Claire Simon: Liberdade e movemento

26 Claire Simon 2

O que me interesa non é a perfección, senón máis ben a idea de estar á fronte,

alí onde todo é incerto, onde se move o mundo

Claire Simon

A última edición de Play-Doc homenaxeou á cineasta francesa Claire Simon (Londres, 1955) cunha retrospectiva que logo recuperou o CGAI coruñés. A súa presenza en Tui serviu para compartir impresións e dúbidas co público arredor dunha traxectoria de corazón combativo e talante observador. Calquera combinación das súas obras dá boa mostra do eclecticismo que enchoupa o seu estilo e discurso, que atopan unha raíz común na exploración da ampla brecha aberta entre as ríxidas etiquetas da ficción e documental. Moverse en rexistros aparentemente opostos dálle a Simon a oportunidade de explorar territorios fronteirizos nunha filmografía que, título por título e no seu conxunto, supón en esencia unha enorme confluencia: de xentes, lugares e mesmo xéneros cinematográficos. De feito, malia que a gran maioría dos seus traballos parten dun testemuño directo do real, ela mesma tende a rexeitar ser etiquetada como documentalista.

Ese tránsito é posíbel grazas ao compromiso perenne entre a cámara da directora e a persoa filmada, da que sempre se constrúe un relato dende a máis espida humanidade. O cinema de Simon parte así da confianza máis absoluta para logo desenvolver un concepto máis elevado: en Mimi (2002) ou Geographie humaine (2013), o fío ténsano dous amigos persoais da cineasta, mentres que a orixe de Récréations (1992) está nela mesma sendo partícipe dos xogos infantís da súa filla, un mundo hermético ao que obtén acceso grazas á súa cualidade empática.

Mimi (Claire Simon, 2002)

Mimi (Claire Simon, 2002)

Outra das cualidades da súa ollada é a de manterse alerta para extraer o momento preciso que enriqueza a paisaxe filmada, a sabedoría da que fai gala ao rescatar do anonimato a persoas para convertelas, se non no eixo, cando menos si en faíscas fuxidías dun traballo que se nutre da proliferación e intensidade desta caste de intervencións. Con todo, malia que algún dos filmes de Simon poden ser identificados sen problema como cinema político –caso do díptico que forman Geographie humaine e Gare du nord (2013), lúcida radiografía da Francia multirracial– ela mesma recoñece que prefire exercer de pausada descritora das realidades que observa que facer un cinema que se centre en denunciar as fisuras do sistema.

Paisaxes Íntimas

Se cadra, a obra que mellor sintetiza as cualidades como cineasta de Claire Simon sexa a citada Mimi. Nela, a directora achégase con curiosidade palpitante a unha figura próxima, a da súa amiga íntima Mimi Chiola, e coa axuda do seu cámara descóbrea paseniñamente como un personaxe memorábel. Mentres Mimi revive dende a súa subxectividade anécdotas do seu pasado, Simon percorre canda ela as rúas de Niza, ligadas para sempre á súa singularidade e nas que tamén dá voz a outros seres de entrañábel humanidade, caso do mozo fanático dos trens ou do intérprete italiano que presta a súa música ao filme. A narración constrúese arredor das lembranzas almacenadas en lugares físicos, desenterrando a fronteira entre o compoñente de ficción da propia Mimi como creadora do seu relato e o documental constituído pola paciente observación dunha cineasta que non aparece no campo visual. Deste xeito, a capacidade de Simon para recibir confianza ilimitada por parte dos seus suxeitos filmados conflúe co retrato da paisaxe como lugar de constante almacenamento e actualización das experiencias vitais, unha característica fundamental na súa traxectoria.

A relevancia da relación entre as persoa e o espazo físico repítese continuamente: podemos lembrar o patio de xogos como lugar case abstracto de Récréations, no que os relatos albergados na imaxinación dos nenos nacen da comunicación con este espazo iniciático; a exigua oficina de Coûte que coûte (1994) ou ben, con especial importancia, a praza de encontro global na que se converte a principal estación ferroviaria de Francia no dobre proxecto Geographie humaine / Gare du nord. Neste último cobra corpo outra das temáticas que atravesa o cinema de Simon: o nomadismo, que leva aos seus personaxes a saír adiante en circunstancias a miúdo adversas, tendo que mudar de escenario e fundirse constantemente co que os rodea. Este díptico, formado por unha ficción e un documentário xurdido do traballo de campo realizado pola cineasta para elaborar o primeiro filme, componse dunha serie de historias con conexións esporádicas no interminábel fluxo humano que transita pola estación parisiense. O escenario funciona, ademais, como analoxía do propio cinema da directora, se o vemos como unha inesgotábel fonte de relatos no que historias aparentemente pechadas conteñen unha gran riqueza interior.

