademais con actividades paralelas como exposicións, presentacións de libros e concertos, outros actos no Languedoc e en París, e un programa que se estende ao resto do ano. De entre máis de 1300 filmes recibidos, entra en competición unha selección de doce longametraxes de ficción, sete longametraxes documentais, e dez curtametraxes, sobre un total de 53 curtametraxes e 125 longametraxes proxectadas, en moitos casos inéditas no estado francés, presentadas polos propios directores ou algún membro da equipa tratándose de competición.

Competición: NN (Héctor Gálvez, 2014)

NN (Héctor Gálvez, 2014) é unha ficción construída en base a un extenso traballo de documentación entorno ao mundo dos antropólogos forenses peruanos que traballan para identificar cadáveres e restos humanos achados en fosas comúns. O responsable da equipa, os seus compañeiros, o “No Name” achado na última exhumación, as vítimas, os familiares, as comunidades, as institucións, dan lugar a un relato de presencias e ausencias, no tempo e a memoria, que nos remite metonimicamente ao conflito armado que antano golpeou o país. O director retoma un motivo recorrente na súa filmografía para seguir o tránsito dos corpos do campo ao laboratorio, do despacho ao almacén, dando lugar a un conxunto de vínculos complexos que ven nacer unha forma cinematográfica unificada.

Panorama: José Luis Sepúlveda

Dentro da sección “Panorama Otra Mirada” destaca a retrospectiva dedicada ao cineasta chileno José Luis Sepúlveda e a Escuela Popular de Cine, que comprende a proxección da súa última película Crónica de un comité (2014), co-realizada como todas as demais con Carolina Adriazola. O filme en si reflicte o traballo dun comité xurdido a raíz do asasinato do mozo Manuel Gutiérrez de dezaseis anos no transcurso dunha manifestación estudantil en 2011, e máis concretamente do indulto aos dous axentes de policía responsables dos feitos. Unha observación participante da tenacidade dos familiares, as discusións no fogar, a solidariedade dalgúns veciños, a indiferenza de grande parte do barrio, e o tránsito por distintos medios xuvenís, estudantís, militantes, evanxelistas, relixiosos, políticos e mediáticos, cada un coa súa propia visión da xustiza, o seu afán de lucro ou instrumentalización fronte á traxedia. Probablemente o título tivese entrado en competición, de non terse programado a retrospectiva, conformada por unha velada, un encontro, a proxección de tres longametraxes en presencia do director, e tantas outras curtametraxes dunha escola de cinema horizontal e gratuíta, orientada tanto á realización audiovisual libre como á comunicación de resistencia. Entendendo o cinema como movemento, e en consecuencia como creación social e antisocial, este realizador é ademais o impulsor dun Festival de Cine Social i Antisocial que se leva a cabo en zonas marxinais de Santiago.

Share SHARE

Comments

comments

Deixa o teu comentario