FREE RADICALS: RESEÑA CORRESPONDENCIA(S)

Queridos Víctor e Eloy:

Primeiro de todo, presento as miñas escusas. Envío con moita demora –encargada hai meses- esta recensión da edición en DVD das Correspondencia(s). Como xa sabedes, foi editada no ultimo outono por Intermedio, o selo videográfico barcelonés de culto, unha empresa cultural de (merecido) prestixio, consecuencia da laboriosidade na selección do seu catálogo, na confección da edición mesma, do mimo e coidado establecidos en todo o proceso. E un proceso é exactamente o que recolle, unha proposta creativa artellada a varias bandas e focalizada en torno a unha idea xerminal, o fascinante intercambio de cartas filmadas entre diversos cineastas con resultados inevitablemente desiguais.

No ano 2005, auspiciada polo CCCB -logo outros centros culturais de vangarda, La Casa Encendida e Centro Tlatelolco de Ciudad de México habían de incorporarse-, aparece a exposición Todas las cartas. Correspondencias fílmicas, curiosamente iniciada co intercambio fílmico epistolar que hoxe cualificamos de matriz, o acontecido entre Víctor Erice e Abbas Kiarostami, a única das seis parellas de autores aquí ausente. A sala de cine é substituída polo centro de arte, lugar museístico ou espazo expositivo, mentres progresivamente se produce a implicación de cinco parellas máis de directores. Con diferentes graos de coñecemento e a través de preferencias manifestadas polos creadores autóctonos, xorden os dúos formados por José Luis Guerín-Jonas Mekas, Albert Serra-Lisandro Alonso, Isaki Lacuesta-Naomi Kawase, Jaime Rosales-Wang Bing e Fernando Eimbcke-So Yong Kim.

A presenza de francotiradores creadores nas marxes ou tenues franxas da (tentativa de) independencia, facilita o intercambio de perspectivas, impresións, paixóns, decisións formais, puramente imaxes. As lindes da (auto)representación, a interdependencia das pezas de cada correspondencia, a ‘golosa’ coexistencia de interlocutores (desde o director co que se mantén a relación epistolar ata o propio espectador) amosan a riqueza e particularidades deste reto.

En palabras de Jordi Balló, asistimos a “intercambios íntimos, non privados”. A excelencia acadada polo dúo José Luis Guerín-Jonas Mekas adquire corpo e significación nos aspectos máis reflexivos, ensaísticos, metalingüísticos. Tratado de estilo, idiosincrasia, procura de afinidades, retazos propulsados da propia experiencia, as cartas entre estes dous cineastas transfórmanse en expresión dunha paixón e reflexo de vida, todo a un tempo, o espírito transmutado da epístola amorosa medieval (literaria) convertido en diario, filme-ensaio, ‘collage’ brillante, estilización do seleccionado e do descarte, nove epístolas polas que transitan Thoreau, a malograda Nika Bohinc, Ken Jacobs, Fred Astaire e os seus propios filmes, a captura necesaria de fragmentos de vida á que apela o propio Mekas.

O discreto traballo de Jaime Rosales ten unha axustada, pertinente réplica polo gran Wang Bing, expresión da carencia de superficialidade, exemplo da alternancia de pezas autónomas, alcanzando a auscultación das ruínas nun pobo de Yuman (China), Happy Valley. O diario e o apunte autobiográfico, unha expresión da intimidade entre dous e ante un público anónimo, imbrican a (un máis inspirado) Lacuesta e Kawase.

A veta humorística de Serra dá lugar a un ensaio de orquestra de proporcións titánicas (preto de dúas horas e media), o regreso a unha rodaxe hipotética que xa existira (Honor de cavalleria). Planos fixos, repeticións e regresos aos mesmos escenarios, diálogos pletóricos, relatando a rodaxe do filme inexistente dan paso a un Lisandro Alonso revisitador do seu cine de observación e misterio. Eimbcke e So Yong Kim pola súa parte ofrecen as pezas (poéticas) mellor cohesionadas.

Un libro/catálogo bilingüe (castelán/inglés) de máis de 400 páxinas acompaña esta edición. Con textos introdutorios de Ramoneda, Balló e Bergala, a escritura de Iván Pintor, Nicole Brénez, Anna Petrus, Olivier Père, Joana Hurtado e Sergio Raúl Arroyo plasma un suxestivo percorrido polos avatares das Correspondencia(s).

Nos epistolarios importa o comezo, quen, como, un ton, unha actitude, unha tentativa de código, de apertura, un aceno sensitivo. Agardo que a nosa correspondencia, neste período onde a comunicación a distancia flúe con distintos graos de satisfacción, teña a súa extensión no tempo, conmovedora e necesariamente auténtica. O estilo directo semella que suple ás veces as carencias, as fallas da erudición e do verdadeiro coñecemento, ao igual que o academicismo encobre desamparos, capas de superficialidade. Dáme a impresión de que os numerosos shocks dos últimos tempos non producen máis que febleza, quizais por iso non convén prolongar máis esta acción. Porque, como lembra Bergala, “toda carta está motivada por unha carencia que pretende suplir”.

Agradezo a vosa paciencia e atención.

Unha forte aperta

José Manuel Sande

_____

Cofre Correspondencia(s)

5 DVD e libro

Dispoñible por 50 euros en Intermedio

Comments are closed.