Gare du nord (Claire Simon, 2013)

Gare du nord (Claire Simon, 2013)

Geographie humaine e Gare du nord supoñen, ademais, a revelación definitiva da condición maleábel da cineasta á hora de abordar tanto o documentário como a ficción a partir dunhas mesmas persoas e temas, así como a súa capacidade para elaborar un retrato político da Francia actual a partir de anécdotas dispersas. Nesta sorte de praza do novo pobo global, espazo democrático e lugar de encontro inconsciente e diario de milleiros de persoas de tódalas nacionalidades e condicións sociais imaxinábeis, descubrimos dúas caras dun mesmo proceso fílmico: a parte non ficcionada, por exemplo, revélase moito máis consistente na súa espontaneidade, ao apostar por un relato ateigado de anécdotas dotadas dunha leve continuidade, achegada nesta ocasión por Simon Mérabet –outro amigo persoal da directora, protagonista da curta Mon cher Simon en 1982– francés de raíces alxerinas que conduce o periplo a través da épica cotiá que encerra a estación. Esta faísca prende con gran naturalidade no documentário, mais non tanto no seu complemento de ficción, que revela os fíos aos que está suxeita. Nestoutro filme, porén, os actores profesionais interactúan cos personaxes da rúa, fusionándose co ruído de fondo e volvendo así a través da retroalimentación entrambas obras a unha cuestión superior, na que se atopa gran parte da esencia do que converte a Claire Simon nunha autora tan lúcida: a ficción e o documentário, no seu cinema, son un ente indivisíbel onde a primeira non pode respirar sen a presenza do segundo.

Necesidades Narrativas e Liberdade Creativa

Retrocedendo case vinte anos no tempo, Coûte que coûte é unha mostra de cinema directo na que a cámara pegada a un personaxe e o seu día a día real revelan feituras de ficción, así como un rigoroso traballo escenográfico cos protagonistas. O implacábel sometemento á economía capitalista, cun pequeno empresario tentando manter a flote un negocio que dende as primeiras imaxes xa se intúe condenado á quebra, é o centro doutra proposta limítrofe, na que, do mesmo xeito que ocorre nalgúns traballos posteriores, só a presenza redundante da música rompe a sensación de minimalismo formal.

Atendendo á orixe tunisiana do protagonista, achamos outro risco que sinala a intención igualitaria do cinema de Claire Simon ante a itinerancia dos seus personaxes no mundo globalizado. Se en Geographie humaine descobre a estranxeiros con posgraos universitarios desempeñando tarefas precarias en Francia, á vez que a mocidade do país se ve forzada a saír fóra para ofrecer o mellor de si mesmos; este microcosmos racial tamén colle forza como fondo latente en Mimi ou Ça brûle (2006). Nesta última –se cadra a súa obra máis ficcionalizada– o escenario dun caloroso verán nun pobo do sur de Francia muta en metáfora da paixón ardente que sente unha adolescente por un home casado e maior ca ela: no medio desa calor sufocante, o incendio emocional provoca outro físico que arrasa con todo o construído. A autora, de novo, revela a súa mestría á hora de manexar ese punto de unión entre a paisaxe e a vivencia.

Les bureaux de Dieu (Claire Simon, 2008)

Les bureaux de Dieu (Claire Simon, 2008)

Con todo, non é até Les bureaux de Dieu (2008), o seu único traballo cunha –testemuñal– distribución comercial en España, cando Claire Simon decide engadir un novo elemento á ecuación do seu xogo habitual entre a ficción e o documentário: a presenza de actrices de renome, como Nathalie Baye ou Isabelle Carré, como mecanismo para visibilizar unha problemática tratada de xeito documental – neste caso, o control da natalidade en Francia. Todas elas, nunha nova pirueta, exercen á vez de intérpretes e de traballadoras sociais, encarando o problema á vez que axudan a dixerir a súa comprensión. Nas súas propias palabras, o que debería ser inicialmente unha ficción que excluía ás protagonistas reais da historia rematou por converterse nun híbrido de carácter moito máis visíbel, que percorreu as escolas francesas e lanzou a súa temática á orde da axenda pública. Deste xeito, a dobre necesidade combativa e creativa alimenta a necesidade de ensanchar os límites do seu cinema, de continuar cunha exploración infatigábel.

Título a título, a filmografía de Claire Simon demostrou avanzar sempre polos camiños que a directora sentiu máis útiles, á marxe de admitir unha delimitación en etapas ou etiquetas. O aparente caos estrutural deste artigo sintetiza a esencia dun cinema a primeira vista excesivo nas súas metraxes, ateigado de tempos mortos e elementos que serven para esbozar a imponencia da paisaxe en relación cos fíos condutores, que en ocasións pasan mesmo a un plano secundario. No acto cinematográfico, a súa cámara semella afirmar a primacía da liberdade: a súa como creadora, a nosa e, por suposto, a duns personaxes aos que outorga o inigualábel pracer de respirar por si mesmos ante o mundo. Cada imaxe, cada encadre espontáneo sobre eles, axuda a que todos podamos seguir gozando desa mesma liberdade.

Comments are closed.